Skip to main content
Unha pedra no zapato

Unha pedra no zapato

By Unha pedra no zapato

Unha pedra no zapato é algo incómodo que te obriga a parar e observar o interior do calzado para baleiralo. Pois do mesmo xeito, vou tratar temas que son as miñas “pedras no zapato” e expoñelos convidándovos á reflexión, á pausa e a viaxar cara o interior. Son Rosalía, artista e auto-indagadora, e este será un punto de encontro no que abrazarnos xenuinamente humanas e imperfectas. Conectemos aquí e agora en galego!
Available on
Amazon Music Logo
Spotify Logo
Currently playing episode

Obra de Musas

Unha pedra no zapatoDec 20, 2023

00:00
05:19
Obra de Musas

Obra de Musas

Cambiar é algo común aos seres vivos: a serpe muda de pel, os cans mudan de pelo, a larva muda o casulo polas ás de bolboreta, as árbores mudan as follas, ... En realidade o ser humano é o único que se resiste á continua metamorfose que require a Vida. As mudanzas alíñannos con novas etapas que son necesarias para a nosa evolución. Podemos cambiar de nome, lugar, destino, oficio, vestimenta, opinión, gusto, costumes, aparencia física, comportamento ou moral. Na miña experiencia, toda mudanza vén antecedida por unha ruptura: algo quebra e dos seus anacos xorde aquilo que chamamos cambio. Esa rotura pode ser consciente ou inconsciente, pero en calquera caso provoca un movemento que nos despraza de lugar emocional, psicolóxico ou físico.

Cando algo se fractura, que podemos facer con eses cachiños que quedan?

Dec 20, 202305:19
Chorona

Chorona

Algunha vez vos dixeron iso de: « Non chores que te pos fea. » ? Supoño que é unha estratexia moi recorrente entre proxenitoras para conseguir que as súas pequerrechas deixen o tan molesto choro, pero en realidade ese comentario está sentando as bases para xulgarnos e avergoñarnos do noso propio pranto.

Chorona: que chora moito e facilmente. Dende que era cativa fustrigáronme innumerables veces chamándome así. Porén, para min chorar é un balsámico ritual de limpeza. Cada unha das bágoas vai lavando o meu interior até deixarme exhausta, pero saneada e en calma para volver a afrontar o mundo.

Nov 14, 202304:57
De-presión

De-presión

Hai unha frondosa foresta de presión ao noso redor que fai que o espazo dispoñible para ser libremente se reduza a unha minúscula leira interna cercada por un valado de ditames sociais. Construímos en base a eses mandatos externos pensando que será por e para o noso ben, pero cando os ladrillos se desfán nas nosas mans e vemos que todo é unha invención perpetuada e asentada no medo á incerteza e aos riscos e renuncias que implica ser xenuinamente; quedamos desorientadas sen referencias nin indicacións e doídas polo engano da expectativa de garantías. E aí é cando nos deprimimos: cando a realidade que percibimos non se corresponde co que supostamente tería que derivar do noso sacrificio por atinxir os modelos inventados que nos foron legados e que replicamos e aplicamos nunha total complicidade ignorante.
Na miña opinión, todas as persoas vivimos alomenos un episodio de depresión na vida. A diferenza estriba en que algunhas non son nin queren ser conscientes e outras si que son conscientes e falan abertamente do tema.




Oct 11, 202307:44
Nüshu, a escritura de mulleres

Nüshu, a escritura de mulleres

No século XIX nace en China, no distrito de Jiangyong pertencente á provincia de Hunan, un tipo de escritura creada e usada exclusivamente por e para mulleres. A escritura nüshu deriva dos caracteres chineses, pero adopta unha forma romboide en vez de cadrada sendo os seus elementos principais o punto, as liñas verticais, as liñas inclinadas e as liñas arqueadas. A pesar de ser esencialmente unha escritura íntima reservada ao ámbito privado, atopouse unha moeda de bronce cunha inscrición en nüshu que di: <>

Sep 06, 202304:33
Ferida mestra

Ferida mestra

Unha ferida pode ser física ou do espírito, externa ou interna; pero en calquera caso trae consigo unha ensinanza para quen a padece. Mentres doe non somos capaces de ver a aprendizaxe que nos aporta e aínda menos de ver o don para axudar a outras a través dela. Máis ben pretendemos escondela por medo e vergoña. En cambio, só cando a destapamos pode deixar de ser unha carga para nós e converterse nunha inspiración para as demais.

O máis doado é sentirnos vítimas das accións das outras e culpalas polas nosas feridas. Mais as feridas non teñen por que implicar o acto pasivo de sufrilas porque, en realidade, mediante a dor que nos provocan, estannos pedindo que poñamos a atención en nós e no que hai baixo a superficie. Se somos completamente honestas: quen de nós non se sentiu rexeitada polo seu aspecto físico?, quen de nós non se reprimiu para ser aceptada e encaixar nos ideais de beleza imperantes?, quen de nós non se rexeitou a si mesma ao verse no espello?, quen de nós non está ferida?, quen de nós non rexeitou a outras persoas polo aspecto físico que tiñan?, quen de nós non fere ás demais querendo ou sen querer?

Aug 09, 202305:56
Un cóctel de intelixencias

Un cóctel de intelixencias

O que cadaquén entende por intelixencia é subxectivo por iso: que definición imos impoñer como única se todas son válidas?
Grazas ás investigacións no eido da Psicoloxía, descubriuse que o conxunto das capacidades mentais e habilidades socioemocionais dunha persoa son variadas e, polo tanto, permiten poder falar de intelixencias múltiples.



Jul 04, 202306:49
Custas afundidas

Custas afundidas

Que pasa con todo ese tempo, dedicación, diñeiro, investigación, entrega, atención e ilusión que orientamos a un destino ao que finalmente non chegamos? Acaso é un barco naufragado no fondo do mar? En Economía manéxase o termo “custas afundidas” para referirse á suma pagada no pasado e que, en teoría, xa non é relevante na toma de decisións presente con respecto ao futuro.

Así pois, moi a pesar do que as teorías e predicións económicas sobre o comportamento humano consideran “racional”, as persoas vémonos influenciadas por estas custas á hora de tomar decisións. Na xerga da Economía chámanlle a isto a “falacia das custas afundidas”.

Jun 07, 202305:49
O mestre toxo

O mestre toxo

A pesar das súas recias e punzantes espiñas, xa amamos o toxo como parte do noso acervo paisaxístico e cultural. En Galicia existen tres tipos de toxo: toxo brañego (Ulex minor); toxo gateño tamén chamado toxo femia ou toxo molar (Ulex galli); e o toxo arnal asemade denominado toxo macho, toxo albar, toxo bravo ou toxo branco (Ulex europeaus) que é o que acada a maior altura e a maior presenza nos nosos montes.

A súa flor leva o nome de 'chorima' e como é unha das miñas palabras preferidas en galego, aproveito para compartírvola xa que este mes celebramos o Día das Letras Galegas. Existen variantes dialectais deste nome en galego como son: chorida, charuma, cherumia, chirumia, chousima, churida, churuma, chusmigo ou xorima.

O toxo ensínanos moito coas súas flores e espiñas.

May 10, 202307:40
A illa das lembranzas

A illa das lembranzas

En moitos casos estas acordanzas son angustiosas e ferintes e por iso escapamos a fume de carozo, mais a cada paso ditos recordos seguen espreitándonos con sixilo para aparecer no momento que menos o esperamos. Renegar de certos eventos do pasado para suprimilos da nosa memoria ou distorcer o ocorrido para poder convivir con iso, son estratexias que adoitamos aplicar inconscientemente. Ao fin e ao cabo, xa temos abondos obstáculos cos que batallar no noso día a día como para andar cargando con sucesos pretéritos que nos causan malestar, non si? Pero ante a imposibilidade de eliminar eses recordos que doen (por máis que finxamos que non están), que podemos facer para non sufrir cada vez que retornamos a eles?

