Skip to main content
A actualidade está sobrevalorada

A actualidade está sobrevalorada

By Luzes

Outro podcast no millo? Pois si, outro podcast no millo do Podgalego da man da Revista Luzes. Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero e Xosé Manuel Pereiro, nun intento desesperado por captar o público boomer e máis alá, decidímonos a compartir con que queira escoitalas, as conversas que mantemos habitualmente en privado sobre do que se fala e do que se cala, do que sabemos que pasa e do que conxecturamos que pode pasar.
Currently playing episode

2022. O mellor, o peor e o aínda peor: a web de RENFE

A actualidade está sobrevaloradaDec 30, 2022

00:00
37:46
Vodas, investiduras e bautizos (e Ferrol)

Vodas, investiduras e bautizos (e Ferrol)

Alfonso Rueda por fin atopou un oco na axenda para investirse como presidente, e esta semana pasou o trámite de facer no Parlamento a súa oferta de goberno. En que consiste? Pois en crear unha dirección xeral para comprobar se o sanchismo vai polo rego constitucional ou non, segundo as conclusións quye sacaron Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro. Non parece moito para un esforzo de case dous días (dos nosos contertulios, que os deputados cobran por iso). E aínda lles quedaron folgos para comentar a innovadora medida do goberno do alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, para axilizar a burocracia: facer os contratos exclusivamente en castelán. Tan innovadora que non durou 24 horas.

Apr 11, 202443:23
Catro vodas et Altri

Catro vodas et Altri

Que lle regalará Alfonso Rueda, o presidente en suspensión da Xunta de Galicia, ao alcalde madrileño, José Luis Martínez Almeida, polo seu enlace matrimonial? Mentres Marta Otero Mayán –que xa lle botou un ollo á lista de voda– escollería a vaixela de La Cartuja (de Sevilla, non de Parma), Ana Luísa Bouza, Antón Losada e Xosé Manuel Pereiro o que se preguntan é sobre que vantaxes políticas ou que satisfaccións persoais poden xustificar adiar a celebración dun dos días máis importantes da túa vida pola voda dun amigo dun amigo. Un compañeiro de empresa que traballa noutro centro, en definitiva. E outra cuestión crucial: sentaráno na mesa dos pequenos (baróns rexionais) ou na de autoridades/familia directa?

O que todos os catro se preguntan é do misterio que arrodea o proxecto Altri, e que saben e/ou que calan a Xunta e o Goberno central. Xa que non os nosos respectivos gobernos, pero se algún amable oínte ten información que dar, en redaccion@revistaluzes.com somos todo orellas.

Apr 04, 202439:55
Altri, vodas e bautizos

Altri, vodas e bautizos

Nos dous anos que leva a proposta roldando polos despachos, a Xunta xa sabía que o proxecto de Altri era un calote en forma de macrocelulosa, e deixou pasar, ou non sabía nada. Visto doutra forma: foi cousa de malicia ou de ignorancia? Cal das dúas opcións é peor? A Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro o asunto chéiralles mal –nunca mellor dito–. Tan mal como que esteamos pendentes da investidura de Alfonso Rueda como presidente galego por cousa dunha voda que hai en Madrid. Se aínda casase Leonor, pero o alcalde... E se aínda fose un enterro, pero postergar Galicia por unha voda... Ai se don Manuel levantara a cabeza!

Mar 21, 202444:56
A Galicia que non funciona e un tal Alberto

A Galicia que non funciona e un tal Alberto

Esta semana o noso equipo opinador de garda, Antón Losada, Ana Luisa Bouza, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro atende sen retraso e pasan unha ITV a Galicia para ver se funciona. Spoiler: sae mal. Porque pensabamos que da pandemia sairíamos mellores, mais non foi o caso para atención aos dependentes galegos, que reciben pouca e con retrasos, das peores do Estado. Quen disque saíu moito mellor da pandemia foi a parella de Isabel Díaz Ayuso, aínda que agora sexa vítima da persecución salvaxe de Facenda, que somos todos. Debe ser pola envexa que lle temos de non mercar pisos no centro de Madrid. Houbo tempo tamén para falar desa nova tradición catalá: o adianto electoral. E houbo división de opinións, Pere Aragonès non quere que Lluis Llach sexa candidato á presidencia da Generalitat e algún dos nosos non quere que cante de novo. E pechamos cunha exclusiva: resolveríamos unha incognita que non deixa durmir tranquilos aos nosos ouvintes desde hai quince días? Se non queda satisfeito co programa, devolvémoslle o diñeiro!

Mar 14, 202441:09
A nova axenda feminista e o retraso ferroviario de sempre

A nova axenda feminista e o retraso ferroviario de sempre

Este 8 de marzo reflectirá un feminismo consolidado, e máis ou menos libre do bombardeo mediático ao que estaba sometido cando estaba pilotado por Podemos. Ou polo menos iso é o que consideran os nosos podcasteiros Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro, que tamén se poñen co rebumbio das mascarillas, e porque nun sitio se compraron ben, e non fai falta mirar os papeis, e noutro foron unha corrupción como a catedral de Mallorca. Para rematar, falan de trens, deses que o ministro Óscar Puente dixo en Vigo que viñan para Galicia, e que nin había que pedir por Reis, e que agora parece nin por AliExprés van vir.
Mar 07, 202443:39
Rueda, Besteiro, Ábalos e outros líos

