Skip to main content
A actualidade está sobrevalorada

A actualidade está sobrevalorada

By Luzes
Outro podcast no millo? Pois si, outro podcast no millo do Podgalego da man da Revista Luzes. Ana Luísa Bouza, Antón Losada e Xosé Manuel Pereiro, nun intento desesperado por captar o público boomer e máis alá, decidímonos a compartir con que queira escoitalas, as conversas que mantemos habitualmente en privado sobre do que se fala e do que se cala, do que sabemos que pasa e do que conxecturamos que pode pasar.
Currently playing episode

AAES 4 - Botas campeiras, atención primaria e un ave rapaz

A actualidade está sobrevalorada

1x
AAES 20 - Explicaciones... ¿de que?
200 medios de comunicación e outros tantos fans juancarlistas puxeron esta finde a Galicia no mapa e ao Emérito depositado nun barco que ganou unha regata. Todo un viva antes que comentan os nosos grumetes de garda, Ana Luísa Bouza, Antón Losada e Xosé Manuel Pereiro, cun contramestre invitado, Víctor Honorato, xornalista pontevedrés asentado en Madrid, en eldiario.es, que ante a importancia do evento e pola súa correcta pronuncia do sitio, foi destacado a Sanxenxo. Agora ben, pagou a pena desprazar a Honorato e a 199 xornalistas máis para unha única declaración emérita? «Explicaciones... ¿de qué?» Pasen e escoiten.
38:30
May 25, 2022
AAES 19 - Sanxenxo, porto refuxio
Sanxenxo será esta finde porto refuxio, como a illa caribeña da Tortuga na que se acubillaban no século XVII e XVIII aqueles navegantes que tiñan unha relación tensa coa legalidade. Non nos referimos a parte máis escollida dos veraneantes de sempre, senón ao Emérito, o rei vello, que segundo informou o novo voceiro da casa real, o alcalde Telmo Martín, virá dar unhas bordadas á ría de Pontevedra. Polo demais, o nosos falangueiros habituais, Ana Luísa Bouza, Antón Losada e Xosé Manuel Pereiro tocarán tamén os apaixonantes temas no novo presidente e do novo goberno da Xunta e, como non, do días das letras galegas, esa xornada na que se celebra un tedeum oficial na honra do bilingüismo harmónico e da mansedume dos galegofalantes.
39:12
May 18, 2022
AAES 18 - o discurso do becario
Escoitan foguetes? Dianas e alboradas nas rúas? Non, porque aínda non temos presidente, pero o candidato xa leu o tema que lle tocou: «Galicia, Galicia, Galicia», e que sabía de corrido. Así que mañá non haberá sorpresa e Alfonso Rueda comezará o seu proceso de ascensión: primeiro presidente da Xunta, despois xa se verá se «O noso Alfonso». Aquí, o equipo médico habitual –Ana Luísa Bouza, Antón Losada e Xosé Manuel Pereiro– falamos diso, da directora de CNI, que non se foi e houbo que botala. De Fomento, que sigue pasando de contestarnos sobre o asunto do Villa de Pitanxo. E xa que estabamos, do Senado e todo.
34:35
May 11, 2022
AAES 17 - Cursos de espionaxe a distancia CNI
Os espías veñen do frío ou daqueles desertos non tan afastados que dicía Aznar? Hai versións de software libre do programa Pegasus ou só a que vende Israel? Por que os segredos que lle captaron ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, acadan a máis que respectable cantidade de 2,6 Gb, mentres os da ministra de Defensa, Margarita Robles, non van máis alá a uns miserentos 9 Mb, menos do que pesa unha canción en mp3? Xa que espiaron as comunicacións do lehendakari Iñigo Urkullu e do president da Generalitat, Pere Aragonés, debemos esixir, como galegos e cidadáns dunha nacionalidade histórica, que espíen tamén as de Alberto Núñez Feijóo na súa calidade de presidente aínda quente da Xunta? Por que Alfonso Rueda anda de xira polas organizacións rexionais e locais do PP? Ándase presentado e deixando tarxetas de visita? Estes e outros misterios debúllanos, coa súa agudeza habitual, os nosos analistas de garda, Ana Luísa Bouza, Antón Losada e Xosé Manuel Pereiro. Escoiten e difundan.