Apr 12, 202306:00
O pastel do privilexio

O pastel do privilexio

Privilexio é a vantaxe pola que alguén está libre dunha obriga ou pola que pode ter ou facer algo que o resto non pode sexa por concesión dun superior ou por determinada circunstancia propia. Privilexio odioso é aquel que prexudica a unha terceira persoa. Privilexio gracioso é aquel que se concede sen atención aos méritos do privilexiado senón por graza ou parcialidade do superior.
A miña definición de privilexio é máis banal: un devora os tres cuartos do pastel mentres que á outra tócalle un cuarto do pastel máis a obriga de cociñalo e de limpar a cociña.
Para transformar a orde social derivada dun sistema patriarcal necesítase a colaboración e o traballo de todas as persoas en comunidade; pero isto implica reestruturar, demoler, innovar e renunciar ao monopolio do privilexio para dar acceso ás Outras.
Feliz Día Internacional da Muller!
Mar 08, 202303:25
A alquimia do barbeito

A alquimia do barbeito

Para min o traballo persoal é alquimia. O fermoso, creo eu, é que imos destilando e atravesando etapas até poder abrazar todas as nosas cores. É un traballo da vida enteira xa que sempre aparecen situacións que nos amosan o que nos queda por integrar en certos ámbitos.
Jan 06, 202303:53
Como fala o amor?

Como fala o amor?

Se vivides en terras galaicas estou segura de que vos preguntaron máis dunha vez: “E queres kiwis?” ou “Has levar patacas?”. E que me dicides das famosas moreas de friameiras con comida feita da casa para levar? En Galicia, sen dúbida os produtos da horta e das árbores froiteiras así como a comida son mostras idiosincráticas de amor que transcenden xeracións.
As preferencias ou gustos específicos á hora de dar e recibir amor configuran unha especie de idioma afectivo intrínseco a cada individuo. Segundo o autor Gary Chapman existen cinco linguaxes do amor.
Dec 30, 202205:14
Vaca

Vaca

Non hai paisaxe galega na que non estean presentes as vacas. Na miña opinión, é o noso animal emblemático como pobo. É a imaxe do noso contexto histórico, político e social como ben a representaba Castelao nos seus debuxos. Lémbrome especialmente dun deles no que se vía en segundo plano a unha familia da aldea chorando porque lles morrera unha vaca e, en primeiro plano observando a estampa, un público “señorito” ríndose do pranto aldeán por consideralo ridículo.

Grazas a que miña mai e meu pai decidiron dedicarse a gandería vacúa, as vacas formaron parte da miña crianza e agradézolles todo o que aportaron á miña vida.

Dende ben cativa achei que teñen unha curiosidade insaciable que lles fai arriscarse a explorar o descoñecido e unha sensibilidade extrema que lles fai reaccionar a todo o que as rodea.

Actualmente utilizamos expresións coloquiais como “estar gorda coma unha vaca” ou “comer coma unha vaca”. Porén, a vaca non é un animal gordo senón que ten unha xenética e peso inherentes á súa especie e tampouco come moito, senón que no seu rumiar pasa entre sete e oito horas ao día mastigando o bolo alimenticio que xa inxeriu horas antes.

Dec 23, 202207:09
Necesidades creadas

Necesidades creadas

Estamos nunha época do ano na que consumimos desaforadamente con escusas como o xogo da amiga invisible, a aparición dun ancián de barba branca que vén do Norte montado en zorra tirada por renos, a chegada duns reis magos que veñen de Oriente en camelo, ... Temos unha grande inventiva para xustificar e enfeitar o noso consumismo nestas datas.

Moitas veces asociamos comprar con suplir unha necesidade que dicimos ter. Outras veces desexamos algunha cousa moi intensamente e por iso a mercamos. En calquera caso, resulta que hai algo que nos “falta” e que se “completa” cando compramos aquilo que desexamos ou necesitamos. Porén, unha vez que xa o conseguimos buscamos outra cousa para mercar nun insaciable intento de sentirnos satisfeitas.

Antes de utilizar alegremente a tarxeta de crédito nas tendas e comercios, podemos tomar un momento para observar que é o que nos fai falla verdadeiramente. Esta pregunta lévanos a identificar cales son as nosas necesidades, algo que non é tan doado de discernir polos múltiples condicionamentos sociais cos que nos criamos e que interiorizamos como propios.

Dec 16, 202205:25
No medio da montaña

No medio da montaña

Ser mediocre vese como algo negativo por unha falta de talento ou de coñecemento. En realidade, o feito de ser chamada mediocre, nace do choque entre as expectativas daquelas que nos rodean e a nosa realidade sexa nun contexto persoal ou laboral. O problema é cando nós mesmas asimilamos a visión desa persoa externa á que lle asignamos autoridade por diversas razóns (pode ser a nosa tía, a nosa avoa, a nosa xefa, unha amiga, ...) e xorde no noso interior a censora que nos abafa con críticas destrutivas que nos fan sentir mediocres e crer que iso significa que carecemos de abondo valor para o noso entorno.
Para tratarnos e a tratar ás demais con maior xentileza, podemos de-construír o significado que lle outorgamos ao vocábulo “mediocre”. Etimoloxicamente medius significa "medio” ou “intermedio" e ocris "montaña” ou “penedo escarpado". É dicir, mediocre é alguén que está literalmente na metade do ascenso ao cumio da montaña. Polo tanto, é alguén que aínda non acadou o seu destino final.
Dec 09, 202204:51
O estímulo da ignorancia

O estímulo da ignorancia

As adultas non temos por que sabelo todo. Simplemente facemos o que podemos co que sabemos en cada momento. Non saber é válido e non debemos avergonzarnos nin pretender aparentar que somos seres omniscientes, pois o máis humano é precisamente non ter as respostas.
A ignorancia non é un estado perpetuo, senón unha fase pola que pasamos diariamente; pero iso non impide que poidamos estar receptivas e dispoñibles a aprender en vez de usala como escusa. O certo é que a ignorancia, máis que unha carencia, pode converterse nun incentivo marabilloso. Recoñecer e aceptar a propia ignorancia deixa espazo para a curiosidade e a aprendizaxe auténtica ademais de facer que non tratemos con condescendencia, superioridade ou desprezo a alguén cando non sabe algo.
Dec 02, 202205:20
Cousas de mulleres

Cousas de mulleres

A menstruación, o embarazo, o aborto, as violacións, os acosos e as agresións sexuais enténdense como “cousas de mulleres”. Por que? Pois porque o que é definido como “universal” é o concernente ao home cis-xénero heterosexual sendo considerado o oposto “particular” todo o que non lle afecte a este suxeito. O paradoxal é que sendo supostamente “cousas de mulleres”, quen lexisla sobre ditos temas acaban sendo os homes...
O espazo público implica para nós non ter certas actitudes demasiado proactivas ou de liderado, non ir vestidas segundo de que xeito, non falar segundo de que maneira, ... É dicir, “permitíusenos” saír do espazo doméstico, pero coa condición de seguir un código de comportamento definido por outros. En calquera recuncho do globo terráqueo, quedamos relegadas á privacidade clandestina dun cuarto coa porta ben pechada para poder ser, falar, vestir e comportarnos sen acusación, condena nin penalización.
Porque hoxe 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra aMuller, non é só cousa de Mulleres: é cousa de toda a sociedade.
Nov 25, 202214:49
Aprendendo das dunas

Aprendendo das dunas

Destrución implica limpar e eliminar para liberar espazo e tempo e que poidan nacer un baleiro e un silencio que nos leven cara dentro para poder crear. Cada certo tempo vén o momento de destruír, de pechar, de poñer fin para que outros inicios poidan darse. A morte de algo e logo, o renacer.

Candoa duna termina de construírse pola acción do vento e acada un tamaño de entre catro e seis metros, a area comeza a desprenderse dando lugar a novas dunas pequenas, que ao ser máis veloces que as grandes, vanse afastando da “duna-mai”.  É dicir, as dunas desfanse e desa destrución xorde de novo a construción.

Nov 18, 202205:03
Coidado ou control?

Coidado ou control?

Probablemente, identificar cando as demais tratan de controlarnos sexa máis fácil que detectar o control que nós tratamos de exercer sobre as outras, máis que nada porque culpar ás demais é psicoloxicamente máis soportable que asumir as propias sombras que gardamos entre bastidores.