Rueda, Besteiro, Ábalos e outros líos

Comezará Alfonso Rueda a executar esas 872 medidas que prometeu se ganaba, ou empezará por executar os membros do seu -agora si- goberno? Sobre quen non teñen dúbidas Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro é sobre José Ramón Gómez Besteiro. O candidato do PSdeG-PSOE, seguiu o consello unánime que lle deron no pasado podcast, e queda. Quen tamén queda, pero non porque lle dixeran nada os de A Actualidade Está Sobrevalorada, é José Luis Ábalos, ese monstro da escena e da cegueira na xestión.
Feb 29, 202446:39
A análise definitiva do 18F

A análise definitiva do 18F

Quen ganou? Quen perdeu? Alguén empatou? Se non ten claros os resultados, máis aló dos números, do 18F, este podcast de servizo público xa llo aclara. Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro comentan non só o que pasou, senón por onde teñen que tirar Alfonso Rueda, Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro para que o país progrese adecuadamente. De nada.
Feb 22, 202442:50
Feijóo, ETA e outras cousas de votar

Feijóo, ETA e outras cousas de votar

As eleccións galegas sempre son unha cousa rara. Nestas do domingo que vén, por exemplo, o candidato real á reelección polo PP, Alfonso Rueda, está como metido na cama polo seu propio partido, e no seu lugar parece que se presenta Alberto Núñez Feijóo. E segundo os nosos medios públicos, Arnaldo Otegui debe concorrer con Ana Pontón nunha lista conxunta BNG-ETA nalgunha das catro circunscricións. Os de Lugo pensarán que na de Pontevedra e os da Coruña na de Ourense, ou viceversa. Mentres, hai unha chea de xente que chega no AVE ou en avión para dicirnos como somos ou a quen debemos votar. Os nosos, Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro, debullan estes curiosos fenómenos e observarán atentamento o que pode pasar. Spoiler: pasarán a xornada de reflexión arredor dun cocido.
Feb 15, 202441:20
Debates, tractores e zorras

Debates, tractores e zorras

Colea o #DebateTVG? Colea, para desgusto duns e alegría doutros. Se queren saber que e de quen, Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro contaranlles como lles parece que lles foi a cada un. E a maiores, tamén se estrañaron de que non haxa tractoradas en Galicia, coa tradición que aquí hai, e de «Zorra», ese novo hit do pop petardo. Non perdan a versión que perpetra Antón Losada.

Feb 08, 202442:03
Arrinca a campaña!

Arrinca a campaña!

Nunha proba máis da estatalización da campaña, A Actualidad está Sobrevalorada canta en español! Ben, o equipo tertuliano habitual –Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro– non, pero si o fai a moderadora, Virginia P. Alonso que os invitou á súa casa: Público.es.

Nun máis difícil aínda, o noso podcast favorito fai un crossover: poderáno ver (subtitulado ao castelán) en Público.es, e escoitalo aquí, onde sempre.

Feb 01, 202457:48
Todo o que querías saber sobre a enquisa do CIS
Jan 28, 202441:05
Todo o que entra, sae

Todo o que entra, sae

Todo o que contamina é tóxico? E viceversa? Todo o que entra, sae?, tal e como asegura o conselleiro mariño e experto dixestivo Alfonso Villares? E todo o que entra na rede é peixe? Ana Luísa Bouza Santiago, Antón Losada Trabada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro desquitan o tempo vacacional debullando como un só home e unha soa muller un tema tan complexo como o dos pellets/granulado que temos nas costas. De quen é a responsabilidade? A sociedade é a culpable? (sociedad no hay más que una y a tí te encontré en la playa), En que mans estamos?
Jan 12, 202439:27
Pitos, frautas, glamour e Vicente del Bosque

Pitos, frautas, glamour e Vicente del Bosque

Que ten que ver Vicente del Bosque coas eleccións galegas? Que pasa cos pitos en Galicia, que hai que importalos de Portugal? Era legal ou ilegal? Alfonso Rueda ten glamour ou non e a quen lle importa? E falando de eleccións, para cando? Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro desvélannos estes misterios, cal Malva&Duarte.
Dec 21, 202332:41
Traballadores secuestrados, profesorado pechado e listas abertas

Traballadores secuestrados, profesorado pechado e listas abertas

O novo capitalismo é profesional, moi profesional, que dicía o outro. Usa os traballadores como reféns para obter cartos públicos, e se non, miren para Alcoa, que aos dous anos de asinar un acordo para dez, xa está poñendo a man, para non pechar, di. Pechar, péchanse os representantes sindicais da maioría do profesorado, para que os reciba o conselleiro do ramo, Román Rodríguez, pero nin pechándoselle na sala de agardar dan falado con el. Destes asuntos sindicais, e da plataforma de Sumar Galicia que a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, presentará en sociedade este sábado –e que esta web adiantou– faron os catro laretas de garda: Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro. Diso e doutras cousas que saberán se escoitan o podcast.
Dec 15, 202340:59
Pisados e separados

Pisados e separados

Que é o que máis lle gusta máis a un periodista farto de titular con declaracións? Un informe con datos. Un informe do que sacar conclusións políticas, por suposto. Como o informe Pisa sobre as competencias da rapazada no ensino. Uns datos que o mesmo serven para sacar peito pola bondade da nosa política educativa como que lamentarse a fondo polas consecuencias das nefastas medidas dos demais, por moito que os expertos digan que a cousa non é así. Explícao alto e claro Antón Losada, e Ana Luísa Bouza, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro dánlle a razón, porque se a ten, hailla que dar.

