Skip to main content
A actualidade está sobrevalorada

A actualidade está sobrevalorada

By Luzes

Outro podcast no millo? Pois si, outro podcast no millo do Podgalego da man da Revista Luzes. Ana Luísa Bouza, Antón Losada e Xosé Manuel Pereiro, nun intento desesperado por captar o público boomer e máis alá, decidímonos a compartir con que queira escoitalas, as conversas que mantemos habitualmente en privado sobre do que se fala e do que se cala, do que sabemos que pasa e do que conxecturamos que pode pasar.
Currently playing episode

Culpas repartidas: pacientes e vítimas

A actualidade está sobrevalorada

1x
100 anos de Fraga, 30 do "Mar Exeo" e 2 días de cultura da violación
100 anos de Fraga, 30 do "Mar Exeo" e 2 días de cultura da violación
Cando nos espertamos o dinasauro… non, non estaba alí, pero nós seguimos falando del. Do centenario que Fraga celebraría estes días, no que tamén acontece o seu 10º cabodano e o 20 aniversario do Prestige. Manuel Fraga Iribarne foi o mellor presidente de Galicia? O máis característico e idiosincrático? O máis complexo? Ou simplemente unha reliquia do franquismo que atinou a sobrevivir? Peliaguda cuestión que debulla a nosa banda dos catro: Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro.   E xa lanzados, celebran outro aniversario: os 30 anos desde que o petroleiro Aegean Sea, Mar Exeo para coruñeses a amigos, se espetou –practicamente– contra a Torre de Hércules. Magno acontecemento ao que Marta Otero lle dedicou un libro -Cuando el mar ardió– que está a súa disposición en Amazon.  E aínda deu para falar doutro asunto: Irene Montero e o seu ataque ao PP como promotor da cultura da violación, a conta da campaña da Xunta. A ministra de Igualdade montouna farta de tanto ataque? Ou é unha estratexia calculada? Para sabelo –para saber o que opinan os nosos falangueiros– non van ter outra que clicar aquí abaixo. Non se arrepentirán.
42:07
December 02, 2022
Culpas repartidas: pacientes e vítimas
Culpas repartidas: pacientes e vítimas
«A sanidade madrileña está mal? Pois a nosa non se pode quedar atrás!» parece ser a consigna das nosas autoridades. Centros de saúde sen pediatra («non quedabamos en que había poucos nenos?»), e o Colexio Médico de Pontevedra («outros politizados?») que rompe relacións coa Consellería de Sanidade. Quen rompe relacións coa realidade tamén é a campaña da Xunta polo 25 N, o día contra a Violencia de Xénero. («Vai correr pola noite en burka e non che debería de pasar nada»). E falando de machismos, Irene Montero é agora a diana da extrema dereita. Todo isto, gato incluído, é o que debullan Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro, o noso equipo médico habitual (non politizado)
41:08
November 25, 2022
Corcubión, mon amour
Corcubión, mon amour
Con Pereiro por Bruxelas a conta do Prestige tocou facer repaso, como pantasmas das catástrofes pasadas, e repartir barcos cheos de chapapote e industrias merdeiras polas rías galegas. Ademais houbo tempo para avaliar a bondade xurídica da lei do solo si es si e preguntar se entrar no xogo do populismo punitivo é botarse nas mans da dereita. Coma sempre, coa participación de Ana Luisa Bouza, Antón Losada, Marta Otero e Xose Manuel Pereiro. 
43:48
November 18, 2022
Prestige e o Correo, naufraxios galegos
Prestige e o Correo, naufraxios galegos
Os naufraxios, xa sexan reais coma o do Prestige ou figurados coma o do Correo Gallego, teñen consecuencias impredecibles.  Poden ser a aparición dun porto que presuntamente vai ser a solución como porto refuxio ou, tamén presuntamente, a adquisición de pisos a nome de persoas que pasaban non moi lonxe da traxedia. Neste episodio Ana Luisa Bouza, Antón Losada, Marta Otero e Xosé Manuel Pereiro lembran o que facían cando tiveron primeira noticia do Prestige e sorpréndense moderadamente co comportamento da Xunta de Galicia en relación a El Correo Gallego.
