Skip to main content
As Womansplainers

As Womansplainers

By As Womansplainers

Señoras explicando cousas desde 2021. O podcast coas señoras que máis forte opinan do Podgalego.
Where to listen
Google Podcasts Logo

Google Podcasts

Pocket Casts Logo

Pocket Casts

RadioPublic Logo

RadioPublic

Spotify Logo

Spotify

Currently playing episode

S03E05 - Influencers

As Womansplainers

1x
S03E05 - Influencers
S03E05 - Influencers
No episodio desta tarde volve a marabillosa Iris Gestoso para explicarnos as INFLUENCERS. 💁🏼‍♀️📱 Quen merece este nome? Cantos cartos moven ao ano? Son falabaratos ou hai traballo detrás deses cartos? Cal é a fórmula do seu éxito? Que prezo persoal teñen que pagar?
01:16:13
November 24, 2022
S03E04 - Outono
S03E04 - Outono
A astronomía di que levamos tempo xa no outono aínda que a meteoroloxía cada día mande menos pistas sobre os cambios de estación. Tradicións, lembranzas e dicas, damos a benvida ao tempo do outono na casa das Womansplainers e na túa se queres acompañarnos.
01:11:38
November 17, 2022
S03E03 - Raiñas
S03E03 - Raiñas
Quen se coroou a si mesma cun tocado de froitas tropicais e foi a primeira muller en ter unha estrela no paseo da fama? Quen foi a primeira persoa en facerse chamar "the queen of drag"? Que señora toleou o París dos tempos do Rei Sol coas súas dotes de espadachina? Neste novo episodio, as Womansplainers, acompañadas unha vez máis por Marta Veiga Izaguirre, falamos de RAÍÑAS de todos os tempos e clases sociais, reais e imaxinarias, vivas e mortas, nacidas na nobreza e na escravitude, que reinaron na noite e no papel de colorinchos.
01:35:60
November 10, 2022
S03E02 - Sono
S03E02 - Sono
Esta semana non foi normal. Publicamos algo máis tarde, temos un texto máis breve... Era de agardar, venceunos o sono!  Palabra chave: #sestinder
01:06:22
October 27, 2022
S03E01 - Amigas 👩🏾‍🤝‍👩🏻
S03E01 - Amigas 👩🏾‍🤝‍👩🏻
Por que precisamos amigas? É verdade que é máis difícil facermos novas amizades na vida adulta? Como mudaron a pandemia e as redes sociais as nosas maneiras de coñecer persoas e de coidar das vellas amigas? Sabemos identificar os sinais dunha amizade tóxica?
01:43:32
October 20, 2022
S02E39 - C🥯O🦪N🌺A🐚S
S02E39 - C🥯O🦪N🌺A🐚S
Non sabemos se este foi un episodio íntimo (non debeu ser, porque foi un directo de Twitch) pero sí podemos afirmar que falamos dunha zona íntima. A cona é ese tema que até para quen escribe esta breve nota lle dá un certo pudor dactilografar, pero un final de temporada merece un asunto suculento e a verdade é que este levaba tempo a pairar. A actriz e comunicadora Neves Rodríguez e a xa coñecida divulgadora Laura Veiga axudaron a encher de contido e pareceres este programa. Como temos sempre unha visión didáctica e a nosa galeguidade é innegábel, comezamos o programa falando de marcos: onde comeza a cona e onde acaba? Que elementos forman parte dela? A seguir, vén unha revisión do uso deste concepto por parte dun certo feminismo. Por unha banda porque non concordamos no feito de nos vermos reducidas á nosa xenitalia ou que iso nos defina como mulleres; por outra, porque dentro do discurso galego iso parece fomentar a idea de que a nosa lingua só ten un único rexistro válido: o coloquial. O imaxinario colectivo fixo aparecer este órgano sexual nas cantigas medievais, en ditados populares, en boca de señoras que cantan no Luar ou até en figuras pétreas, quer sexa en igrexas, quer en gravuras rupestres. Analizamos todo este legado desde a nosa perspectiva, sen preterirmos tabús. Chegando case ao final, dedicamos parte do tempo a examinarmos os asuntos da estética e da hixiene denunciando todas as exixencias que a sociedade nos impón. Os últimos minutos tiñan que ser para un abrazo apertadiño, un deses que valen para devolver todo o cariño que recibimos durante estas temporadas. Dous brazos que se abren para recordar a todas as nosas colaboradoras, seguidoras e persoas que nos apoian. Continuamos despois do verán nas plataformas habituais e co patrocinio de Punto.gal