Neste episodio, que non é do Reis nin sequera o de Nadal, tamén se fala do divorcio cantada entre o Sumar de Yolanda Díaz e o Podemos de Iglesias Montero-Belarra, e de como pode afectar ao resultado das eleccións galegas. A conclusión é que Alfonso Rueda, un home normalmente circunspecto, anda a aplaudir coas orellas.
Dec 07, 202339:28
Gallego, vente pa Madrid (pero non en tren)

Gallego, vente pa Madrid (pero non en tren)

«Este vaise, e aquel vaise, e todos, todos se van» laiouse Rosalía. A nosa poeta nacional non se refería precisamente ao Congreso e ao Goberno a onde ían os homes que abandonaban Galicia, pero estes son outros tempos. Primeiro foi Yolanda Díaz, logo Feijóo, e tamén Marta Lois e Miguel Tellado, Pedro Puy, Paco Conde, Rosa Quintana e José Ramón Besteiro, por quedármonos cos máis coñecidos. En Madrid xa se queixan da invasión e chaman aos xornalistas de aquí a preguntar quen é Fulano ou de que pé coxea Mengana. Os galegos e as galegas vanse para Madrid, pero que non o fagan en tren, ou pasáralles como, entre outros, a Antón Losada, que lle conta no episodio de hoxe a súa aventura ferroviaria a Ana Luísa Bouza, Xosé Manuel Pereiro e Marta Otero Mayán, que non acreditaban (sobre todo Marta, que andaba apatrullando Londres).

Dec 01, 202334:11
Os trens non corren, Baltar agora tampouco

Os trens non corren, Baltar agora tampouco

Como nos vellos bos tempos, non hai tren que chegue á súa hora. Amañará a desfeita o novo goberno de Pedro Sánchez? Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro non soamente ignoran a resposta, senón que se confesan un tanto desnortados pola recomposición do gabinete, tanto pola distribución de competencias que se fixo como pola identidade dos encargados de levalas a bo termo. Quen xa sabe ao que se enfronta é Manuel Baltar, que vai ser xulgado no Tribunal Supremo por andar de fitipaldi pola autovía.
Nov 23, 202336:21
Como dixo Machado…

Como dixo Machado…

Terán que lle agradecer aos nosos falantes, Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro, que viran e escoitaran a mor parte do debate de investidura (Ana Luísa mesmo tomou notas) de Pedro Sánchez aka «El Hijo de...», para poder estar todos de acordo, máis ou menos, na súa análise do que pasou alí. E como poderán escoitar, os detalles nos que uns non repararon, a outras non se lles escaparon, porque oito ollos e outras tantas orellas ven e escoitan máis que o par que todos temos de serie.

Nov 16, 202338:18
Acordos á galega e putodefender España

Acordos á galega e putodefender España

O podcast desta semana revisa de adiante cara atrás e de atrás para adiante o contido da negociación do BNG co Goberno en funcións para darlle o «sí, quiero» a Pedro Sánchez na investidura, negociación que non espertou as iras da dereita, quizais porque non baixaron o acrobat para ler pdfs. Pero como non todo vai ser serio, Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro comentan o minuto e resultado das manifestacións anti-amnistía e contra o mundo en Madrid. En provincias teremos cine, teatro e concertos pero para outro tipo de espectáculos sigue sen haber outra que ir á capital.

Nov 09, 202337:41
E Galicia que?

E Galicia que?

Os milagres do podcast. Nada máis gravar o episodio desta semana, no que o equipo falante habitual –Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro– se estrañaban de que na pedrea (nunca mellor dito) da investidura a Galicia non lle tocase nada, e cando acababan de escribir cada un a súa carta para os Magos de Oriente das transferencias (para as princesas herdeiras non, que xestionan aínda menos que os reis), a actualidade ataca arteiramente e comunica que Pedro Sánchez e Néstor Rego (ergo: PSOE e BNG) veñen de acordar o voto positivo dos nacionalistas galegos para que o Goberno máis progresista da historia de España recunque. A cambio de que? Pois dunhas rebaixas nas autoestradas, e din que unha rifa para un xamón aló polo Nadal. Sen ser moita sorpresa, menos é nada. E desde logo é máis do que acadaron os outros deputados galegos dos outros partidos, que non moveron nin unha pestana para pillar algo na rebatiña. E namentres, Baltar deixa a vara de mando, todo por algo que comezou cunha multa de tráfico. A ver se vai ser certo que en Galicia todo discurre arredor das estradas.

Nov 03, 202344:12
Mestres en folga, Rueda on Tour e Querida Yolanda

Mestres en folga, Rueda on Tour e Querida Yolanda

A xente que atende á rapazada, sexa nas garderías, nos colexios ou nos institutos, anda levantisca. Ou iso parece, porque están de folga, e non porque pidan máis cartos, senón porque queren atender mellor ao alumnado. Quen non para é ese presidente do que vostede me fala, porque cando non andas nos platós da TVG, anda polas estradas atopándose casualmente con vellos ciclistas. Para que logo digan que gobernar non dá choio. E falando de choio, o presidente en funcións e líder efectivo do PSOE, Pedro Sánchez, e a vicepresidenta en funcións e xefa práctica de Sumar, Yolanda Díaz, acordaron os deberes que se poñer se a cousa vai adiante pasan de gobernantes provisorios a definitivos (por un tempo). Todo nun ambiente de amor e buen rollo que levou aos nosos conversadores Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro e falar con máis harmonía da habitual, e a tratarse cordialmente de «queridos» e «queridas».

Oct 25, 202341:07
Besteiro renacido e o galego prohibido

Besteiro renacido e o galego prohibido

Con menos suspense que nunha película de Santiago Segura (pero con tanta demora no desenvolvemento narrativo), e máis trailers que unha da Marvel, o PSdeG-PSOE escolleu xa candidato á presidencia da Xunta: con todos vostedes, e como non podía ser doutro xeito: Xosé Ramón Gómez Besteiro. E con todos vostedes tamén, un tal Xosé Clemente, que foi o responsable en orixe (e logo todos os que non o remediasen) de que na ABAU non se vaia preguntar pola situación do galego anterior á proclamación do Estatuto de Autonomía, non sexa que as tenras mentes da xente nova se vaian estremecer con descricións similares ás que Dante fixo dos círculos do inferno na súa Divina Comedia.