Podemos facernos conscientes das dinámicas de poder que subxacen a calquera relación entre persoas e, dese xeito, darémonos de conta de que aplicamos todas estas estratexias porque, de xeito inconsciente, buscamos con ansiedade sentirnos amadas e seguras; pero iso non xustifica o noso comportamento controlador.

Cando dicimos que coidamos, ocupámonos da outra persoa ou estamos tratando de controlala? Porque non é o mesmo coidar dende os nosos temores a perder á outra ou dende a nosa condescendencia que dende o respecto á individualidade, capacidades e liberdade da outra.

Nov 11, 202207:39
Apego ou amor?

Apego ou amor?

Acabadas de nacer, detectamos que podemos morrer e, polo tanto, para sobrevivir apegámonos ás nosas criadoras. Son a nosa primeira fonte de amor e os nosos primeiros vínculos relacionais. O apego emerxe sendo necesario para a nosa supervivencia cando somos cativas así que non é algo nocivo per se. É unha vinculación emocional moi intensa que sentimos cando somos pequenas con respecto ás persoas das que dependemos para a nosa seguridade, protección e consolo; e, alén de ser algo que sentimos, o apego fainos comportarnos de determinada maneira e condiciona como nos relacionamos incluso na nosa adultez porque temos inconscientemente como patrón de referencia o noso tipo de apego infantil.

A nosa idea de amor está contaminada polos nosos medos a sentirnos abandonadas, rexeitadas e a non ser suficiente e o noso estilo de apego vén dado pola nosa maneira de interpretar o que vivimos na nosa máis temperá infancia.

Propóñovos dúas preguntas:

- Amo ás persoas ou apégome a elas?

- Pode amar levar consigo aceptación, liberdade e desapego?

Nov 04, 202208:01
O conxuro da efervescencia

O conxuro da efervescencia

Hai instantes nos que me embarga a iracunda, a perversa, a celosa, a manipuladora, a vingativa, a envexosa, a soberbia, a fachendosa, a condescendente, a caprichosa, a violenta, … Algunhas veces sentíame culpable porque a miña programación mental facíame xulgar que non debía sentir iso.  Porén, identificar o que sinto é o primeiro paso para poder aceptalo e darme de conta de que todas as emocións están aí para ser vividas. Recoñecerme experimentando todas estas facetas faime poder abrazarme enteira e conectar coa humanidade. Estes estados que emerxen da miña escuridade máis auténtica merecen e necesitan expresarse e ser escoitados. Son humanos e son válidos por canto xa están existindo dentro de min.

A miña bruxa interior púxose a conxurar e descubriu que ditas emocións consideradas socialmente escuras e negativas son en realidade “comprimidos efervescentes” que precisan dun recipiente cheo de agua.

Oct 28, 202204:43
O verme do reencontro

O verme do reencontro

Fai pouco estiven en dous eventos - un profesional e outro familiar - e neles atopeime con persoas que facía moitos anos que non vía. Cada persoa fainos amosar unha parte de nós específica: ás veces unha máscara para a ocasión e, outras, unha faceta auténtica. Reencontrarnos con persoas que fai tempo que non vemos é como ese momento no que Alicia entra na tobeira do coello branco e cae por un furado inesperado que a lanza ao “país das marabillas”. O reencontro implica atravesar un buraco de verme que nos arrastra nunha viaxe espazo-temporal e psico-emocional polo multiverso.

Oct 21, 202204:58
S.O.S.
Oct 14, 202209:44
A roda da Vida

A roda da Vida

Miña avoa, como todo un oráculo que é, sempre di mentres debuxa co seu dedo índice un círculo no aire: “A Vida é unha roda”. Se nos paramos a imaxinar unha roda, o natural para ela é xirar. Se a Vida é unha roda como afirma miña avoa toda chea de razón, unhas veces estaremos na parte de arriba lixeiras e dispostas; e outras veces na parte de abaixo cargadas e sostendo o peso.
A roda recórdanos a importancia de percorrer todo o sendeiro circular alternando entre estar enriba e embaixo. Pretender apegarnos, rexeitar ou fuxir de calquera dos puntos da traxectoria é un atentado contra o fluír da Vida porque implica unha etiquetaxe elitista que nos enguedella no xuízo dos momentos como se houbese algúns menos válidos ou menos selectos que non merecen ser vividos.
Oct 07, 202204:46
Cando ousamos dicir “non”

Cando ousamos dicir “non”

Estamos aprendendo a tomar consciencia como sociedade de que “Non é non”, sobre todo no contexto sexual. Estamos aprendendo a que non hai que dicir que si a todo por sistema ou porque é o que se espera de nós nin tampouco debemos interpretar que un “non” é unha invitación a seguir insistindo. Paréceme esencial aprender a respectar o “non” das demais así como identificar o propio “non”. Con todo, tamén vexo moi necesario educarnos para que, unha vez identificado e comunicado que non queremos algo, non nos torturemos polo que poidan pensar ou facer as demais.
Por suposto, tamén recibimos o “non” por parte das demais persoas e iso lévanos directamente a mirar cara fóra e ancorarnos na posición de vítima mentres apuntamos co dedo acusador á persoa que nos dixo que “non” converténdoa en responsable do noso malestar, dor e frustración. Porén, ese “non” que recibimos é unha oportunidade de mirar cara dentro para descubrir que hai detrás desas emocións: medo a non ser amadas, medo a non ser válidas e medo a quedarnos soas.
Sep 30, 202205:19
Esforzo e disciplina

Esforzo e disciplina

“Se te esforzas e es disciplinada, conseguirás todo o que te propoñas!”. Xa nos gustaría que este lema funcionase sempre!
Buscamos desesperadamente técnicas, métodos ou instrucións que nos garantan que se facemos A, o resultado vai ser B; pero na Vida aparecen variables que non dependen para nada de nós e que modifican os acontecementos dunha maneira inesperada.
Está claro que para nadar hai que meterse na auga, mais até que punto nos convertemos en mergulladoras dependentes de fórmulas exactas que prometen resultados asegurados?
Non estou a dicir que esforzarnos non valla para nada, o que digo é que a nosa idea do que é esforzo implica toneladas de rixidez e de expectativas que nos frustran e nos embuten.
Se a disciplina quere dicir ser cegamente obediente a normas dadas polas demais, hai un compoñente de obrigatoriedade, de anulación, de represión e de submisión e iso atenta contra o noso ser máis íntimo e esencial.
Sep 23, 202205:36
Soltar e deixar ir

Soltar e deixar ir

Dilapidamos enerxía e atención moitas veces onde xa non é necesario o investimento emocional, mental, físico ou espiritual. Quedamos enganchadas a seguir mantendo certas situacións, cousas e relacións por medo á incerteza que supón soltalas, por medo ao baleiro e á soidade, por medo a perder a sensación de seguridade que nos fai sentir aquilo coñecido. En xeral, cústanos moito descartar, é dicir, seleccionar o que se queda e o que se ten que ir. Resistímonos a soltar porque tememos quedarnos soas, non ter abondos bens materiais nin oportunidades. Outras veces, a operación non é tan proactiva pola nosa parte e tócanos deixar ir situacións, cousas ou persoas a pesar de non desexar que iso sexa así. Todo ten a súa función, espazo e tempo na nosa vida, pero os seres humanos pretendemos controlar e reter o que acontece no punto que cremos que nos convén máis para que non se modifique.
Sep 16, 202206:01
As ensinanzas do colibrí