01:45:26
July 04, 2022
S02E38 - Liberdade de expresión 🗣
S02E38 - Liberdade de expresión 🗣
No episodio desta semana, patrocinado por PuntoGal, veu falar connosco a xornalista e deputada lucense Olalla Rodil. E que mellor sitio que un podcast onde opinamos forte para falar sobre a liberdade de expresión? Definimos este concepto e falamos de cales son os seus límites. Como lle afecta a lexislación dos delitos de odio? Como cremos que se respeta a liberdade de expresión no estado español na comparativa con outros países? O auxe das redes sociais supuxo a aparición de novos elementos tanto perxudiciais coma beneficiosos para a liberdade de expresión. Como se pode actuar perante a aparición de bots que condicionan as nosas reaccións cos seus chíos? Como se frean os delitos cibernéticos realizados a través de contas anónimas e que criterio segue o algoritmo para suspender unhas contas e non outras? Por último, tratamos o tema da autocensura. Que dis e que non dis cando es unha figura pública? Como afectan as túas opinións á túa vida persoal?  Todo isto e máis no episodio desta semana, coma sempre, sen censura!
01:19:03
June 16, 2022
S02E37 - Gordofobia 2 🤰
S02E37 - Gordofobia 2 🤰
Neste novo episodio co patrocinio de PuntoGal, contamos de novo coa presenza de Esther para seguir afondando nas manifestacións da gordofobia en diferentes eidos da sociedade e dos medios de comunicación. Revisamos os papeis e os tropos en que se ven encerradas as persoas gordas: case nunca protagonistas e poucas veces antagonistas, con frecuencia vense reducidas a seren o alivio cómico en historias máis dramáticas ou a amiga coitada e sen interese sexual nas historias románticas con protagonistas delgadas. Aos produtos audiovisuais clásicos, como os filmes e as series, súmanse agora -e con moito menos control- o Instagram e o TikTok cun exército de influencers dispostas a propor calquera desafío de adelgazamento co obxectivo de se faceren virais. Analizamos con estes exemplos os dobres raseiros que fan que as condutas que consideramos intuitivamente aberrantes en persoas con normopeso sexan aplaudidas en persoas con sobrepeso ou obesidade, poñendo a saúde física e mental por detrás do éxito social a través do aspecto. Tamén analizamos o paternalismo coas persoas gordas, que se manifesta tanto no trato cara a elas como na estigmatización de termos “gorda” e “gordura” e na necesidade de substituílas por eufemismos, tanto na nosa fala cotiá como na publicidade. Por último, propoñémosvos coma sempre algúns produtos culturais feitos por mulleres gordas e gostosas para o pracer de todas!
56:31
June 09, 2022
S02E36 - Gordofobia🤰🏻
S02E36 - Gordofobia🤰🏻
Falamos algunha vez no podcast de que a forma en como a sociedade nos ve repercute directamente na nosa propiocepción. E se a sociedade actual ten unha fobia á gordura esta aversión impacta no concepto que unha persoa gorda ten de si mesma, obviamente. Esta semana contamos co testemuño de Esther, que xa estivo connosco no episodio dos Casamentos. Falounos desde unha perspectiva vital, mais tamén contando co saber da súa profesión como médica. Sendo así, comezamos por cuestións técnicas e nominais: o que é ser unha persoa gorda? Analizamos entón referencias e medicións. Disto pasamos á relación que as