E falando do inferno, pero aquí, Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro falaron tamén das enormes tragadeiras da prensa española e internacional sobre as informacions (?) do que está a pasar en Gaza.

Oct 20, 202343:33
Rueda enfadado, litoral recurrido e Jácome no mercado

Rueda enfadado, litoral recurrido e Jácome no mercado

Non viron o apaixonante debate sobre o estado da autononosa? Non se preocupen, o noso equipo tertuliano habitual Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro– si (ou polo menos unha parte cualificada del), e xa lles contan. O que máis lles chamou a atención é que o presidente-por-accidente Alfonso Rueda, parecía máis enfadado do que debería estar alguén que ten unha maioría cómoda na cámara, e cunha única persoa nela, Ana Pontón, que será candidata nas vindeiras eleccións galegas a ocupar o seu posto.

Tamén falaron do inaudito recurso presentado polo Goberno central á lei galega que pretende regular os usos no litoral de Galicia. Un recurso inaudito porque esa é unha competencia recollida no vixente Estatuto de Autonomía, e en todo caso, o raro é que nunca se tivera feito unha lei reguladora. Claro que nunca antes se pensaba que o litoral podía ter un retorno económico máis alá da pesca...

E por último comentaron ás carreiras –Marta Otero tiña que coller un tren–o caso de Gonzalo Jácome, o alcalde de Ourense que pretende estar presente, só ou en coalición con outros, no vindeiro Parlamento de Galicia.

Oct 13, 202334:31
Lanrobers, Felpudo e xabaríns

Lanrobers, Felpudo e xabaríns

Quedou O Noso ExPresidente tocado, afundido ou reforzado despois de que o Parlamento non o recoñecera como gañador das pasadas eleccións xerais?

Na TVG contemplan que Ana Pontón vaia convidada a Luar en compensación polo inicio de campaña que Alfonso Rueda fixo en Land Rober?

Por que a extrema dereita e a dereita extrema, tan celosas da monarquía, alcuman despectivamente –moi despectivamente–Felpudo VI ao que ocupa actualmente o cargo? Está mellor visto polo lado destro do espectro ideolóxico que un rei non cumpra coas súas obrigas fiscais (por non falar dos seus votos matrimoniais) que siga os ditados da Constitución?

Asolagarán As Pontes de promesas de reindustrialización da mesma forma que asolagaron o buraco da mina?

Que andan fozando –nunca mellor dito– os xabarís polo medio das cidades e das súas institucións? Os contertulios habituais, Ana Luísa Bouza, monseñor Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro son quen de tocar estes temas, e outros relacionados ou sen relacionar sen despeitearse.

Oct 05, 202345:06
Dous galegos e un destino

Dous galegos e un destino

Rematou o verán e volvemos ao traballo. Antón Losada, Ana Luisa Bouza, Marta Otero e Xosé Manuel Pereiro comentan a fracasada investidura de Alberto Núñez Feijóo. Ou non foi un fracaso? Estaría Feijóo buscando algunha outra cousa ademais de chegar á Moncloa?

E o PSOE, atinou na súa estratexia? Están retomando actitudes erradas?

Debería ter introducido algunha outra chave no seu discurso o BNG?

Para todo isto e algunha cousa máis, aproveitando para lembrar a Pepe Domingo Castaño, servíu o primeiro programa.

Agora axúdanos a loitar contra o síndrome posvacacional escoitándonos e recomendándonos entre as túas amizades.
Sep 29, 202342:21
A análise definitiva do 23X: por primeira vez, non todos gañaron

A análise definitiva do 23X: por primeira vez, non todos gañaron

A Actualidade Está Sobrevalorada, o podcast preferido das élites cualitativas deste país, despide a súa segunda tempada analizando esta pasada convocatoria electoral, na que por unha vez, todo parecía que estaba claro, pero nada foi o que parecía. E a primeira, desde que hai rexistros, na que non todos gañaron, e aínda máis: os creadores de opinión publicada recoñecen que meteron o zoco. Todo iso nas esclarecedoras análises de Ana Luisa Bouza, Antón Losada e Marta Otero Mayán, mentres Xosé Manuel Pereiro dirixía o tráfico de ideas coa habelencia de poder tocar tamén o asunto das celebracións do Día da Patria/Nacional e comentar os comportamentos da nosa clase política en data tan significativa.
Jul 27, 202346:20
O globo de Betanzos, eleccións e outras ascensións

O globo de Betanzos, eleccións e outras ascensións

Sube o globo ou non sube? Pincha ou que? O de Betanzos, que se eleva todos os anos polas festas desde 1814, está como que non por un encerellamento político, pero tamén hai outros globos en cuestión. O da vitoria inapelable e ineludible de PP+Vox o domingo 23. O equipo médico habitual (Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán, Xosé Manuel Pereiro) tómanlle o pulso aos dous. E como dicía un vello galeno: «humm… no me gusta nada la orina de este enfermo». Xente de antes, xente bruta. Pero a de agora non parece moita máis fina.