41:49
November 11, 2022
O seu Alberto e Donato: falsas apariencias
O seu Alberto e Donato: falsas apariencias
A actualidadade está sobrevalorada cabalga outra vez! E agora, os catro xinetes da Apocalipse son realmente catro. Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Xosé Manuel Pereiro e… Marta Otero Mayán! Desta volta, o podcast está centrado en Alberto Núñez Feijóo e Donato. Que lles pasou para –como diría Rosalía– que ir foron como rosas e volver, volveron como negros?
38:41
November 04, 2022
Arde Galicia, para variar
Arde Galicia, para variar
Quen contaba! En xullo ponse a facer unha calor do demo, cando o dispositivo antiincendios da Xunta está a medio desenvolver. Afortunadamente, o conselleiro do ramo está onde ten que estar: dando entrevistas a medios amigos. Mentres o lume acelera o labor das políticas das administracións nos últimos anos: desertizar o rural. Ou polo menos diso falan, no podcast que despide a tempada, Ana Luísa Bouza, Antón Losada e Xosé Manuel Pereiro.
39:23
July 19, 2022
S01E27 - Menos periodismo
S01E27 - Menos periodismo
Os xornalistas minten? Os policías fabrican probas para incriminar xente inocente? Nas películas si e, polo que se ve, ou máis ben polo que se escoita, na realidade tamén. Na española, polo menos. Ana Luisa Bouza e Antón Losada, que de ser vilipendiados por rivais políticos algo saben, e Ana Pardo de Vera, que ten compartido plató con xentalla como Eduardo Inda, analizan eses feitos que soamente parece escandalizar a unha pequena parte da clase política e a non moita da periodística. Todo iso con algunha interrupcións de Xosé Manuel Pereiro
41:30
July 13, 2022
S01E26 - OTAN, de entrada si, por suposto
S01E26 - OTAN, de entrada si, por suposto
Por se non estaba claro quen mandaba, o pasado Cumio da OTAN en Madrid deixouno claro: os de sempre, e cos modos de sempre, nada de ambigüidades. E se hai que gastar o que faga falta en armamento –norteamericano, por suposto– gástase, porque é por necesidade de seguridade. Contra quen? Non está claro de todo, nin nolo explican, pero de seguro que contra os rusos, que en canto se desatasquen en Ucraína, van seguir invadindo a feito, e contra China, que son moitos máis e máis taimados. No podcast desta semana, Ana Luísa Bouza e Antón Losada tentan coma sempre ilustrarnos sobre a misteriosa política que sigue o Goberno de Pedro Sánchez a este respecto, mentres Xosé Manuel Pereiro, tamén coma sempre, líao todo. Afortunadamente, tamén está presente Xoán Ignacio Taibo, que ás súas coñecidas dotes como narrador xunta outras menos coñecidas como experto en asuntos militares. Un exemplo: dos 840 millóns de custa cada fragata que se está a construír, a meirande parte do investimento está destinado a armamento e sistemas electrónicos de navegación de fabricación estadounidense.
37:24
July 06, 2022
S01E25 - Xuíces, OTAN e sexo ordenado
S01E25 - Xuíces, OTAN e sexo ordenado
A actualidade non só está sobrevalorada, senón sobredimensionada. O masacre de Melilla foi a resolución dun problema de integridade territorial. A OTAN agrándase en Madrid. O aborto deixou de ser un  dereito –non desexado, pero dereito– nos EUA por decisión duns xuíces  vitalicios, e por se fose pouco, aquí empezan a organizarse as Cruzadas. Quizais para compensar, o Goberno aproba enviar ás Cortes o proxecto da  chamada Lei Trans, a libre determinación da identidade de xénero. Ante a ausencia –con xustificante– de Antón Losada, Ana Luísa Bouza e Xosé Manuel Pereiro botan man de Nanina Santos Castroviejo, prestixiosa feminista, e de David Rodríguez, activista funambulista, para aclarar todo ese rebumbio.
41:44
June 29, 2022
AAES S01E24 - Feijóo, Bonilla, a mesma loita!
AAES S01E24 - Feijóo, Bonilla, a mesma loita!