persoas con sobrepeso teñen co exercicio físico e a alimentación. A gordofobia fainos asumir que os corpos gordos existen por desleixo e non porque na natureza haxa unha variedade de formas. Isto implica que a fotografía dunha persoa gorda a comer sexa moi castigada socialmente ou que o trato que reciban nunha consulta médica rotineira pase só por consellos para adelgazar. Ímosvos dar un dato: as persoas de tamaño plus size tamén necesitan vestirse. A odisea de encontrar algo a bo prezo e que se axuste a varios gustos é un feito. Estes produtos tamén necesitan modelos e, as máis das veces, eses corpos están condicionados aos mesmos padróns esixidos na delgadez: ventres planos, cintura estreita e gordura só en lugares estratéxicos. Que haxa corpos diferentes en campañas publicitarias é un fomento á obesidade? Isto dá pano para mangas. Prometemos unha segunda parte sobre o mesmo tema, porque aínda hai puntos por tratar. O que non faltou foi o do noso patrocinador Punto.gal.
01:00:48
June 02, 2022
S02E35 - Visibilidade 🙋🏿‍♀️
S02E35 - Visibilidade 🙋🏿‍♀️
No episodio desta semana, patrocinado coma sempre por PuntoGal, acompáñanos a tiktoker burelá Paula Jorge para falar sobre a representación de persoas racializadas nos medios de comunicación. Afortunadamente, semella que pouco a pouco a presenza de persoas racializadas nas redes sociais vai aumentando de xeito progresivo. Porén, a representación de influencers negras no mundo da maquillaxe aínda é escaso e comprobamos que a industria da beleza esqueceu durante anos fabricar produtos para persoas con pel escura ou para cabelos afro. Paula tamén nos expuxo a súa experiencia vital como persoa negra galega e que fala galego. Sorprenderíavos coñecer a cantidade de veces que tivo que explicar a súa árbore xenealóxica cando lle preguntaron de onde era ou todas as ocasións na que gabaron o seu excelente galego ao presupoñérena estranxeira. Ademais, tamén nos falou de cales foron as súas referentes cando era nena e das que poderían selo na actualidade. Por último, abrimos o melón da representación de persoas racializadas na televisión, nas series e nos filmes. Cales son os papeis que tipicamente se lles ofrece ás actrices e actores negros? Séguese a tirar de clixés, limitando a traxectoria destas profesionais só pola súa cor de pel? Agocha un tinte racista escudarse no rigor histórico para queixarse da presenza de elenco racializado en determinados papeis de series ambientadas noutras épocas da historia? Resolvemos estas e outras moitas cuestións neste episodio sobre representación. Agardamos que o disfrutedes!
01:01:19
May 26, 2022
S02E34 - Lingua👅
S02E34 - Lingua👅
As Womansplainers somos laretas, lingoreteiras, bilingües, políglotas, filólogas, diglósicas e cunilingüistas. Por todos estes motivos non podiamos deixar pasar o Día das Letras sen facermos un episodio especial sobre #OdoGalego. Na compaña da xornalista do Diario de Pontevedra Chus Gómez Dorrego, discutimos algúns dos temas máis quentes da nosa lingua e volvemos sobre algunhas teimas clásicas arredor dela: Por que dá tanto medo o NH? Podería o binormativismo ser verdadeiramente harmónico nunha situación de desvantaxe institucional como a presente? É o reintegracionismo só unha opción ortográfica? A nosa profesora de portugués residente, a Saboridinha, explícanos estes temas e aproveitamos para recomendar o seu blog a todas as lusópatas. Da man de Chus, revisamos a situación do galego nos medios, a polémica ao redor das subvencións e da porcentaxe de artigos na nosa lingua, o porqué de traduciren ao castelán as declaracións dunhas entrevistas e non doutras ou de aceptaren