As ensinanzas do colibrí

Para a civilización maia, o colibrí tiña a especial misión de transportar os desexos e pensamentos así como as bendicións das deusas ou das familiares falecidas que seguen téndonos presentes no outro mundo.
Existen 343 especies desta familia de aves. É o paxaro máis pequeno do Planeta: dependendo da especie, pode pesar dende os 2,2 gramos até un máximo de 20 gramos. Bate as ás debuxando círculos entre cincuenta e oitenta veces por segundo. Pode facer que o seu metabolismo vaia máis lento para administrar a súa enerxía e adaptarse á baixada de temperatura da noite e ao momento de durmir. Non absorbe o néctar das flores, senón que o lambe coa súa peculiar lingua bífida en forma de W que se enrola sobre si mesma. Consume cantidades inxentes de azucre e cando ten moita fame, estrésase.
Curiosamente, o colibrí non pode camiñar coas súas patas, só pode sosterse nelas para durmir, pero si pode axitar as súas ás en círculos a unha velocidade supersónica, así que atopou o seu xeito de conseguir manterse no mesmo lugar sen usar as patas. Ademais, resulta que é a única ave capaz de voar cara atrás e tamén de voar boca abaixo, polo tanto, non poder camiñar, non eclipsa as proezas que si é capaz de realizar este pequerrecho.
Cando dicimos: "Non son capaz de facer tal cousa" estamos obviando, en primeiro lugar, que quizais non somos quen de facelo da maneira que nos ensinaron ou da que vemos ás demais facelo, pero iso non quere dicir que non poidamos atopar o noso propio xeito. E, en segundo lugar, estamos obviando que por cada cousa que non podemos facer, hai outras moitas que si somos capaces de facer.
Sep 09, 202205:55
Perfecta limitación

Perfecta limitación

A perfección entendida como o requisito previo para facer ou executar algo ou para amosarnos e presentarnos ao mundo, fai un tándem coa nosa sensación de falta de valor propio. Así, usamos o argumento da perfección para xustificar que non iniciamos ou non continuamos o que empezamos. No fondo, temos medo a "facelo mal" ou "non abondo ben" e por iso acabamos vivindo co freo de man posto por causa desa condición de perfección á que nos sometemos. A perfección pasa a ser unha limitación que fai que non nos atrevamos e tórnase un colchón no que deitarnos para non saír da nosa zona cómoda. Dende logo, o menos arriscado e o máis fácil, é quedar nas bancadas dicindo como deberían actuar as persoas que si se atreven a dar o paso.
A perfección, definida en parámetros da mente humana, é unha idea fixa que hai que calcar ao milímetro. Esta definición mental vive no mundo das ideas e por iso choca continuamente coa nosa realidade 3D.
Sep 02, 202206:36
Que hai detrás da presión?

Que hai detrás da presión?

Ás veces a presión empúrranos a dar ese paso que, sendo necesario, non nos atreviamos a dar; outras veces, a presión paralízanos ou abócanos a tomar decisións impulsivas sen ter tempo de reflexionar e de verificar se queremos realmente escoller esas opcións.
Podemos ter a sensación de que é unha presión externa encarnada nunha persoa do noso entorno ou unha situación que se manifesta na nosa vida, pero quen sente e abeira a presión somos nós. En moitas ocasións, a presión levámola “posta”, sendo o noso propio diálogo interno e os nosos condicionamentos persoais os que nos fan sentila ou debería dicir padecela.
É moi aliviador falar da presión que sentimos porque nos permite desafogar, pero que hai da presión que nós infliximos ás demais? Non nos apercibimos da presión que exercemos sobre fillas, alumnas, compañeiras de traballo, parellas, amigas, ...
Preguntémonos:
- Que circunstancias ou compañías me fan sentir presión?
- Que emoción ou vivencia hai detrás desa sensación de presión?
- Como decido abordar a presión? Podo probar a transitala esta vez dun xeito diferente?
- Son consciente dos automatismos e patróns que saltan en min cando estou baixo presión?
Aug 26, 202207:21
In-sub-misión

In-sub-misión

Tanto dá que agora sexa química, a submisión sempre foi imposta ás mulleres emocional, sexual, social, cultural, intelectual, familiar e laboralmente. Submisas, así nos quixeron.
Todos estes sucesos de picadas de submisión química en festas, concertos e locais de ocio nocturno arrepíanme. Arrepíanme, pero desgraciadamente non me sorprenden. O xerme desta conduta orixínase en pequenas accións violentas, de agresión e de acoso que normalizamos no día a día. Por exemplo cando naturalizamos que unha persoa increpe a outra pola rúa berrándolle a súa opinión sobre o seu corpo ou aparencia.
Pois teño unha noticia que darvos: As mulleres non somos “produtos de libre disposición”.
O que temos que asimilar é que as persoas que abusan, acosan, agriden e violentan son as máis correntes coas que nos cruzamos cando imos polo pan. Pensar que os que o fan son os fillos das demais e non os nosos, exclúe a nosa responsabilidade sobre o asunto. Somos responsables en conxunto porque estamos criando e educando para que as cativas e cativos reproduzan estes comportamentos ou como mínimo para que os naturalicen e non os detecten como abusivos.
Deámonos a man insubmisas na revolución da toma de consciencia e construamos todes xuntes dende o afecto amable, o respecto, a escoita, a empatía e os coidados. Emprendamos a misión revolucionaria de traballar unides pola sociedade na que nos inserimos.
Aug 19, 202206:36
Xogamos?

Xogamos?

Xogar como sinónimo de brincar semella que é algo falto deimportancia e que fai perder o tempo sen aportar nada. Pois gustaríame recordar que as nosas primeiras formas de aprendizaxe e socialización desenrólanse mediante aimitación e o xogo. É curioso que se perciba como algo pouco serioporque todo xogo organízase segundounhas regras determinadas requirindo o compromiso das xogadorase, ás veces, tamén precisaduns obxectos concretos por non falar de que moitos xogos son grupais polo que desenvolven o traballo en equipo e as relacións interpersoais, cualidades queserán a base para movernos nomundo adulto.
Ao facernos maiores, pensamos que o xogo é dominio da rapazada e que non nos pertence, que non é o noso elemento. A seriedade coa que afrontamos a vida adulta deixa fóra toda posibilidade de brincar polo pracer de brincar.
Deixamos atrás á nosa nena interior por considerala inadecuada para a nosa adultez. Pois a adulta que somos agora beneficiaríase moito de pasar máis tempo coa nena que leva dentro e, unha actitude de xogo, é a mellor porta para acceder á súa compañía. A nosa nena interna ten un gran valor que rara vez lle outorgamos.
Aug 12, 202205:54
Actitude creativa

Actitude creativa

O ser humano é fundamentalmente un ser creativo. O caso é que estamos insertadas nun sistema de produción capitalista que nos fai pensar na obrigatoriedade de que haxa un produto final e na súa comercialización. Aquilo que creamos e aquilo co que desenvolvemos a nosa creatividade non ten que ser útil nin tampouco ten que servir para obter diñeiro. A utilidade e a rendibilidade quedan á marxe da creatividade. Non debemos poñer condicións como valados que limitan a nosa leira de creatividade.
O que nos empurra a crear é unha necesidade expresiva: a vontade de dar saída a algo que se axita no noso interior. Faise insoportable e pesado levalo dentro e por iso precisamos recoñecer o que nos desacouga no noso interior e darlle unha canle creativa coa que poida manifestarse externamente case nunha especie de exorcismo de nós mesmas.
Se pensamos que é cousa de cativas e que como somos adultas non nos corresponde atender esas ganas de explorar creativamente, vai quedar aí no noso interior como vida rexeitada, perdida e negada que vai esburacando a nosa saúde. É por iso que poderemos sandar na medida en que acollamos esa voz interna que nos inspira a crear.
Só fai falla un cambio de actitude interna que nos leve a conectar coa nosa creatividade e, para iso, podemos comezar preguntándonos:
- Estou concedéndome o permiso, o tempo e o espazo para crear e desenvolver a miña creatividade ou sigo lamentándome por ter deixado de facer aquilo que despertaba a miña creatividade?
- Como podo facer o que normalmente fago, pero divertíndome?
- Estou poñendo as miñas habilidades en xogo ao longo do día?
- Como podo encontrar e probar novos escenarios creativos?
- Sei crear espazo nos meus horarios para facer cousas que me encantan e tamén para o non-facer?
Aug 05, 202205:52
Día da Matria galega