Jul 21, 202333:08
Ofrendas e mentiras

Ofrendas e mentiras

A nova alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, asegura que non participará no acto relixioso ese no que o Rei, en persoa ou mediante subcontrata, lle pide ao Apóstolo (á estatua que está na catedral) que faga o que o poder real –en todos os aspectos– non quere ou non pode facer. A oposición revólvese, e O Neno da Aldea (Feijóo) advirte que está disposto a cubrir calquera oco institucional que haxa. Antón Losada (que, ao contrario de Feijóo, é vecino de Santiago) di que el é
partidario de encher todos os buracos institucionais, pero que a alcaldesa fai ben en non ir onde non quere. Ana Luísa Bouza e Marta Otero Mayán, rebordando sororidade, concordan con Goretti Sanmartín, e Xosé Manuel Pereiro opina tamén algo, pero non se lle entende.
Onde non hai sororidade que valla, e a fenda xeneracional ábrese a ful, é no caso do debate electoral entre O Guapo e o Neno da Aldea. Marta Otero prefire os debates medidos e ordenados, e Losada e Bouza apostan polo cruce libre de mentiras e medias verdades. Pereiro, pola súa parte, debeu aforrar velo.
Jul 13, 202340:37
Himno, Tangana e campaña

Himno, Tangana e campaña

«Oliveira de cen anos...» Poden uns deportivistas pechados recoñecer as virtudes do Himno do centenario do Celta? E as excelencias como compositor de C.Tangana? Nalgún dos casos, si, e noutros non. Para descubrir que opinan de cada cousa Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro, non terán outra que escoitar este episodio de A actualidade está sobrevalorada (ou polo menos os 15 primeiros minutos).

O resto vai da analizar as virtudes e as carencias das campañas electorais das respectivas formacións que compiten este 23X.

Se escoitan cousas raras no audio do final non fagan moito caso e disimulen, que igual é tamén cousa da fenda xeracional.

Jul 07, 202334:22
Turistofobia, Baltar e Feijóo (que en español se llama Haba)

Turistofobia, Baltar e Feijóo (que en español se llama Haba)

Vén o verán, e con el a calor, as moscas e os turistas. Que facemos con todo iso, en particular cos turistas, e máis en particular aínda cos que se comportan como non se comportarían alí de onde veñen? Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro debaten sobre o asunto, co ánimo de achegar solucións que lle sirvan a Goretti Sanmartín e otros responsables de cidades invadidas. Cos turistas, sen que unha cousa teña que ver coa outra, apareceron tamén os que nos din que «Hablan español» e como se chaman as poboacións de Galicia.

Os nosos conterturlios debaten tamén sobre quen paga todo iso e se paga a pena facer un crowdfunding para poñer un valado publicitario nas rúas madrileñas "Orense" e "Ginzo de Limia".

Jun 30, 202343:00
A rica diversidade de España: de Ourense a Estremadura

A rica diversidade de España: de Ourense a Estremadura

A Actualidade está sobrevalorada brinca hoxe de Rodeiro a Ourense (capital), de alí a Ourense (provincia) e, tirando cara afóra, por Xinzo e Viana do Bolo, para saír completamente e recalar en Estremadura, onde a xente do PP non atura o racismo, ata Valencia, onde non teñen problema en convivir con esa lacra, pasando polas Baleares, onde quen preside o Parlamento rexional asegura que as mulleres son agresivas porque non teñen pene (tal cal). É a rica diversidade das Españas, constatan Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro, que trouxeron de invitado a Iván Olmos Ferreiro.

Jun 22, 202336:10
Baltar o fillo non é Baltar

Baltar o fillo non é Baltar

Xa o dicía Ico, o cantante do Sonoro Maxín, e xa o dixeron Ana Luisa Bouza, Antón Losada, Marta Otero e Xosé Manuel Pereiro (polo menos algún deles) nos podcast anteriores. Manuel Baltar, Baltar fillo, non é Baltar, José Luis Baltar. Acaba de renunciar á herdanza, apretado polos seus. Diso, e de dimes e diretes varios da política galega, estatal e mesmo local, discurre este novo episodio de A actualidade está sobrevalorada, pero, hai que recoñecelo, o espirito de Baltar planea sobre toda a conversa.

Jun 15, 202344:45
Cousas serias e cousas do politiqueo

Cousas serias e cousas do politiqueo

De que valen os protocolos de protección por moito que cumpran se o resultado é un asasinato? Pode ser un acoso no que rexistraron 56 actuacións cualificado de «risco medio»? Que o maltratador sexa membro dos corpos e forzas de seguridade do Estado é un agravante ou non? O asasinato de Vanesa Serén en Oia a mans da súa exparella presenta estas e outras interrogantes.

E interrogantes hai, unha chea, no mundo pos e preelectoral. Beade (apoiará o excalde do PP ao PP?); Santiago (apoiará o PSdeG ao BNG, ou tan sequera ao PSdeG?), Pontevedra provincia (quen triunfará, Vigo ou Rodeiro?). E logo os clásicos: Ourense (concello e provincia), ese mundo propio, e a esquerda da esquerda española, ese planeta particular.

Pasen e escoiten.

Jun 08, 202340:39
Aquí tamén pasou o que pasou (e o que pasará)

Aquí tamén pasou o que pasou (e o que pasará)

A historia desenvólvese ciclicamente, pero como non nos podemos bañar dúas veces no mesmo río, pensamos que todo son novidades. Non, o que pasa xa pasou, e volverá pasar, ou non. Ou quen  sabe. Os nosos catro contertulios habituais, Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro sofren a síndrome de San Ero de Armenteira. Deixaron o episodio da semana pasada co país a piques de celebrar unhas eleccións, e Manuel Baltar de ser xulgado, e resulta que hai convocadas outras, e Baltar zafou do banquillo. Así e todo, son quen de debullar incisivamente os resultados do 28M. Xa saben, unha vez máis, aquí pasou o que pasou, como resumiu sabiamente Manuel Iglesias Corral.