33:54
May 04, 2022
AAES 16 - Sempre nos quedará París (ou non)
Como en Casablanca, nas eleccións presidenciais francesas ganou o bo, pero non de todo. Quedou sen a chica. Aínda que, se Macron non se pode comparar con Bogart, a pesar de que os dous son pequenos, menos semellanza hai entre Ingrid Bergman e Marine Le Pen. Con todo, tanto Macron como Le Pen poden consolarse en que sempre lles quedará París: a el a presidencia durante cinco anos e a ela, conseguir o 42% dos votos (iso si, en segunda volta), a meirande porcentaxe nunha democracia occidental. Pero tamén España é unha democracia occidental e pasan cousas incompatibles con esa cualificación: o goberno espía aos seus rivais políticos con Pegasus, un programa indetectable e, polo que se ve, fóra de control (democrático). E a casa real, e os partidos maioritarios, deciden a que partidos lle dan explicacións (PSOE, PP, Vox, etc) e a cales non (ERC, Junts, Bildu, BNG, CUP), por consideralos «non constitucionalistas», como se os votantes de todos non contribuiran igualmente aos gastos da monarquía. E son moitos os que lle pagamos, se non non se entende que, tendo recibido desde a súa coroación uns 4,4 millóns de euros, Felipe VI, teña uns aforros de 2,57. En fin, todo iso debullado en pouco máis de media hora polo noso equipo médico habitual, Ana Luísa Bouza, Antón Losada e Xosé Manuel Pereiro, auxiliados nesta ocasión por Alexandre Mato, correspondente en Bruxelas.
32:38
April 27, 2022
AAES 15 - Algún día todo isto será teu, Alfonso.
Un suspense de medio pelo, unha rebelión que non pasou de protesta rosmona. A sucesión de Alberto Núñez Feijóo (aka «O seu Alberto»), os seus cargos, as súas pompas e as súas obras non foi à la Zaplana («toma el cargo y corre») pero tampouco algo ordenado. Ben, ordenado si. Desde arriba. Os nosos analistas de garda, Ana Luísa Bouza, Antón Losada e Xosé Manuel Pereiro debullan o azarapallado dedazo a Alfonso Rueda, con Manuel Baltar –como non– polo medio. E quedoulles tempo para deixarlle un recado ao Ministerio de Fomento.
32:59
April 20, 2022
AAES 14 - Pitanxo: nós non esquecemos
As familias dos tripulantes do pesqueiro Villa de Pitanxo, que se afundiu en augas de Terranova o pasado 15 de febreiro, seguen a reclamar que as administracións investiguen as causas do naufraxio e tamén tenten comprobar se os restos do barco gardan os corpos dalgún dos 12 desaparecidos. Kevin González, fillo do engraxador Fernando González, un dos desaparecidos, contoulle o drama dos parentes dos 21 mariñeiros mortos a Ana Luísa Bouza, Antón Losada e Xosé Manuel Pereiro e a súa desesperación polo que consideran inacción dos gobernos.
36:04
April 06, 2022
AAES 13 - Por unha presada de céntimos
Atendendo a unha enchente de peticións, o Goberno elaborou un plan de choque. Un paquete de medidas para transportistas, condutores, xente que vive de aluguer e demais familia. A ademais, é un plan que non provoca enfrontamentos no seo da coalición gobernante. Os nosos analistas de plantilla, Ana Luísa Bouza, Antón Losada e Xosé Manuel Pereiro, debullan polo miúdo as medidas, e mesmo a reacción que suscitou no líder in péctores da oposición, Alberto Núñez Feijóo, a quen decidiron chamar a partir de agora O Seu Alberto.
33:37
March 30, 2022
AAES 12 - cartas marruecas
A veces chegan cartas... e a Mohamed VI, rei de Marrocos chegoulle unha de Pedro Sánchez na que lle daba a razón –ou unha vía de escape– para o conflito do Sáhara. É dicir, despois de abandoar as súas obrigas como expotencia colonial, e desoíndo os acordos da ONU, o presidente español considera unha solución «sabia, creíble y realista» que a terra dos saharahuís teña unha autonomía, dentro dun estado no que as institucións dependen do dedo real. Os conversantes habituais, Ana Luisa Bouza, Antón Losada e Xosé Manuel Pereiro, non atinan a explicar as razóns dese trasacordo. E por moito que botasen man da axuda de Ana Miranda, responsable de relacións internacionais do BNG e de Eloy Domínguez Serén, cineasta que foi profesor de audiovisuais nos campamentos de refuxiados e dirixiu o filme Hamada, tampouco se deron aclarado.