Día da Matria galega

O 25 de xullo celebramos o Día da Matria Galega.
Grazas ao labor das Irmandades da Fala, conseguiuse designar un día no que homenaxear a Galicia. Non foi até mediados dos anos 1980 cando se permitiu a manifestación deste día de maneira pública. En resumo, fai dous días que somos libres de poder conmemorar sen restricións o Día de Galicia.
O himno galego estreouse o 20 de decembro de 1907 no Centro Galego da Habana. Só a partir de 1975 puido volver cantarse o himno completo publicamente. Recordemos que o noso himno insta a espertar para camiñar cara a liberdade e para iso cada unha das persoas do pobo galego ten que atreverse a alzar a súa voz como os rumorosos piñeiros do poema.
Moitas grazas ás persoas galegas que decidiron e deciden ficar na terra-nai e defender a existencia de Galicia mediante a súa presenza in situ. Sodes as valentes que seguen plantando e regando as nosas árbores. Valoremos as accións daquelas que se moveron na clandestinidade arriscando as súas vidas para manter o fogo da enerxía colectiva á espera de poder manifestarse após escampar a tempestade. Moitas grazas a todas aquelas persoas galegas emigrantes que seguiron e seguen mantendo a nosa fala e a nosa cultura contribuíndo dese xeito ao coidado e persistencia de Galiza.
Coidemos e celebremos a nosa Matria cada día do ano, xentiña!
Jul 29, 202205:60
Revisando compromisos

Revisando compromisos

Compromiso é ante todo un acordo do que se desprenden responsabilidades, pero tamén beneficios, non debemos esquecelo. Cando algunha das condicións de dito compromiso non está en sintonía connosco, desatendemos ou amosámonos indiferentes provocando unha sensación de deslealdade para a outra parte implicada. Será que podemos facer as cousas de xeito diferente antes de chegar a ese punto tóxico de desafección e traizón?
O nosos medos á incerteza, ao abandono e ao rexeitamento fan que utilicemos o compromiso como cabalo de Troia nas nosas relacións. Cargámolo con expectativas de eternidade, esixencias de garantía e idealizacións de seguridade que fan que moitas persoas evadamos ou fuxamos do compromiso. E outra cousiña, onde queda a vontade propia nesta ecuación do compromiso? Porque parece que pesa máis a obrigación imposta polos ditames sociais.
Tomemos un instante cada día para ser sinceras con nós mesmas preguntándonos:
- Aquí e agora sigo escollendo anovar este compromiso?
- Estou disposta a asumir as responsabilidades que implica este compromiso ou hai algunha delas que xa non quero seguir asumindo?
- Síntome a gusto nas condicións deste compromiso ou preciso modificar algunhas delas?
- Atrévome a expresarlle á outra parte a miña necesidade de cambiar certos puntos do noso compromiso? Asumo que a outra parte tamén pode querer modificar certas cousas?
- Sei valorar os beneficios que obteño deste compromiso?
- Sei valorar á persoa ou persoas coas que teño dito compromiso? Como lle expreso esta valoración e agradecemento á outra parte implicada?
- Acepto que debater os termos do compromiso pode ser incómodo e implica amosarme vulnerable así como negociar?
- Asumo que nesta revisión do estado do compromiso existe a posibilidade de que poida acabarse?
- En que me comprometo comigo mesma? Estouno cumprindo ou pospóñoo para priorizar os compromisos que teño coas demais?
Jul 22, 202204:38
O abano de intimidades

O abano de intimidades

No século XXI vivimos un verdadeiro pavor á intimidade á vez que unha ansia ancestral desesperada por ser capaces de habitala. A intimidade é o esterco que fai florecer os nosos vencellos emocionais importantes, mais, á parte de fertilizar, tamén fede e moitas non estamos dispostas nin preparadas para soster tal fedor. Parece que a intimidade outorga compromiso e seriedade ao que toca e iso abáfanos. Supoño que é por ter vivido tantas centurias baixo o peso dos ditames relixiosos sobre as relacións humanas en xeral e de parella en particular. Vivimos nunha época de revolución tecnolóxica imparable e tamén dunha fuxida dos vínculos de carne e óso e de pel con pel porque se nos fan demasiado reais e imperfectos, porque nos pesan, porque en Internet todo é lixeiro e contamos co escudo dunha pantalla e, por suposto, coa vantaxe de poder desconectarnos cando queiramos ou darlle ao botón de apagar. Para que se dea a intimidade, opino que é indispensable para as partes implicadas sentir conexión e seguridade emocional. A intimidade require expoñerse, amosarse vulnerable, baixar as defensas, saber soster á outra persoa; e implica reciprocidade na validación e no intercambio. Coa intimidade medra a confianza e a sensación de seguridade para poder compartir pensamentos, sentimentos, experiencias, soños e esperanzas neses refuxios que construímos coas nosas relacións interpersoais. (O libro do que vos falo no episodio é “As oito etapas da intimidade” de Laura Dawn Lewis.)
Jul 15, 202208:47
Por que escoller a vulnerabilidade?

Por que escoller a vulnerabilidade?

Vivimos nunha época na que temos medo a amosarnos, a ser vistas, a conectar, ao compromiso e, por outro lado, desexamos chegar a iso mesmo do que fuximos nunha xincana bipolar que atenta contra a nosa propia saúde. Dicimos que queremos ver verdadeiramente á outra persoa, pero non queremos que nos vexan a nós. Ademais, cando nos cruzamos con algunha valente no camiño que se atreve a expoñerse vulnerable, moitas veces fuximos espantadas ou poñémonos á defensiva porque non podemos soportar que nos reflicta os nosos propios temores a dar a cara e a deixarnos ver. Conexión, amor e pertenza son o noso santo graal e só podemos chegar a eles mediante a vulnerabilidade, a confianza e a intimidade. A vulnerabilidade implica enfrontarnos á incerteza tomando o risco de expoñernos emocionalmente. Ser quen son esixe vulnerabilidade pola miña parte. Dáme medo, pero é un sendeiro polo que conectar coas demais dende a esencia e dende o que si hai, non dende ideais de como debería ser ou amosarme ou de como deberían ser ou amosarse as outras. Custa? Abofé que si! Pero as relacións que nacen son nutritivas, saudables e amorosas. Ademais, cando alguén se amosa vulnerable con nós toca unhas fibras ancestrais que nos fan confiar e abrirnos e, ao ver a esa persoa que se atreve a ser vulnerable, acaba sendo unha inspiración para que nós tamén nos atrevamos. (No episodio fálovos de Brené Brown e o seu libro "O poder da vulnerabilidade"; a súa conferencia na web de TED Talks que leva o mesmo título; e a súa charla "Sé valente" en Netflix.)

Jul 08, 202208:35
A-B-O-R-T-O

A-B-O-R-T-O

Séculos atrás, o corpo do home destinábase á guerra e o da muller á reprodución. Realmente cambiaron as bases despois de tantos anos ou os tentáculos medievais aínda moven os fíos?
O corpo da muller é cuestión pública, en cambio, o corpo do home non ten debate moral ao seu redor a excepción de se é “demasiado” feminino ou se aspira a ser feminino por vontade propia.
Hai palabras relacionadas co corpo da muller que son tabú. Por exemplo: vulva, regra, menstruación, candidiase, menopausa, ... Outro deses tabús é o aborto. O aborto, sexa espontáneo ou inducido, é un proceso duro a nivel físico e psicolóxico para calquera muller que se vexa nesa situación e merece polo tanto visibilización, voz, acompañamento e escoita. Necesitamos dar espazo ao aborto, ser capaces de falar sobre el porque forma parte da nosa realidade. Sen dúbida é unha traxedia que unha muller que desexa ser mai vexa o seu embarazo truncado por un aborto, pero tamén é unha traxedia que unha muller embarazada que non desexa ser mai se vexa obrigada a chegar ao final da xestación e a parir en contra da súa vontade.
Jul 01, 202208:46
Prendendo a fogueira

Prendendo a fogueira

O 21 de xuño, o solsticio deu inicio ao verán para unha metade do planeta e ao inverno para a outra metade. Estamos ante o día máis longo e a noite máis curta para as moradoras do hemisferio norte. Unha noite tal coma esa, os nosos antepasados pagáns acendían fogueiras para honrar e coidar do Sol e axudarlle a renovar a súa enerxía e poder. En Galicia conservamos milleiros de costumes e cultos pagáns que se imbrican na nosa cotiandade aínda que diluídos e sincretizados debido aos acontecementos históricos que vivimos no pasado. O rito pagán de honrar ao Sol durante o solsticio pasou a cambiar de día e a tomar o nome de San Xoán porque o cristianismo utilizou a estratexia de asimilación das festas pagás para chegar a converterse na relixión monopolizadora da fe e, dese xeito, exercer o control sobre o pobo. Absorberon ditas celebracións pagás e fundíronas no seu relato bíblico para aniquilar calquera outro rastro de culto anterior á súa existencia. 