Das eleccións andaluzas parece que se poden sacar dúas conclusións: unha, que o método Feijóo de gañar autonómicas (nada de siglas do partido, nada de ideoloxía e Gali... Andalucía, Andalucía, Andalucía) funciona, ou polo menos funcionoulle a Juanma Moreno Bonilla. A outra é que para non obter moi malos resultados, hai que presentarse dispostos a obtelos bos, e peléxándose o menos posible. Esa é polo menos a visión que aquí, desde a distancia, teñen Ana Luísa Bouza, Antón Losada e Xosé Manuel Pereiro, pero para cumprir o labor de servizo público na defensa do dereito á información que caracteriza a este podcast, pedimos o comodín de alguén que sabe unha chea do que pasa en Andalucía (e non só en Andalucía): Gerardo Tecé, modelo y actriz, guionista no programa Late Motiv, de Andreu Buenafuente e columnista en CTXT.
37:53
June 22, 2022
AAES S01E23 - Galicia express
AAES S01E23 - Galicia express
Os viadutos reparados véñense abaixo cando estaban a piques de reinaugurarse. Os trens rápidos veñen, pero as frecuencias coas que circulan vánse igual de rápido. En Galicia, en cuestión de comunicacións, estamos como estabamos? Ou estivemos como pensabamos que iamos estar, pero deixamos de estalo? O caso é que entre autovías que se veñen abaixo, a A8 e a néboa, os servizos ferroviarios que se recurtan e a web de Renfe que segue coma sempre, o único que non parece ter problemas para deixarse caer por aquí cando lle peta é o regatista emérito. Diso – e das eleccións en Andalucía, como non podía ser doutra maneira– falan no podcast desta semana os tres de sempre, Ana Luísa Bouza, Antón Losada e Xosé Manuel Pereiro. Pasen e escoiten.
36:42
June 15, 2022
AAES22 - ‘Villa de Pitanxo’, máis preguntas
AAES22 - ‘Villa de Pitanxo’, máis preguntas
Pese ao silencio decretado, os familiares dos mortos e desaparecidos do pesqueiro Villa de Pitanxo seguen a reclamar explicacións, cando os atrancos técnicos e os económicos que se poñían nos primeiros momentos vanse esvaecendo. Cada día que pasa, xurden tamén novas contradiccións nas declaracións do patrón, Juan Padín, e novas interrogantes sobre as presuntas irregularidades que rodeaban a xestión do barco, e quen as permitiu. Ana Luisa Bouza, Antón Losada e Xosé Manuel Pereiro danlle unha volta ao día a día desta traxedia con Kevin González, fillo do engraxador desaparecido do pesqueiro con base en Marín.
38:48
June 08, 2022
AAES 21 - Aivó, aivó, á aula a traballar
AAES 21 - Aivó, aivó, á aula a traballar
Está a rematar o curso, e con el, as forzas do profesorado de secundaria. As reformas sucesivas, o incremento brutal da burocracia e o descenso de persoal fan que moitas veces teñan que dedicar máis tempo a asuntos colaterais que a preparar a materia ou a impartila. Diso os tres de sempre, Ana Luísa Bouza, Antón Losada e Xosé Manuel Pereiro, falamos con dúas vítimas: Manuela Iglesias Sanmarco, profe de Lingua Castelá no instituto de Carril e con Montse Paz, que imparte inglés no Politécnico de Vigo.
37:34
June 01, 2022
AAES 20 - Explicaciones... ¿de que?
AAES 20 - Explicaciones... ¿de que?
200 medios de comunicación e outros tantos fans juancarlistas puxeron esta finde a Galicia no mapa e ao Emérito depositado nun barco que ganou unha regata. Todo un viva antes que comentan os nosos grumetes de garda, Ana Luísa Bouza, Antón Losada e Xosé Manuel Pereiro, cun contramestre invitado, Víctor Honorato, xornalista pontevedrés asentado en Madrid, en eldiario.es, que ante a importancia do evento e pola súa correcta pronuncia do sitio, foi destacado a Sanxenxo. Agora ben, pagou a pena desprazar a Honorato e a 199 xornalistas máis para unha única declaración emérita? «Explicaciones... ¿de qué?» Pasen e escoiten.