39:07
March 23, 2022
AAES 11 - Alberto Spanish Tour 2022
Na vida de calquera hai un momento en que ten que dar os seus primeiros pasos en solitario, emanciparse da zona de confort que o arroupou ata entón. Alberto Núñez Feijóo, o que era O Noso Presidente, está despregando as ás e convértendose en bolboreta de presidente do PP de España, o Presidente Popular en Común. Os sospeitosos habituais, Ana Luísa Bouza, Antón Losada e Xosé Manuel Pereiro ven con ollos de pais orgullosos como se desenvolve o Presidente en Común por eses mundos, auxiliados pola mirada dun analista con longa experiencia na política española, Rodolfo Irago.
40:05
March 16, 2022
AAES 10 - Alberto, pluriempregado
Nos filmes de Hollywood os xornalistas sempre berran que son americanos cando os deteñen, seguro que non é o caso dos españois. E se o fan parece que ten pouco efecto, visto o que está ocorrendo con Pablo González en Polonia.  No programa desta semana visítanos Xabier Lapitz, director e presentador de En Jake na ETB, para traernos novedades sobre o seu caso.  En clave nacional (e estatal) comentamos tamén a xira por provincias do noso Alberto e o estado no que deixa ao goberno galego mentras madura as súas opcións no Partido Popular. Agora que semella que a pandemia vai rematando, a Xunta vai ter un presidente por videoconferencia.  Como cada semana, con Antón Losada, Ana Luisa Bouza e Xose Manuel Pereiro: a actualidade está sobrevalorada.
38:05
March 09, 2022
AAES 9 - Informar en tempo de guerra, para que?
Fóra dos quirófanos, as operación que se pretenden cirúrxicas acaban en carnicerías, como se está vendo en Ucraína. E tamén que, nos conflitos bélicos, a primeira vítima é a verdade, ou o que é o mesmo, o acceso a unha información plural. A UE ou Twitter tentan erixirse en xuíces do que a cidadanía pode ver, ler ou escoitar. Pablo González, xornalista freelance colaborador de Público, Gara ou Luzes foi detido no que parece unha actuación colaborativa das axencias de intelixencia ucraína (SBU), española (CNI) e polaca (ABW), e cando se cumpren case 48 horas da súa detención, ignóranse os motivos ou os cargos. O seu compañeiro Juan Teixeira, colaborador de Luzes de vello, e que leva tempo traballando na zona, conta como é informar desa guerra que levaba oculta oito anos e agora recruou coa invasión rusa. Como sempre, con Ana Luísa Bouza, Antón Losada e Xosé Manuel Pereiro.
37:25
March 02, 2022
AAES 8 - PP Wars
Mentres en CentroEuropa (Ucraína, Bielorrusia, Rusia...) sopran ventos bélicos, Génova,13 (28004, Madrid) tamén coñecida ultimamente como A casa das dagas voladoras é unha das máis sanguentes frontes da guerra declarada por Isabel Díaz Ayuso desde o edificio de Gobernación da Porta do Sol (aka Death Star). Se Putin ordenou a entrada de tropas nas rexións prorrusas que se declararan repúblicas populares, Feijóo parece que tamén move ficha cara outros territorios que sempre ambicionou. Os nosos especialistas todoterreo Ana Luísa Bouza e Antón Losada, afalados por Xosé Manuel Pereiro, analizan a delicada situación que se está a producir na estepa mesetaria, coa axuda de alguén que coñece moi ben as interioridades desde mundo, Rafa Cuiña.
37:01
February 23, 2022
AAES 7 - Ultras de Castela (e León)
Outras eleccións nas que quen gaña, perde. Ou outro caso de se algo funciona, non o cambies. As eleccións de Castela e León, ou como o PP (o Pablo Casado) foi por la (merina) e saíu trasquiado. Os gañadores son, sobre todo Vox, que neste caso non se conforma co concubinato que mantén co PP noutras comunidades e quere formalizar relacións, e as candidaturas que en Madrid chaman cantonalistas, as dos que xa están fartos de estar arrombados. Todo iso debullado por Ana Luísa Bouza, Antón Losada e Xosé Manuel Pereiro, axudados neste caso por Manuel Félix, un xornalista de Ourense que exerce en León e explica as particularidades do voto no Bierzo e en León. Biexit ou Lexit á vista?