o galego para o tratamento de determinados temas como os culturais ou festivos, mais non aqueles que se perciben como máis serios. No sector público a lingua debería gozar de maior saúde, mais non é precisamente no mundo da saúde onde a nosa lingua está máis sá, segundo nos explica a Sara, que analiza o clasismo no emprego do galego entre o persoal da Sanidade. No que toca a Educación, as escolas, especialmente as infantís, teñen un peso na desgaleguización que non se pode ignorar. Na educación mallan tamén a Malvada Profe e a Carme, que critican como e que se esina nas materias de Lingua e Literatura Galega e que avalían en realidade os famosos exames CELGA. Falade moito galego e, se non tedes con quen, escoitádenos a nós neste novo episodio que vos trae o patrocinio de Puntogal.
01:16:02
May 16, 2022
S02E33 - Rexouba eurovisiva🎤
S02E33 - Rexouba eurovisiva🎤
Good Evening, Europe! It's Podgalego calling! Algunhas womansplainers somos máis eurovisivas ca outras, pero ao final -e á final- non se soubo resistir ningunha. Sen podermos animar as representantes que queriamos para o país, tiñamos diferentes favoritas. Quen nos salvou de caermos durmidas entre tanta baladona? Quen defendeu ben a proposta de folclore do s. XXI? Con quen gozou máis o noso lado mamarracho? Neste podcast sabemos ben que o persoal é político -e o musical tamén. E é tan malo que o sexa? Escoita este novo episodio express co patrocinio de Puntogal.
36:47
May 15, 2022
S02E32 - Fútbol ⚽️
S02E32 - Fútbol ⚽️
Unhas veces na posición de defensa, outras na posición de ataque, o noso podcast aborda cada semana temas novos. O asunto do fútbol levaba dúas temporadas a rondar e agora entramos no xogo coa nosa convidada Vanessa, que participou en Siareir@s e falou desde Cuntis. A primeira cuestión entrou no campo con forza. Falamos do fútbol como problema social, ou como aglutinador de varios deles: misoxinia, burbullas urbanísticas, violencia, masculinidade tóxica, homofobia… Reparamos en que este deporte ocupa moito espazo nos recreos e tempo dos informativos, ensombrece a información sobre outros deportes e ata modifica a xeometría das cidades. Por outras palabras, o fútbol condiciona a nosa vida, sexamos seareiras ou non. Ninguén mellor que Vanessa para falar sobre fútbol e construción nacional. A segunda parte do xogo arrinca co clásico de se debemos separar fútbol e política. Sen acabarmos o tempo do partido, tocou abordar o tema das mulleres no fútbol, tanto na práctica deportiva, como na masa de afeccionadas. Que desafíos encontramos na carreira deportiva? É obrigado socialmente que saibamos tamén de fútbol para sermos mulleres modernas? Na conversa nos vestiarios houbo tempo para recomendacións culturais e para recordar que somos equipo patrocinado por PuntoGal. Faite seareira deste club e acompáñanos en cada partido.
01:30:53
May 12, 2022
S02E31 - Pracer 👄
S02E31 - Pracer 👄
Na segunda parte deste dobre episodio coa psicóloga e educadora sexual Hadriana Ordóñez, as Womansplainers seguimos a explorar os interrogantes do pracer. Máis de dous milenios de xudeocristianismo impuxeron en nós fortes dicotomías respecto do noso propio pracer: De quen queremos ser, da Eva ou da Lilith? O noso desexo e as nosas necesidades desconcertaron os homes desde entón até o punto de seren medicalizados baixo o paraugas da histeria. Mais non só cousas malas sairon desa diagnose, senón tamén os primeiros vibradores! Outro elemento de emancipación do noso pracer foi poder controlar e evitar a concepción. No entanto, dase o paradoxo de que as mesmas pílulas que nos liberan tamén nos tiran o desexo -só un dos seus moitos efectos