Jun 01, 202342:10
Porra 28M, Ourense e o resto

Porra 28M, Ourense e o resto

Os nosos contertulios habituais, Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro tentan conxurar os nervios prevotación da forma habitual nesta politica futbolizada: facendo unha porra. Non lles adiantamos os resultados (da porra) porque non fixeron máis que achegar matices e así non hai forma. De todas formas, para explicar que pasa en Ourense, invitaron a participar a un experto: Iván Olmos Ferreiro, do dixital Ou Ké! (entre outras cousas)

May 25, 202342:28
Falade galego

Falade galego

Os datos sobre o uso do galego (do idioma) non respectan nin o Día das Letras. Antón Losada, Ana Luísa Bouza, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro falan de como de negativos son, ou non, e lembran como caeron eles no feo vicio de falar galego.

Tamén lembran que non houbo elección ningunha na que a esquerda abertzale non incluira a persoas que foran condenas por terrorismo nas súas listas, pero agora é a primeira vez que se monta un escándalo tal. Estaba o escándalo agardando que Alberto Núñez Feijóo fose presidente do PP? É casualidade? Ten algo que ver que as expectativas electorais conservadoras teñen os mesmos signos de saúde precaria que o galego (o idioma)?

May 18, 202342:28
Baltar, Jácome e os golpes ao grande

Baltar, Jácome e os golpes ao grande

Actualidade está sobrevalorada está a estudar trasladarse a Ourense, habida conta de que, como asegura no episodio de hoxe Marta Otero (Mayán), esta é a única cidade onde está a desenvolverse unha campaña electoral campaña-campaña. Iso, ou buscar un ourensán de pura cepa, con oito apelidos ourensáns (Cid, Outeiriño…) que nos explique ese estraño mundo no episodio seguinte. Mentres, Antón Losada asegurou que non hai electorados inocentes e que todo o mundo sabe o que vota. Ante esa opinión autorizada, Ana Luísa Bouza e Xosé Manuel Pereiro fan unhas intervencións de aliño, e cambian ao asunto Sálvame como unha vitoria máis do relato das dereitas. Ou algo así

May 11, 202338:37
Médicos, pluses, Bolaños e a Guarda Civil

Médicos, pluses, Bolaños e a Guarda Civil

Os médicos que levaban días en folga conseguiron un acordo coa Xunta: a igualación dos pluses: 905€ brutos ao mes todos, traballan só na pública, ou na pública e tamén na privada. E estes –Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro– que pensaban que:

1.- A Xunta non tiña máis cartos para meter en Sanidade

2.- Os médicos protestaban demandando máis calidade asistencial.

Ben, pois si que había cartos, e a calidade asistencial, pois xa se verá.

Outro que tamén estaba enganado era o Ministro da Presidencia Félix Bolaños, que pensaba erradamente que por ser ministro tiña dereito a estar na tribuna de autoridades dunha festa rexional. Por favor, onde está a Guarda Civil cando se precisa dela?

May 05, 202340:54
Speedy Baltar e a Beltraneja en Sanjenjo

Speedy Baltar e a Beltraneja en Sanjenjo

Manuel Baltar, aka Baltar fillo, demostra unha vez máis que iso do inmobilismo non vai co PP, ou polo menos co PP de Ourense. Vaille máis o automobilismo. Xa sabiamos que os Plans de Vías e Obras das Deputacións era para que as estradas estivesen en condicións, pero non tiñamos claro todas as implicacións do asunto.

Mentres, en Sanxenxo capean o temporal como poden. O Emérito sen poder navegar e desmentindo que teña unha filla que se chama Alejandra (ollo, non que só teña dúas). E os de Sanxenxo o resto do ano aturando a RAE que asegura que dicir «Sanjenjo» limpa, fixa e dá esplendor. Expectación en Niño de la Guía por se son os seguintes.

A todo isto, Ana Luísa Bouza volveu da súa misión secreta, pero non aclarou moito á troika Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro en que consistiu.

Apr 28, 202336:51
Tractoradas, un bribón que vai ao cárcere e outro a Sanxenxo

Tractoradas, un bribón que vai ao cárcere e outro a Sanxenxo

Dous milleiros de gandeiros de carne, coas súas vacas e os seus tractores, ocuparon o centro da cidade de Lugo para protestar polos baixos prezos. A eles páganlles a 5€ o quilo, cando producilo custa 7€ e pico. Como a cesta da compra subiu case un 20%, onde van eses cartos, pregúntanse Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro. Quen está claro cara onde foi é Manuel Fernández de Sousa-Faro: á prisión de Soto del Real (a máis chic do noso sistema penitenciario, ao parecer) para cumplir seis anos de condena polas malas artes contables que uso en Pescanova. E tamén se sabe para onde colleu Juan Carlos I, aka El Emérito. A Sanxenxo, onde se non?

Apr 20, 202339:22
Concesionarios avariciosos, borbóns e outras familias rotas

Concesionarios avariciosos, borbóns e outras familias rotas

O Emérito ataca outra vez en Sanxenxo, e o único que parece alegrarse é Alfonso Rueda. Incluso o seu fillo (Felipe VI, non o de Rueda) se pon de perfil. O que dá un paso adiante é outro pai, Suso Díaz, para pechar a candidatura dos que, segundo o relato de Madrid, son os contrarios á súa filla Yolanda. Mentres, as concesionarias das autoestradas consideran, como Juan Carlos I, que teñen todo o dereito a reclamarlle á Administración o que deixaron de gañar co confinamento. Os nosos analistas de garda. Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro, debullan os acontecementos, mentres Ana Luísa Bouza non queda claro se non comparece para asistir ás exequias de Fernando Sánchez Dragó ou, como ela asegura, anda de cruceiro polo Mar Exeo (o do Mediterráneo, non o que se estampou contra a Torre de Hércules hai 30 anos).