38:60
February 16, 2022
AAES 6 - Titorial para votar con xeito
Se corre perigo de que o escollan como xurado profesional de calquera concurso ou está pensando postularse como representante do electorado en calquera cámara, élle imprescindible escoitar con atención este podcast. Os dous especialistas de garda con amplos coñecementos do tema, Ana Luísa Bouza e Antón Losada, coa colaboración estelar do cronista parlamentario de Infolibre, Fernando Varela, e baixo a un tanto errática batuta de Xosé Manuel Pereiro debullan este método de toma de decisións que Jorge Luis Borges definía como «unha superstición baseada na aritmética».
34:53
February 09, 2022
AAES 5 - Idiomas inventados e toallas. Menos mal...
Hai xente rara que canta en idiomas estraños ou inventados, e a seña de identidade de Portugal son as toallas de rizo. Son cousas que aprendemos, nós e millóns de españois, na edición 2022 do Benidorm Fest, grazas a unha televisión de servizo público. Outro medio de servizo público como A ACTUALIDADE ESTÁ SOBREVALORADA analiza toda esta problemática, e de paso as eleccións que tiveron lugar o pasado domingo no país irmán, coincidindo case co Benidormazo. Facémolo, ademais dos habituais Ana Luísa Bouza, Antón Losada e Xosé Manuel Pereiro, con Isabel Pires, deputada do Bloco de Esquerda ata este domingo, e con Tereixa Constenla, correspondente de El País en Lisboa.
41:23
February 02, 2022
AAES 4 - Botas campeiras, atención primaria e un ave rapaz
Nos últimos días producíronse dúas manifestacións contra as respectivas crises sectoriais: A sanidade pública (na Coruña) e o abandono do campo (en Madrid). A demanda de solucións para a saúde pública xa estaba tardando porque os gobernos -polo menos o de Galicia- ainda non recuperaron as porcentaxes de investimento no sector que se rexistraban en 2006, e iso despois dunha pandemia que deixou ben claro que, cando veñen mal dadas en asuntos sanitarios, o mellor refuxio –ou o único- é o sector  público. Tamén o campo está abandonado á súa sorte, pero os que máis figuraban na protesta parecían formar parte máis dos problemas que das solucións: traxes de montería, botas campeiras e a imaxe inolvidable de Rocío Monasterio (VOX) cunha ave de presa (un paxaro real) como animal de  compañía
32:24
January 26, 2022
AAES 3 - Remexendo na capitalidade
Un novo episodio con Ana Luisa Bouza, Antón Losada e Xosé Manuel Pereiro, desta volta acompañados por Rodri Suárez para falar un pouco sobre a pequena polémica sobre a reformulación (ou non) da capitalidade galega que este último promoveu en Luzes.gal: Podemos falar de Compostela? E no tempo de desconto facer apostas sobre o que pasará cando Djokovic chegue a Barajas. Chega a Madrid? Chega a España? Poderá entrar? Quen o irá recibir?
36:10
January 19, 2022
AAES 2 - Enquisas, macrogranxas e outras formas de mentir
No país das enquisas, España, nunha houbo tantas como agora. Enquisas sen regular. Enquisas sen pai nin nai e con resultados que calcan ao milímetro a liña editorial do medio que as difunde. Antón Losada, Ana Luísa Bouza e Xosé Manuel Pereiro conversan sobre o asunto e pásmanse coa polémica das macrogranxas, que mesmo se reproduce nun país, Galicia, onde non as hai, como asegura o noso invitado, Edelmiro López Iglesias doutor en Economía pola USC e experto en temas agrarios.
36:43
January 12, 2022
AAES 1 - Aquí (en 2021) pasou o que pasou
Outro podcast no millo? Pois si, outro podcast no millo da man da Revista Luzes. Ana Luísa Bouza, Antón Losada e Xosé Manuel Pereiro, nun intento desesperado por captar o público boomer e máis alá, decidímonos a compartir con que queira escoitalas, as conversas que mantemos habitualmente en privado sobre do que se fala e do que se cala, do que sabemos que pasa e do que conxecturamos que pode pasar. Desta primeira vez, damos un repaso ao recentemente falecido 2021 –tanta paz leve como descanso deixa–, a nivel nacional, internacional e mediopensionista. A seguinte, o mércores que vén, xa se verá.
33:38
January 05, 2022