Acendemos luminarias para saltalas en busca dunha limpeza e dunha protección. Queremos afastar o mal de ollo, os malos espíritos, conseguir boa sorte e desprendernos daquilo que necesitamos saldar dunha vez por todas. É un ritual de purificación, de fechamento, de punto final. En Galicia sáltanse as fogueiras un número impar de veces e bérrase "Meigas fóra!". Aquí é onde aparece outra das numerosas distorsións favorecidas polo cristianismo: identificar as meigas co mal. As meigas eran mulleres que abeiraban coñecemento e que estaban profundamente conectadas coa Natureza.  Os homes temían que as meigas ameazasen o status quo tan perfectamente deseñado á súa medida e privilexio pois era un perigo que elas sentasen precedente de que outra vida era posible para as  mulleres.

O lume empregouse para dar calor, para cociñar alimentos, para purificar e como chama eterna para recoñecer e recordar a persoas e acontecementos notables así como en altares ancestrais para honrar a divindades e familiares falecidos. Pero o lume tamén se utilizou para asasinar mulleres durante dez séculos. Vou repetilo: dez séculos de queima sistemática de mulleres baixo a acusación de bruxería.

Jun 24, 202204:21
Camiño de luces e sombras

Camiño de luces e sombras

A vida é un camiño cuxo destino descoñecemos e esa incerteza déixanos expostas e vulnerables. Forxamos as nosas armaduras e coirazas por medo, para sentirnos protexidas e seguras así como construímos unha imaxe do que cremos que debemos ser para sentirnos aceptadas e amadas. É cos nosos pasos que o sendeiro se manifesta. A tan ansiada felicidade non está na pousada, tal e como xa nos dicía o fidalgo Don Quixote, senón no estar camiñando.
Ao longo do camiño, a luz a a sombra acompáñannos. As nosas sombras proporciónanos un terreo fértil no que sementar e indagar cara dentro entrementres as nosas luces nos ofrecen oportunidades magníficas de colleita e desenvolvemento cara fóra. Hai quen vive ancorada nas súas sombras por non ser capaz de asumir a súa propia luz e hai quen vive queimándose ao estar perpetuamente na luz para negar a súa sombra. Xerar luz é xerar sombra, non podemos separar ambos sucesos.
Jun 17, 202206:34
Quen decide o meu éxito?

Quen decide o meu éxito?

Estamos socializadas nunha cultura centrada na aparencia externa: ten que ser unha voz dende fóra a que nos valide para despois, nós, sentir que valemos así que, ter éxito, depende da valoración que nos dean as demais.
Imos perseguindo estándares de éxito construídos dende o marketing, a acción dos logaritmos e as dinámicas do Mercado co cal somos escravas desa imaxe do que é exitoso e consumimos bens e servizos para intentar transformarnos nela.
A palabra “éxito” vén do latín exitus que literalmente significa “saída”. Se cadra, poderiamos deixar esa saída de nós mesmas e ir cara esa entrada en nós mesmas preguntándonos:
- Que é o éxito para min?
- A que lle dou valor?
- Como conecto coa miña propia sensación de triunfo sen acudir a varas de medir alleas?
Jun 10, 202204:16
O fracaso como oportunidade

O fracaso como oportunidade

Fracasar é non acadar o resultado previsto ou desexado, que o escenario ideal que definimos cos nosos pensamentos non se materializa tal cal na nosa realidade. É dicir, deixamos que unha creación da nosa mente, unha idea pensada sobre como deberían acontecer as cousas, domine como nos sentimos e como interpretamos a nosa vida e a nós mesmas. O fracaso é visto como algo negativo porque non aceptamos o que ocorre cando non se axusta ao que xulgamos que é “mellor” que pase.
O oposto do fracaso é o éxito sendo este entendido como o feito de ter boa acollida unha cousa ou unha persoa e de gustar por aquilo que fai ou por unhas determinadas calidades; e tamén o feito de conseguir o recoñecemento das demais nunha actividade que se realiza.
Sendo así, o fracaso implícame a min soa: son a única responsable. O éxito, porén, está fóra de min xa que é algo que me conceden as demais. Vivilo así é autoflaxelante e ponnos nunha posición de mártires.
Jun 03, 202204:34
Impostora

Impostora

O síndrome da impostora é un estado de dúbida crónica sobre o teu potencial e capacidades, unha sensación de insuficiencia e de que o que conseguiches até agora foi produto da sorte e non das propias habilidades e a isto súmase unha ansiedade polo medo a que as demais persoas descubran que es unha impostora.
É unha forma de pensar moi paralizante que fai que nos percibamos como incompetentes e incapaces de asumir o éxito (sendo éxito algo diferente para cada persoa, claro). Acaba sendo unha autocrítica asasina que denota falta de confianza nunha mesma e pavor ao fracaso. Ante estes medos e carencias desenvolvemos estratexias compensatorias. Unha delas é traballar en exceso até esgotarnos para ser perfectas. Outra é procrastinar e autosabotarnos porque como nos sentimos incapaces de ter éxito pois facemos todo o posible para fracasar. E danos vergonza falar disto. Claro, non é doado espetarlle a alguén, por moi próxima que sexa esta persoa: “Sinto que estou enganando ao mundo, sinto que non vallo, sinto que non son abondo”.
Como nos falaron e o que nos dixeron tivo consecuencias brutais sobre como nos percibimos a nós mesmas e sobre como nos presentamos ao mundo. A nena sempre vai estar buscando a aprobación das proxenitoras e das persoas adultas do seu sistema de crianza sexa familiar, social ou escolar así que calquera adulta que forma parte da súa vida impactan o sistema de crenzas e valores da pícara.
A Doutora Valerie Young elaborou unha categoría de comportamentos relacionados co síndrome da impostora e definiu cinco grupos de persoas: a perfeccionista, a individualista, a experta, a xenia e a superwoman.
Que podemos facer para navegar os mares do síndrome da impostora?
May 27, 202209:10
As nosas Letras

As nosas Letras

O 17 de maio celebramos o Día das Letras Galegas. É importante conmemorar a nosa lingua e as persoas que a desenvolveron no ámbito literario. Escribir implica un estudo e unha investigación das que non somos conscientes como lectoras. Pensamos que cando unha persoa escribe poesía, unha novela ou un texto teatral é por certo don innato, mais calquera arte require dedicación para desenvolverse así que moitas grazas a todas esas persoas que cultivan a nosa lingua escrita para coroala con obras literarias.
Así e todo, a lingua oral é a xénese. É dicir, sen as falantes non poderiamos chegar a ter unha representación escrita da nosa lingua. Ademais, se non hai persoas que falan un idioma, este extínguese. Cada unha de nós falantes temos un impacto enorme na vida da nosa lingua e creo que tampouco somos conscientes diso. Cada escolla que facemos, consciente ou inconscientemente, ten repercusións no noso idioma.
Hai persoas que aducen que o galego só serve para Galicia e que por iso non paga a pena estudalo, coidalo nin falalo. Deixádeme dicirvos que se só imos falar un idioma polo número de falantes que ten e por razóns prácticas, económicas, laborais e de estratexia empresarial; entón só deberiamos falar inglés, mandarín e hindi. Falar a lingua materna vén dunha vontade comunicativa visceral e de conexión coa túa raíz, co teu clan. Non obedece á razón, senón ao corazón.
Cantos máis idiomas falemos, mellor para nós pois cada lingua é unha maneira de ver o mundo, é o sentir dun pobo feito palabra, é unha chave para entrar nunha cultura diferente volvéndonos máis respectuosas e humildes.
Quero aproveitar a celebración das nosas Letras para eloxiar tamén ás persoas da aldea pois durante moitos anos foron salvagarda do idioma galego antes de instituír unha gramática ou unha Real Academia.
Hai que coidar do enxebre do noso acervo lingüístico, pero tamén hai que dar cabida a aquelas novas palabras que xorden porque senón o idioma queda afastado da realidade vital das falantes e estas pasan a utilizar palabras emprestadas ou roubadas a outros idiomas que si están recollendo ditas actualizacións.
May 20, 202206:28
Maternar