Apr 13, 202342:08
Xa é primavera no PSdeG

Xa é primavera no PSdeG

Quen somos, de onde vimos, cara onde imos? Os grande interrogantes de sempre agora teñen novos ítems. É o ascenso a ministro un premio, unha promoción, un aparcamento para facer sitio ao que vén detrás?
Novatos no cargo que xa teñen moita experiencia previa, tanta como para que lles suplanten a identidade en Twitter e que pouco teñen que envexar, nesta primavera do PSdeG, ao mesmo Lázaro resucitado.
O baile entre Miñones e Besteiro, con música de Sánchez, fixo que quedara esquecido novamente o noso presidente en comisión de servizos e o seu problema coa axenda sen contido de Ursula von der Leyen. Nin foto nin moita atención mediática.
E o repaso da semana non podía rematar sen que Antón Losada, Ana Luisa Bouza, Marta Otero e Xosé Manuel Pereiro fixeran un pouco de revista de prensa e comentaran a portada do ¡Hola!. Se o noso Alberto comenta o tema, quen somos nós para ignoralo?
Media horiña longa de análise, máis profunda do que poida parecer polas risas que se escoitan. Non a deixes escapar.

Mar 30, 202339:47
Comunismo ou Tamamazo... e Paco Vázquez!

Comunismo ou Tamamazo... e Paco Vázquez!

Esta semana Antón Losada, Marta Otero, Xosé Manuel Pereiro e, sobre todo, Ana Luisa Bouza, viviron con intensidade a moción de censura protagonizada por Ramón Tamames.
Confundindo se cadra o verde do partido impulsor da moción de censura co do CDS, convertíu o Congreso dos Deputados nun circo no que non faltou algún pallaso e acabou pedindo a hora como se fora un partido de futbol apretado.
Por se non chegara co espectáculo, desde A Actualidade está sobrevalorada andan argallando unha plataforma, que esta semana ben podería ser unha Platajunta, reclamando que veña Paco Vázquez para salvarnos. Será do aburrimento.
Como di a frase popular, vai o vello morrendo e vai aprendendo, como a Xunta do PP, que novamente trascordou e anunciou que retomará os pasos do bipartito para que a Administración participe nos beneficios da explotación eólica.
E os que deberían ir aprendendo antes de chegar a vellos son os membros da Comisión galega da Competencia para que non teñan que explicarlles máis veces desde a Xustiza como facer o seu traballo.
Para toda esta xente e unha pouca máis mandaron recados esta semana os amigos, os camaradas, os socios ou os adversarios de A Actualidade está sobrevalorada. Non sei que agardas para escoitalo.

Mar 23, 202338:48
Narcosubmarinos, mordazas e papel hixiénico

Narcosubmarinos, mordazas e papel hixiénico

Apareceu un novo narcosubmarino nas nosas costas. A imaxinación dos nosos contertulios, Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro dispárase e vislumbran, cal emprendedores, unhas novas oportunidades de negocio. Pode ser este un novo atractivo turístico? (cea romántica no fondo da ría, a ruta dos desembarcos…).

Os catro debullan tamén a derrogación da Lei Mordaza, a poza que o PSOE non quixo pisar, e na que quizais se meteron os grupos auxiliares de goberno.

E para rematar, os recordos de hai xusto tres anos, cando se decretou o estado de alarma pola pandemia do Covid 19 e o conseguinte confinamento. Onde estabas ti? Mercando moreas de papel hixiénico, quizais?

Mar 16, 202344:56
A escala Ritcher da corrupción en España

A escala Ritcher da corrupción en España

Que corrupción é peor? A dos políticos? ¿A dos xuíces? A das institucións? A das administracións? A dos medios? A dos empresarios que sustentan todas elas, ou a da cidadanía que as consente mal que ben? No episodio 18, Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro convértense en corruptómetros e analizan os diversos casos: o Tito Berni e o xeneral da Garda Civil mangón do caso Mediador, o do maxistrado que coleguea co xefe da «policía patriótica» no caso Kitchen...

Non contentos con iso, tamén debullan se a duplicidade ou triplicidade (?) das convocatorias do 8M é un cisma do feminismo, ou é un fenómeno froito da natural diversidade?

Xa saben, A actualidade está sobrevalorada, o podcast que non deixa pregunta sen resposta, e viceversa.

Mar 09, 202339:09
A resposta, o negocio e Ferrovial están no vento

A resposta, o negocio e Ferrovial están no vento

Caso Ferrovial: co caso Ferrovial, a metade dos medios e da clase política española descubren de pronto que as grandes empresas van onde queren a pagar (ou a non pagar) os impostos, independentemente de onde traballen. Non se estrañarían tanto se reparasen en que iso foi o que fan as empresas que teñen sede social en Madrid e fan os cartos en Galicia. A outra metade da clase política e mediática parécelle moi ben que unha multinacional que lle meteu un pufo á facenda pública de 200 e pico de millóns e está pendente doutras sentencias se vaia aos Países Baixos.

E falando de facer os cartos nun sitio e levalos cara outro, Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro comentan tamén o plan que a ministerio de Teresa Ribera se sacou dun caixón, poñendo muiños eólicos no mar onde lle presta. Máis da metade fronte das costas galegas. O presidente Rueda quéixase de que non contan con el, e que non é plan, pero si que o é (polo menos administrativamente.