secundarios. Non é o único motivo que o fai desaparecer, pois tamén coa idade vai diminuíndo- e non poderá ser iso tamén finalmente unha liberación? Pois en conclusión, o que non debe ser nunca o pracer sexual é obrigatorio. Esa idealización só provoca frustración en moitas parellas convencidas dunha imaxe do amor romántico en que unha parella que se ama moito tamén ten, en consecuencia, moito sexo e moito pracer, materializado finalmente en moitos orgasmos. Alén disto, a obrigatoriedade do pracer, ademais dunha contraditio in terminis, non deixa de alimentar a incomprensión polas persoas asexuais, quizais a parte máis invisíbel e incomprendida do colectivo LGBTQ+. Esperamos que escoitardes este novo episodio que vos trae o patrocinio de Puntogal sexa tamén para vós un pequeno pracer!
01:27:33
May 05, 2022
S02E30 - Desexo 🥵
S02E30 - Desexo 🥵
Esta semana falamos de pracer e desexo coa Hadriana Ordóñez, womansplainer rianxeira e convidada repetidora que traballa como psicóloga e educadora sexual. Comecemos polo principio: Como recoñecemos o noso propio desexo? Onde aprendemos a identificar a nosa excitación sexual? Este tipo de dúbidas acostuman xurdir na adolescencia e semella que, coma en tantos outros aspectos da vida, adoita haber tamén neste tema unha importante fenda de xénero. Consentimento, desexo e pracer son termos que en ocasións se utilizan indistintamente de xeito erróneo. Aínda que de xeito ideal deberían ir sempre da man, é importante coñecer os matices do seu significado. Que diferenzas hai entre o pracer psicolóxico e o físico? Pode haber consentimento sen desexo? O relato feminista tivo un papel moi relevante na liberación sexual das mulleres. Ademais, é fundamental falar dos límites do consentimento e dos sinais para sabermos recoñecer a violencia sexual, mais tamén precisamos coñecer máis relatos positivos e experiencias de pracer. En relación co anterior, ás veces podemos ter fantasías sexuais que nos fan sentir culpables por non encaixaren cos nosos valores feministas. Porén, a nosa imaxinación non ten límites e na nosa mente todo pode suceder! Consenso, consentimento e coidados son os piares fundamentais dunha sexualidade ética que nos libere das cadeas impostas polos prexuízos. Como deste tema tiñamos moito que falar ides ter ración dobre! Así que, se quedastes con ganas de máis pracer e desexo, a próxima semana poderedes escoitar a segunda parte deste episodio co patrocinio de PuntoGal.
01:09:41
April 28, 2022
S02E29 - Lecer postpandémico🏠🎮🎯🎫
S02E29 - Lecer postpandémico🏠🎮🎯🎫
Este programa pillounos escoitando un podcast, lendo un libro, xogando algún videoxogo ou estando nunha videoconferencia coas amigas. Recoñéceo, ti tamén tes vontade de espazos abertos e contacto humano, só que xa non sabemos se iso todo vai ser como antes de 2020. A maneira en que pasamos o tempo foi completamente alterada cando a pandemia e o posterior confinamento nos apañaron. O lecer perdeu espontaneidade, marchou a improvisación e viñeron as reservas, as limitacións horarias e de número de persoas. As Womansplainers analizamos esa dependencia que hai da hostelaría para organizar case calquera plan como sociedade. A partir de 2020 houbo que crear alternativas e cada unha de nós comentou como xeriu o seu tempo libre desde que convivimos coa COVID. O lecer comezou a ser máis individual para evitarmos demasiadas interaccións sociais. Entre as consecuencias máis evidentes podemos destacar o aumento na venda de libros, o incremento no número de perfís en apps de encontro tipo Tinder e o crecente hábito de consumo audiovisual en plataformas de streaming. Algúns destes plans parece que chegaron para ficar e outros están a esmorecer desde que as medidas sanitarias son algo máis laxas ou a percepción de risco é menor. O noso podcast, co patrocinio de PuntoGal, continua a ser unha aposta para os teus tempos libres. Nesta semana tamén hai Womansplainers, mais agora sen máscaras!