Maternar

Maternar é coidar dende o amor e dende a capacidade de vencellarnos afectiva, emocional e enerxeticamente con aquilo que maternamos. Maternar non se relaciona unicamente con un bebé. Podemos maternar proxectos persoais e profesionais; relacións familiares, de amizade, de parella e de traballo; e incluso a nós mesmas.
Todas temos clara a teoría sobre como se debería ser nai, sobre o que nos faltou na nosa crianza e sobre o que reprochamos á nosa propia nai. Pero esquecemos que unha mai non é un ser celestial, perfecto, elevado e con súper-poderes que vive exclusivamente por e para a crianza da prole. Temos unha imaxe idílica do que debería ser unha nai que non ten ningunha base no día a día da realidade humana. Acaba sendo un mito co que ameazar, xulgar e danar ás nais de carne e óso. Unha nai ten as súas problemáticas internas e externas, contextos e facetas, coma calquera persoa. Xa está ben de esperar que as nais sexan seres abnegados que renuncian a si mesmas para entregarse a servir ás demais. Xa está ben de esixirlle a unha nai que renuncie ao seu espazo persoal ou a divertirse fóra da maternidade. Xa está ben de maquillar a maternidade como a única experiencia posible para ser unha muller completa. Xa está ben de impoñer un único xeito de ser mai porque cada muller materna á súa maneira. Xa está ben de decidir o que deben facer as mulleres e convertelo en norma porque cada muller é unha persoa con unha vida particular e única da que se desprenden as súas eleccións.
Na nosa sociedade, cando unha muller expresa que quere ser mai, non ten que dar ningunha explicación, ninguén lle pregunta por que. En cambio, se unha muller expresa a súa decisión de non ser mai, esiximos saber o porqué desa “anomalía” ou dicímoslle con condescendencia “Iso dis agora, pero xa cambiarás”. É dicir, obrigámola a xustificarse ou negamos a súa decisión. Por que facemos isto? Tamén asociamos mai a crianza, pero hai mamás que non crían ás súas fillas por diversas razóns e son outras persoas as que acaban tendo conta da criatura, polo tanto crianza non é exclusivo dunha mai nin vai ligada sempre ao feito de parir.
O sistema empúrranos a considerar a maternidade o camiño obrigado para ser considerada unha “muller plena”. O determinismo biolóxico úsase para incitar ás mulleres a parir e ser nais só porque o seu corpo é capaz de xestar. A “muller-nai” emerxe así como unha institución que, sexamos sinceras, é indispensable para a continuación do sistema de Mercado pois, que faría sen esas pequerrechas que serán futura man de obra e consumidoras da engrenaxe?
En definitiva, o que quero transmitir é o agradecemento tanto para coa nosa nai como para con todas esas figuras maternas que participaron da nosa crianza e contribuíron ao noso crecemento e desenvolvemento.
Nais arrepentidas de Orna Donath: unha mirada radical á maternidade e as súas falacias sociais.
Non nais de María Fernández-Miranda: mulleres sen fillos contra os tópicos.
carolinagonzalezma3.wixsite.com/doulasoymujer
May 13, 202207:55
Himno ao corpo

Himno ao corpo

O corpo: recipiente de vísceras e fluídos, carne que nos expón vulnerables, instrumento de identidade, moeda de cambio, transporte que nos leva e nos trae, atadura ao mundano, fonte de pracer, encarnación da política, manifestación da vida, abeiro da morte, ...

Como explicar a relación co propio corpo? Podemos pensar que é todo un descoñecido nos primeiros anos de vida, un obstáculo hormonal na adolescencia, unha ferramenta de produción na adultez e unha carga na vellez.

Mais o corpo é un rexistro do vivido, un baúl cheo de experiencias. É un organismo que conta cunha linguaxe e memoria propias. A maior parte do tempo tratámolo como un impedimento, como un obxecto inerte e decidimos desconectarnos del porque nos resulta demasiado “animal”, demasiado preto da Natureza da que renegamos en prol da nosa superioridade racional.

Pensar que a mente racional é superior ao corpo e á súa sabedoría vivencial supón pagar un prezo moi alto porque nos afasta da nosa propia carne. Somos un Todo no que corpo, mente e alma se abrazan inseparables. Mais o corpo é o envoltorio material que sofre os efectos do que pensamos e interpretamos coa mente e do que transcendemos coa alma.

Prestemos atención a como alimentamos o noso corpo, como o movemos, como lle damos descanso, como o poñemos en acción, como lle manifestamos afecto e tamén respecto, como lle damos espazo para que nos fale, como o aceptamos tal cal é, como o curamos, como o danamos querendo ou sen querer, como o cubrimos e como o descubrimos.

May 06, 202204:35
Bailamos?

Bailamos?

Bailarina, danzante, bailadora, bailadeira, danzarina. Todas estas palabras refírense a aquela persoa que é amiga de practicar danza.

Visualizo ese cadro titulado A danza no que o pintor Henri Matisse preséntanos unha rítmica sucesión de corpos danzantes espidos sobre un fondo de intenso ceo azule de veludento verde chan que transmite a conexión coa natureza, coa sensación de liberación emocional e de hedonismo. Sen dúbida hai no momento danzario algo de purgante, de expresión sublime, de exorcismo, de diálogo e de encontro.

A danza é máis que elaboradas secuencias de pasos e posicións técnicas ao son dunha música. Respiración e emoción son danza. Quietude e silencio tamén son danza. Todas as persoas levamos dentro unha pulsión dancística, o que non significa que esa danza interna encaixe cos códigos dos estilos de baile clasificados como tal. Ritmo, tempo, cadencia, niveis e calidades varias son apeiros da danza que permiten infinitas combinacións.

O movemento ten algo marabilloso porque, alén de ceibarnos fisicamente, provoca un cambio enerxético no noso interior e no noso exterior. A danza proporciona esta incrible oportunidade de revirar o noso mundo para amosarnos que outra vibración é posible.

Por iso, se nalgún momento da nosa vida nos sentimos estancadas ou atrapadas, non se me ocorre mellor menciña que a danza. Non fai falla receita médica nin pagar por ela, está ao alcance de calquera e os efectos son inmediatos. Hai emocións que non sabemos poñer en palabras e porén si podemos levar ao corpo danzante para seren expresadas e compartidas. Podes bailar en silencio ou con música, desprazándote ou quieta, ao aire libre ou dentro dunha sala, soa ou acompañada ... E sobre todo, podes deixar fluír calquera emoción que abeires. Podes rir, chorar, berrar, cantar, rezar, esbirrar, ... Non existe ningunha emoción ou acción que a danza non acolla no seu xeneroso colo.

Como dicía a gran bailarina e coreógrafa Pina Bausch: “Bailemos, bailemos, bailemos, ... senón estamos perdidas!”

Hoxe, 29 de abril, conmemoramos o Día internacional da Danza e, sendo bailarina, pois non podo deixar de celebralo cada día do ano.  Así que... bailamos?

Apr 29, 202203:30
Pracer localizado

Pracer localizado

Pracer: sensación que unha cousa agradable ou que gusta moito produce no espírito ou nos sentidos. A definición parece clara, pero moitas veces o que nos custa é atopalo. Sería máis doado poder dicir: “Siri, busca pracer” e que nos dea a resposta, pero de momento non funciona así. Cada persoa experimenta o pracer de diferente maneira e ante diferentes estímulos. Ademais, dependendo do momento, da compañía ou da etapa vital o que nos resulta pracenteiro vai cambiando. Digamos que o pracer é algo así como un camaleón e un unicornio simultaneamente por iso nos custa dar con el.