38:30
May 25, 2022
AAES 19 - Sanxenxo, porto refuxio
AAES 19 - Sanxenxo, porto refuxio
Sanxenxo será esta finde porto refuxio, como a illa caribeña da Tortuga na que se acubillaban no século XVII e XVIII aqueles navegantes que tiñan unha relación tensa coa legalidade. Non nos referimos a parte máis escollida dos veraneantes de sempre, senón ao Emérito, o rei vello, que segundo informou o novo voceiro da casa real, o alcalde Telmo Martín, virá dar unhas bordadas á ría de Pontevedra. Polo demais, o nosos falangueiros habituais, Ana Luísa Bouza, Antón Losada e Xosé Manuel Pereiro tocarán tamén os apaixonantes temas no novo presidente e do novo goberno da Xunta e, como non, do días das letras galegas, esa xornada na que se celebra un tedeum oficial na honra do bilingüismo harmónico e da mansedume dos galegofalantes.
39:12
May 18, 2022
AAES 18 - o discurso do becario
AAES 18 - o discurso do becario
Escoitan foguetes? Dianas e alboradas nas rúas? Non, porque aínda non temos presidente, pero o candidato xa leu o tema que lle tocou: «Galicia, Galicia, Galicia», e que sabía de corrido. Así que mañá non haberá sorpresa e Alfonso Rueda comezará o seu proceso de ascensión: primeiro presidente da Xunta, despois xa se verá se «O noso Alfonso». Aquí, o equipo médico habitual –Ana Luísa Bouza, Antón Losada e Xosé Manuel Pereiro– falamos diso, da directora de CNI, que non se foi e houbo que botala. De Fomento, que sigue pasando de contestarnos sobre o asunto do Villa de Pitanxo. E xa que estabamos, do Senado e todo.
34:35
May 11, 2022
AAES 17 - Cursos de espionaxe a distancia CNI
AAES 17 - Cursos de espionaxe a distancia CNI
Os espías veñen do frío ou daqueles desertos non tan afastados que dicía Aznar? Hai versións de software libre do programa Pegasus ou só a que vende Israel? Por que os segredos que lle captaron ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, acadan a máis que respectable cantidade de 2,6 Gb, mentres os da ministra de Defensa, Margarita Robles, non van máis alá a uns miserentos 9 Mb, menos do que pesa unha canción en mp3? Xa que espiaron as comunicacións do lehendakari Iñigo Urkullu e do president da Generalitat, Pere Aragonés, debemos esixir, como galegos e cidadáns dunha nacionalidade histórica, que espíen tamén as de Alberto Núñez Feijóo na súa calidade de presidente aínda quente da Xunta? Por que Alfonso Rueda anda de xira polas organizacións rexionais e locais do PP? Ándase presentado e deixando tarxetas de visita? Estes e outros misterios debúllanos, coa súa agudeza habitual, os nosos analistas de garda, Ana Luísa Bouza, Antón Losada e Xosé Manuel Pereiro. Escoiten e difundan.
33:54
May 04, 2022
AAES 16 - Sempre nos quedará París (ou non)
AAES 16 - Sempre nos quedará París (ou non)
Como en Casablanca, nas eleccións presidenciais francesas ganou o bo, pero non de todo. Quedou sen a chica. Aínda que, se Macron non se pode comparar con Bogart, a pesar de que os dous son pequenos, menos semellanza hai entre Ingrid Bergman e Marine Le Pen. Con todo, tanto Macron como Le Pen poden consolarse en que sempre lles quedará París: a el a presidencia durante cinco anos e a ela, conseguir o 42% dos votos (iso si, en segunda volta), a meirande porcentaxe nunha democracia occidental. Pero tamén España é unha democracia occidental e pasan cousas incompatibles con esa cualificación: o goberno espía aos seus rivais políticos con Pegasus, un programa indetectable e, polo que se ve, fóra de control (democrático). E a casa real, e os partidos maioritarios, deciden a que partidos lle dan explicacións (PSOE, PP, Vox, etc) e a cales non (ERC, Junts, Bildu, BNG, CUP), por consideralos «non constitucionalistas», como se os votantes de todos non contribuiran igualmente aos gastos da monarquía. E son moitos os que lle pagamos, se non non se entende que, tendo recibido desde a súa coroación uns 4,4 millóns de euros, Felipe VI, teña uns aforros de 2,57. En fin, todo iso debullado en pouco máis de media hora polo noso equipo médico habitual, Ana Luísa Bouza, Antón Losada e Xosé Manuel Pereiro, auxiliados nesta ocasión por Alexandre Mato, correspondente en Bruxelas.