E para rematar, a alegría de que a ditadura iraní liberase á coruñesa Ana Baneira do cárcere onde levaba catro meses por participar nas manifestacións de mulleres, e a sorpresa de que a diplomacia española non consiga un éxito similar co Pablo González, o xornalista español que leva un ano en prisión preventiva, illado, nunha prisión dunha democracia integrada na UE como Polonia. Neste caso, a resposta si que non está no vento. Nin en lado ningún.

Mar 03, 202339:28
Xente de ben, xente de mal

Xente de ben, xente de mal

Somos xente de Ben, tal e como se reivindica Alberto Núñez Feijóo? Xente de Mal, como se recoñece Antón Losada? Ou xente de Suficiente, como admite Marta Otero Mayán? Canta xente de ben queda, reflexiona Xosé Manuel Pereiro, descontando comunistas e bolivarianos, homosexuais que casan, mulleres que abortan, rapazas que pasan a ser rapaces e viceversa? Mentres debatemos todo iso, Ana Luisa Bouza lembra a dous que se foron hai nada: Amancio Amaro, xoia do Deportivo que luciu no Real Madrid, e Rafael Pillado, líder obreiro que sempre estivo á par dos seus.
Feb 23, 202342:15
Manifestacións, cocidos, ovnis e oleodutos

Manifestacións, cocidos, ovnis e oleodutos

Ducias de milleros de galegos e galegas manifestáronse en Santiago contra a política sanitaria de Isabel Díaz Ayuso, ou esa debe ser a conclusión que sacaron moitos dos que viron a noticia nos informativos televisivos de ámbito estatal. Ana Luisa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro desvelan que non, que contra o que protestaban os manifestantes en Compostela era contra a política sanitaria da Xunta, que pese ao que considera o seu presidente, Alfonso Rueda, é unha forma de facer política (mala política, en concreto). Rueda quitoulle importancia á protesta indo á Feira do Cocido a Lalín, pero días antes acordou unha serie de medidas que contradicían a política sanitaria que seguira ata o de agora. Como poderán escoitar a Marta Otero no podcast, debe ser a primeira vez que unha mani consigue a priori os seus obxectivos (polo menos algúns).

Tamén se debullaron misterios propios da serie Expediente X, de grato recordo para Antón Losada, como eses ovnis que andan a derrubar na América do Norte, e dos que sospeita que veñen de China. Máis vale, porque se son extraterrestres, empezamos mal a relación interespacial. E outro misterio, a sabotaxe ao oleoducto ruso, que os Estados Unidos ameazaran como facer, e agora que un xornalista os acusa  de facelo, desmínteno. «Era broma», parece que dixo un voceiro da Casa Branca.

Feb 16, 202341:14
O Supremo, ENCE e outras bandas

O Supremo, ENCE e outras bandas

Como nas películas de Hollywood, a factoría de Ence queda na ría de Pontevedra por unha decisión no último minuto, na última instancia. Por dúas, en realidade. A primeira, cando o pontevedrés Rajoy, xa desaloxado da presidencia do Goberno, pero en posesión aínda da vara de mando para as cousas urxentes e impostergables, decidiu concederlle 50 anos de prórroga á Cheirona. A segunda, cando o Supremo, nunha sentencia tan vaga como o que tomou a decisión anterior, decide que si, que vale, que entrou. Así, así gana el Madrí.

Aínda non se recuperaron os nosos contertulios das explicacións polo miudo que dá sobre o asunto o profesor Antón Losada, cando abordan outro tema: hai bandas latinas na Coruña? (fóra o Combo Dominicano). Marta Otero Mayán, sagaz periodista local di que non, pero que xa hai quen anda diciendo que Os Mallos son como o Bronx. Ana Luisa Bouza lembra aquelas batallas a pedradas entre os de Korea e os de Katanga, que iso si que eran bandas, e Xosé Manuel Pereiro non desbota de que nos Castros non se agoche unha célula durminte da Mara Salvatrucha.
Feb 09, 202340:47
Non era un rescate, é a túa hipoteca

Non era un rescate, é a túa hipoteca

A banca española acaba de anunciar beneficios que nunca tal se vira. 6.000 millóns de euros, 9.000 millóns… e só co negocio en España, sen contar o que andan facendo polas afóras. E todo pese ás ansias confiscatorias do goberno socialcomunista bolivariano que pretende saquearlles un 8! –repetimos, un OITO por cento– desas ganancias, coma se fosen un asalariado calquera (ben, os asalariados non baixan dun 20%, pero ingresan o soldiño todos os meses, sempre e cando non os boten). Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro dedican o seu improductivo tempo a comentar a xogada e rosmar datos como os 75.000 postos de traballo que se cargou o sector, a metade das oficinas, os 60.000 millóns de euros de rescate do que só devolveron o 10% e outras manganchas fiscais que os levaron a aforrar outro tanto en pagos a Facenda.

Mentres, a Xunta non sabe que facer coa cita previa. Ou iso se desprende da información que da o equipo mediático habitual. Quitámola? Non a quitamos? Porque quitala para volvela poñer é tontería… Para que vale?.

E por último, porque o mal non descansa, o caso do infiltrado policial en movementos sociais cataláns, que aproveitou a circunstancia para infiltrarse ata o infinito e máis ala. Que investigaba? Se os bancos de alimentos repartían produtos caducados? Se daban axudas a cambio do voto? O axente encuberto tiña instruccións precisas, ou demostrou demasiada iniciativa propia? Cinco señoras que se consideran enganadas e invadidas na súa intimidade presentaron denuncia. Rumoréase que lle vai tocar o asunto ao xuís Llarena.
Feb 03, 202342:44