Onde está o pracer? Ao fondo á dereita coma os baños dos bares? Pois non! Hai moitos estudos e documentais que nos falan de que o centro xerador do pracer está localizado no cerebro. Isto pode parecer moi desconcertante xa que percibimos dende os neuroreceptores esparexidos polo corpo co cal temos a impresión de que experimentamos pracer dende o exterior. Mais onde se identifica e interpreta o pracer é no cerebro. Quen decide o que nos dá pracer é ese órgano esponxiforme que coloquialmente asociamos coa actividade intelectual e racional a pesar de que se ocupa de moitas cousas máis entre elas das nosas funcións vitais. A ver se resulta que o segredo do pracer sempre estivo agochado no faiado craneal e nós veña a buscar fóra?

Sei que ao escoitar a palabra “pracer”, moitas de nós asociámola rapidamente ao sexo. Porén, os estímulos pracenteiros poden emanar de varias fontes como ben nos recordaba o precioso filme Amélie: afundir a man nun saco de legumes, partir o caramelo queimado da crème brulée coa culleriña e facer rebotar as pedras no canal Saint Martin. Pois iso, que o pracer pode vir de ulir a herba acabada de cortar, acariñar un gato, ducharse con auga quente, contemplar o solpor, recibir un cumprido, regalarlle algo a alguén, esmendrellarse con amigas, chorar, suar facendo exercicio físico, pintar, ... E se imos ao máis básico, satisfacer as nosas necesidades fisiolóxicas é moi pracenteiro: comer cando temos fame, beber cando temos sede, durmir cando temos sono, e poñéndonos escatolóxicas, cagar cando temos ganas.

Hai moitas normas non escritas sobre aquilo que nos debe dar pracer e sobre como debemos expresalo, especialmente no caso das mulleres que durante tantos séculos fomos separadas do noso propio pracer. Sen dúbida, todas as persoas senten en certa medida unha represión do propio pracer por ser considerado tabú, sucio, egoísta, inapropiado, ... Socialmente rexeitamos a abundancia do pracer porque pensamos que debemos "merecelo" sacrificándonos, renunciando a cousas, sufrindo e pasándoo mal previamente. Primeiro debemos ser castigadas para despois ser compensadas con algo de pracer, anque sempre o sufrimento debe ser maior que o gozo. Aí está esa culpa que condiciona o pracer e en ocasións até pode extirpalo. Non nos sentimos merecedoras do pracer e asociámolo ao pecado da tradición xudeocristiá que funda a nosa cultura e sociedade.

Agora ben, todo na vida non é pracenteiro, por suposto. Non estou dicindo que debamos ser escravas da busca do pracer. A proposta sería máis ben abrirnos a recibir sen reservas nin culpa os momentos pracenteiros que se nos presentan na Vida.

- Podemos resignificar o pracer como algo mutable e aberto?

- Podemos aceptar sen xulgar a peculiaridade e o xenuíno do pracer de cada quen empezando polo propio?

- Podemos observar que se agocha detrás desa culpa que sentimos: un acto auto-masoquista que nos proporciona pracer ou a crenza de non ser suficiente?

- Podemos explorar o pracenteiro das pequenas cousas e xestos para romper co monopolio que concedemos ao sexo sobre o pracer?

- Podemos facer conscientemente partícipe ao cerebro na nosa experiencia do pracer?

Unha vez máis, non teño as respostas, só teño as preguntas.

Apr 22, 202205:15
O valor de existir

O valor de existir

A frecha sostense disposta e presente en contacto coa corda do arco e nese intre, incluso para sorpresa da tiradora, prodúcese a acción e a frecha dispárase. Será posible ese estado de non intencionalidade e de desprendemento no que simplemente existir xa outorga todo o valor?

A trindade “ resultado = éxito = valor ” xeroume cantidades inxentes de sufrimento. O éxito é un xerundio, un “estar facendo” que non ten que ver co resultado, senón coa acción. Porén, moitas veces a acción trátase de “non-facer”. Confeso que “non-facer” resúltame moi difícil porque me pon diante un baleiro incómodo e zumegante de incerteza. Na maioría de ocasións dáme medo esa quietude e decido recorrer ao “facer, facer, facer...” buscando lograr algo exteriormente como automatismo anestesiante.

Cando paso momentos de bloqueo e de profundo cuestionamento persoal e profesional, revélaseme que é xustamente nese baleiro ao que tanto temo que pode acontecer a vida e a acción xenuína. Se son completamente honesta, o que me asusta é soltar a ilusión de control coa que medrei e sobre a que construín uns piares que en realidade son espellismos incapaces de sosterme. A miña tan aclamada forza de vontade, a miña necesidade de sentir que me esforzo e a miña crenza de que o que eu non faga non se realizará, leváronme á acción dende un lugar externo. Buscar fóra converteu en insatisfactorio e infrutuoso o meu facer porque estaba desconectado de min mesma e afastado da miña “obra interior”. Así que o reto para min é desfrutar da acción que nace xenuinamente de dentro e non condicionar o meu valor a un facer ligado á produtividade.

Que tal ir cara dentro e coñecer á buscadora en vez de impoñerme unha busca externa? É aí cando me observo disposta e presente como a frecha que conecta co seu valor polo simple feito de existir e non polo feito de acadar o centro da diana.

Nada que demostrar; todo por vivir.

Existo e aí radica o meu valor.

Punto.

Apr 15, 202203:39
Repetimos?

Repetimos?

Alá polo ano 2008, o xornalista, escritor e sociólogo Malcolm Gladwell formulou unha teoría de gran impacto: para ser moi boa en algo, debemos dedicarlle polo menos 10 000 horas. Entón, para ser experta hai que practicar repetidamente até que adquiramos a pericia que require. A repetición da práctica como clave para a destreza máis alá do talento ou don innatos.

Até aquí poderiamos pensar que a repetición é algo que nos aporta beneficios e que decidimos de maneira voluntaria como medio para chegar á excelencia.

Podemos identificar que hai un repetir como algo activo, por exemplo: volver dicir ou facer algo que xa se dixo ou fixo antes ou servir máis cantidade dunha comida despois de rematar a que se estaba comendo; pero tamén hai un repetir como algo pasivo, por exemplo: o sabor dunha comida ou alimento que volve á boca mediante eructos ou volver facer un exame ou un curso cando te suspenden, é dicir, que outras persoas ou factores obrígante a esa repetición.

Mais, que hai das repeticións na nosa cotiandade? Chamámoslles hábitos e poden ser alimenticios, de hixiene, de consumo, de coidado propio, de exercicio físico, de ocio, ... Son esas pequenas cousas que repetimos diariamente e que, á fin de contas, configuran o noso xeito de vivir. Parecen insignificantes xestos e porén son os piares sobre os que construímos a nosa realidade.

E que hai desas repeticións que levan anos formando parte de nós e que se asentaron inconscientemente diluídas no noso comportamento de xeito automático? Chamámoslles patróns e foron xestados na nosa infancia coa función de facernos sobrevivir no noso contexto familiar, social e cultural. O que ocorre con estas repeticións solidificadas en patróns é que normalmente non as detectamos ou, se as detectamos, comezamos a culpalas por todo o que nos ocorre e que non nos gusta. Eses patróns que hoxe maldicimos en realidade foron os botes salvavidas na marusía dos nosos primeiros anos. Pero, a día de hoxe, non nos están salvando a vida, senón atándoa a crenzas limitantes que teñen a súa orixe en acontecementos vividos cando eramos cativas indefensas. Agora xa somos adultas e podemos darlle á nosa nena interna esa protección e sensación de seguridade que precisa porque desenvolvemos outros recursos cos que lidar perante as adversidades. Non utilicemos os patróns como escusa para non mudar eses comportamentos  que nos impiden avanzar. Sempre hai opcións para facer as cousas de maneira diferente.

Así que preguntémonos:

- Estou repetindo para volverme unha experta ou estou repetindo pola comodidade da inercia automática do que é coñecido?

- Repito porque quero, porque algo ou alguén me obriga ou porque creo que non podo evitalo?

Apr 08, 202203:56