01:09:54
April 21, 2022
S02E28 - Viaxe de volta🗺️
S02E28 - Viaxe de volta🗺️
Esta semana continuamos a nosa travesía co patrocinio de PuntoGal na compaña da Cris Terceiro de Viaxantas. Que seremos desta volta, turistas ou viaxeiras? Realmente hai algunha diferenza entre estes dous termos ou é pretensioso pensar que cando viaxamos somos diferentes da imaxe estereotipada de turista que habita no noso imaxinario colectivo? Tanto a idea de viaxeira como a de turista cambiaron ao longo da historia. Na actualidade, os traxectos que realizamos para chegar ao noso destino non adoitan ser concibidos como parte da viaxe en si mesma, senón simplemente coma un medio para acadar un fin. Porén, hai unhas cantas décadas viaxar era un luxo dispoñible para moi poucas persoas, as estancias eran moito máis longas para amortizar o gasto do propio transporte e o itinerario era unha parte enriquecedora da viaxe. Ademais, existe un importante salto xeracional en canto á percepción que se ten das viaxes: unhas simples vacacións ou un investimento para o o futuro? Agora que podemos viaxar con maior facilidade seremos máis difíciles de impresionar? Esmorecería esa maxia de atopar algo novo, único e sorprendente en cada lugar que visitamos despois de ter visto outros moitos anteriormente? O dito popular afirma que se pode curar a idiotice mediante as viaxes e a lectura, pero nada máis lonxe da realidade. Podes ir a un lugar e que ese lugar non pase por ti, porque non entendas nada do que ves, por descoñecemento da lingua e da cultura, e mesmo porque os teus propios prexuízos non che permitan interpretar de xeito correcto outras realidades. Por último, reflexionamos sobre o impacto que teñen as nosas viaxes sobre os lugares que visitamos e sobre nós mesmas: falamos de xentifricación, aumento de prezos, cambios nos modelos económicos, danos no patrimonio, saúde mental, desconexión e fuxida do cotiá. E por suposto, non podíamos rematar esta travesía sen darvos recomendacións dos nosos destinos favoritas para viaxar. Última parada, non esquezades recoller as vosas pertenzas antes de baixar deste episodio das Womansplainers!
01:14:42
April 14, 2022
S02E27 - Viaxe de ida🧳
S02E27 - Viaxe de ida🧳
Emigrantes, turistas, excursionistas, domingueiras, peregrinas, viaxantas... hai moitas maneiras de marcharmos e de coñecermos o mundo, pero nós facémolo esta semana cunha guía excepcional: Cris Terceiro, a voz do podcast Viaxantas, que nos fala desde Bruxelas. Dúas? Catro? Unha ducia? Cantas mulleres teñen que viaxar xuntas para que non digan que viaxan soas? Semella que, como en cada eido da vida, a nosa maneira de nos mover está en parte condicionada por sermos mulleres. Mais as formas de viaxar mudaron e seguen a mudar cos tempos, determinadas polos novos medios de transporte, polos destinos de moda e mesmo pola imaxe idealizada de certas cidades ou monumentos que nos vende a ficción audiovisual. Ademais, non é o mesmo viaxar con varias maletas e bolsas que lixeiras de equipaxe -e para vos axudar coas equipaxes contamos cos consellos expertos da Saboridinha. E como sometidos ao principio de incerteza de Heisenberg, todos os lugares que visitamos son inevitablemente modificados pola nosa viaxe, o noso aloxamento e incluso os gustos culinarios. Escoitade xa a primeira parte deste episodio dobre patrocinado por PuntoGal.