32:38
April 27, 2022
AAES 15 - Algún día todo isto será teu, Alfonso.
AAES 15 - Algún día todo isto será teu, Alfonso.
Un suspense de medio pelo, unha rebelión que non pasou de protesta rosmona. A sucesión de Alberto Núñez Feijóo (aka «O seu Alberto»), os seus cargos, as súas pompas e as súas obras non foi à la Zaplana («toma el cargo y corre») pero tampouco algo ordenado. Ben, ordenado si. Desde arriba. Os nosos analistas de garda, Ana Luísa Bouza, Antón Losada e Xosé Manuel Pereiro debullan o azarapallado dedazo a Alfonso Rueda, con Manuel Baltar –como non– polo medio. E quedoulles tempo para deixarlle un recado ao Ministerio de Fomento.
32:59
April 20, 2022
AAES 14 - Pitanxo: nós non esquecemos
AAES 14 - Pitanxo: nós non esquecemos
As familias dos tripulantes do pesqueiro Villa de Pitanxo, que se afundiu en augas de Terranova o pasado 15 de febreiro, seguen a reclamar que as administracións investiguen as causas do naufraxio e tamén tenten comprobar se os restos do barco gardan os corpos dalgún dos 12 desaparecidos. Kevin González, fillo do engraxador Fernando González, un dos desaparecidos, contoulle o drama dos parentes dos 21 mariñeiros mortos a Ana Luísa Bouza, Antón Losada e Xosé Manuel Pereiro e a súa desesperación polo que consideran inacción dos gobernos.
36:04
April 06, 2022
AAES 13 - Por unha presada de céntimos
AAES 13 - Por unha presada de céntimos
Atendendo a unha enchente de peticións, o Goberno elaborou un plan de choque. Un paquete de medidas para transportistas, condutores, xente que vive de aluguer e demais familia. A ademais, é un plan que non provoca enfrontamentos no seo da coalición gobernante. Os nosos analistas de plantilla, Ana Luísa Bouza, Antón Losada e Xosé Manuel Pereiro, debullan polo miúdo as medidas, e mesmo a reacción que suscitou no líder in péctores da oposición, Alberto Núñez Feijóo, a quen decidiron chamar a partir de agora O Seu Alberto.
33:37
March 30, 2022
AAES 12 - cartas marruecas
AAES 12 - cartas marruecas
A veces chegan cartas... e a Mohamed VI, rei de Marrocos chegoulle unha de Pedro Sánchez na que lle daba a razón –ou unha vía de escape– para o conflito do Sáhara. É dicir, despois de abandoar as súas obrigas como expotencia colonial, e desoíndo os acordos da ONU, o presidente español considera unha solución «sabia, creíble y realista» que a terra dos saharahuís teña unha autonomía, dentro dun estado no que as institucións dependen do dedo real. Os conversantes habituais, Ana Luisa Bouza, Antón Losada e Xosé Manuel Pereiro, non atinan a explicar as razóns dese trasacordo. E por moito que botasen man da axuda de Ana Miranda, responsable de relacións internacionais do BNG e de Eloy Domínguez Serén, cineasta que foi profesor de audiovisuais nos campamentos de refuxiados e dirixiu o filme Hamada, tampouco se deron aclarado.
39:07
March 23, 2022
AAES 11 - Alberto Spanish Tour 2022
AAES 11 - Alberto Spanish Tour 2022
Na vida de calquera hai un momento en que ten que dar os seus primeiros pasos en solitario, emanciparse da zona de confort que o arroupou ata entón. Alberto Núñez Feijóo, o que era O Noso Presidente, está despregando as ás e convértendose en bolboreta de presidente do PP de España, o Presidente Popular en Común. Os sospeitosos habituais, Ana Luísa Bouza, Antón Losada e Xosé Manuel Pereiro ven con ollos de pais orgullosos como se desenvolve o Presidente en Común por eses mundos, auxiliados pola mirada dun analista con longa experiencia na política española, Rodolfo Irago.
40:05
March 16, 2022
AAES 10 - Alberto, pluriempregado
AAES 10 - Alberto, pluriempregado
Nos filmes de Hollywood os xornalistas sempre berran que son americanos cando os deteñen, seguro que non é o caso dos españois. E se o fan parece que ten pouco efecto, visto o que está ocorrendo con Pablo González en Polonia.  No programa desta semana visítanos Xabier Lapitz, director e presentador de En Jake na ETB, para traernos novedades sobre o seu caso.  En clave nacional (e estatal) comentamos tamén a xira por provincias do noso Alberto e o estado no que deixa ao goberno galego mentras madura as súas opcións no Partido Popular. Agora que semella que a pandemia vai rematando, a Xunta vai ter un presidente por videoconferencia.  Como cada semana, con Antón Losada, Ana Luisa Bouza e Xose Manuel Pereiro: a actualidade está sobrevalorada.
38:05
March 09, 2022
AAES 9 - Informar en tempo de guerra, para que?
AAES 9 - Informar en tempo de guerra, para que?
Fóra dos quirófanos, as operación que se pretenden cirúrxicas acaban en carnicerías, como se está vendo en Ucraína. E tamén que, nos conflitos bélicos, a primeira vítima é a verdade, ou o que é o mesmo, o acceso a unha información plural. A UE ou Twitter tentan erixirse en xuíces do que a cidadanía pode ver, ler ou escoitar. Pablo González, xornalista freelance colaborador de Público, Gara ou Luzes foi detido no que parece unha actuación colaborativa das axencias de intelixencia ucraína (SBU), española (CNI) e polaca (ABW), e cando se cumpren case 48 horas da súa detención, ignóranse os motivos ou os cargos. O seu compañeiro Juan Teixeira, colaborador de Luzes de vello, e que leva tempo traballando na zona, conta como é informar desa guerra que levaba oculta oito anos e agora recruou coa invasión rusa. Como sempre, con Ana Luísa Bouza, Antón Losada e Xosé Manuel Pereiro.
37:25
March 02, 2022
AAES 8 - PP Wars
AAES 8 - PP Wars
Mentres en CentroEuropa (Ucraína, Bielorrusia, Rusia...) sopran ventos bélicos, Génova,13 (28004, Madrid) tamén coñecida ultimamente como A casa das dagas voladoras é unha das máis sanguentes frontes da guerra declarada por Isabel Díaz Ayuso desde o edificio de Gobernación da Porta do Sol (aka Death Star). Se Putin ordenou a entrada de tropas nas rexións prorrusas que se declararan repúblicas populares, Feijóo parece que tamén move ficha cara outros territorios que sempre ambicionou. Os nosos especialistas todoterreo Ana Luísa Bouza e Antón Losada, afalados por Xosé Manuel Pereiro, analizan a delicada situación que se está a producir na estepa mesetaria, coa axuda de alguén que coñece moi ben as interioridades desde mundo, Rafa Cuiña.
37:01
February 23, 2022
AAES 7 - Ultras de Castela (e León)
AAES 7 - Ultras de Castela (e León)
Outras eleccións nas que quen gaña, perde. Ou outro caso de se algo funciona, non o cambies. As eleccións de Castela e León, ou como o PP (o Pablo Casado) foi por la (merina) e saíu trasquiado. Os gañadores son, sobre todo Vox, que neste caso non se conforma co concubinato que mantén co PP noutras comunidades e quere formalizar relacións, e as candidaturas que en Madrid chaman cantonalistas, as dos que xa están fartos de estar arrombados. Todo iso debullado por Ana Luísa Bouza, Antón Losada e Xosé Manuel Pereiro, axudados neste caso por Manuel Félix, un xornalista de Ourense que exerce en León e explica as particularidades do voto no Bierzo e en León. Biexit ou Lexit á vista?
38:60
February 16, 2022
AAES 6 - Titorial para votar con xeito
AAES 6 - Titorial para votar con xeito
Se corre perigo de que o escollan como xurado profesional de calquera concurso ou está pensando postularse como representante do electorado en calquera cámara, élle imprescindible escoitar con atención este podcast. Os dous especialistas de garda con amplos coñecementos do tema, Ana Luísa Bouza e Antón Losada, coa colaboración estelar do cronista parlamentario de Infolibre, Fernando Varela, e baixo a un tanto errática batuta de Xosé Manuel Pereiro debullan este método de toma de decisións que Jorge Luis Borges definía como «unha superstición baseada na aritmética».
34:53
February 09, 2022
AAES 5 - Idiomas inventados e toallas. Menos mal...
AAES 5 - Idiomas inventados e toallas. Menos mal...
Hai xente rara que canta en idiomas estraños ou inventados, e a seña de identidade de Portugal son as toallas de rizo. Son cousas que aprendemos, nós e millóns de españois, na edición 2022 do Benidorm Fest, grazas a unha televisión de servizo público. Outro medio de servizo público como A ACTUALIDADE ESTÁ SOBREVALORADA analiza toda esta problemática, e de paso as eleccións que tiveron lugar o pasado domingo no país irmán, coincidindo case co Benidormazo. Facémolo, ademais dos habituais Ana Luísa Bouza, Antón Losada e Xosé Manuel Pereiro, con Isabel Pires, deputada do Bloco de Esquerda ata este domingo, e con Tereixa Constenla, correspondente de El País en Lisboa.
41:23
February 02, 2022
AAES 4 - Botas campeiras, atención primaria e un ave rapaz
AAES 4 - Botas campeiras, atención primaria e un ave rapaz
Nos últimos días producíronse dúas manifestacións contra as respectivas crises sectoriais: A sanidade pública (na Coruña) e o abandono do campo (en Madrid). A demanda de solucións para a saúde pública xa estaba tardando porque os gobernos -polo menos o de Galicia- ainda non recuperaron as porcentaxes de investimento no sector que se rexistraban en 2006, e iso despois dunha pandemia que deixou ben claro que, cando veñen mal dadas en asuntos sanitarios, o mellor refuxio –ou o único- é o sector  público. Tamén o campo está abandonado á súa sorte, pero os que máis figuraban na protesta parecían formar parte máis dos problemas que das solucións: traxes de montería, botas campeiras e a imaxe inolvidable de Rocío Monasterio (VOX) cunha ave de presa (un paxaro real) como animal de  compañía
32:24
January 26, 2022
AAES 3 - Remexendo na capitalidade
AAES 3 - Remexendo na capitalidade
Un novo episodio con Ana Luisa Bouza, Antón Losada e Xosé Manuel Pereiro, desta volta acompañados por Rodri Suárez para falar un pouco sobre a pequena polémica sobre a reformulación (ou non) da capitalidade galega que este último promoveu en Luzes.gal: Podemos falar de Compostela? E no tempo de desconto facer apostas sobre o que pasará cando Djokovic chegue a Barajas. Chega a Madrid? Chega a España? Poderá entrar? Quen o irá recibir?
36:10
January 19, 2022
AAES 2 - Enquisas, macrogranxas e outras formas de mentir
AAES 2 - Enquisas, macrogranxas e outras formas de mentir
No país das enquisas, España, nunha houbo tantas como agora. Enquisas sen regular. Enquisas sen pai nin nai e con resultados que calcan ao milímetro a liña editorial do medio que as difunde. Antón Losada, Ana Luísa Bouza e Xosé Manuel Pereiro conversan sobre o asunto e pásmanse coa polémica das macrogranxas, que mesmo se reproduce nun país, Galicia, onde non as hai, como asegura o noso invitado, Edelmiro López Iglesias doutor en Economía pola USC e experto en temas agrarios.
36:43
January 12, 2022
AAES 1 - Aquí (en 2021) pasou o que pasou
AAES 1 - Aquí (en 2021) pasou o que pasou
Outro podcast no millo? Pois si, outro podcast no millo da man da Revista Luzes. Ana Luísa Bouza, Antón Losada e Xosé Manuel Pereiro, nun intento desesperado por captar o público boomer e máis alá, decidímonos a compartir con que queira escoitalas, as conversas que mantemos habitualmente en privado sobre do que se fala e do que se cala, do que sabemos que pasa e do que conxecturamos que pode pasar. Desta primeira vez, damos un repaso ao recentemente falecido 2021 –tanta paz leve como descanso deixa–, a nivel nacional, internacional e mediopensionista. A seguinte, o mércores que vén, xa se verá.
33:38
January 05, 2022