01:04:08
April 07, 2022
S02E26 – Machos 👨🏻🧔🏻‍♂️
S02E26 – Machos 👨🏻🧔🏻‍♂️
Esta semana, o podcast da xente que máis forte opina do Podgalego achégase á figura dos MACHOS, esa especie que está (e que non quere estar) en perigo de extinción. Onde sobreviven os machos? Cales son as súas reservas e cales as ameazas para o seu hábitat? Intentamos definir que é un macho e discutimos por que nos resulta tan doado parodiar os machos españois e de dereitas e tan difícil denunciar os machos de esquerdas: os comumachos, os reintemachos, os dongalizos. Pescudamos tamén nas orixes sociais do macho, na masculinidade tóxica imposta aos homes desde a infancia e nos castigos que reciben cando se afastan do ideal de masculinidade nos seus gustos, nas súas actividades ou en calquera desvío da heterosexualidade hexemónica. Por último, preguntámonos se é posíbel o desenvolvemento de novas masculinidades e que esixen por parte dos homes que se queren afastar da pantalla do macho. Escoitade a boa compaña que tivemos esta semana no novo episodio patrocinado por PuntoGal -e seguide discutindo connosco nas redes!
01:09:04
March 31, 2022
S02E25 - Casamentos👰🏼👰🏾
S02E25 - Casamentos👰🏼👰🏾
Nesta semana fixemos reconto de estados civís e, grazas á nosa convidada Esther, o resultado foi de 3/2 con vitoria para as solteiras. Con todo, temos que salientar que se o reconto fose en número de vodas, o marcador sería outro ben diferente. Esther personifica varias mudanzas: casou varias veces, casou en pandemia e até fixo un banquete online. Con este exemplo, podemos ver que a sociedade actual experimenta un abandono do factor ritual en favor dunha esencia máis festiva ou, talvez, até máis práctica. Non debemos esquecer que o vínculo legal facilita moitas outras xestións administrativas para os cónxuxes. Comentamos a escolla de vestidos, como é que se fan os convites, se hoxe teñen ou xa non teñen sentido das «despedidas» ou como é aquilo de sentirse o centro de atención por un día. Na nosa sección de recomendacións temos espazo para filmes, música e até un contacto dunha organizadora de casamentos. Agora só necesitamos unha amiga casada máis para facer un solteiras contra casadas. Ou mellor non, que non somos moito de fútbol. Aínda que ben pensado, patrocinador xa temos: PuntoGal.
01:08:43
March 25, 2022
S02E24 - Non nais🚶🏽‍♀️
S02E24 - Non nais🚶🏽‍♀️
No episodio das Womansplainers desta semana, patrocinado por PuntoGal, acompáñanos a María Sabucedo, amiga womansplainer na diáspora que vén opinar forte connosco sobre «non nais». O 93,5% das mulleres de menos de 30 anos na Galiza non ten fillos. Ademais, as estatísticas tamén amosan que, no noso país, as mulleres teñen menos fillos dos que desexarían. Moitas mulleres que quererían ter unha crianza non teñen ningunha e outras moitas que teñen unha ou dúas gostarían de ter máis. Os motivos que levan as mulleres a non seren nais son moi diversos: non querer, non poder, precariedade laboral ou a dificultade de acceso a tratamentos de fertilidade, entre outros. Por outra banda, a decisión voluntaria das mulleres que non queren ser nais non adoita ser respectada. Moitas, sobre todo chegada certa idade, mesmo son sometidas a presións sociais para teren crianzas. Son infantilizadas e tachadas de egoístas, recibindo comentarios indesexados que, na maioría dos casos, nin sequera teñen en conta a súa situación vital. Por último, conversamos sobre o dó das «non nais» e as mortes perinatais. O tabú presente ao redor deste tema dificulta a realización dun labor sensibilizador ao respecto e favorece as carencias no sistema sanitario que impiden tratalo correctamente. Agardámosvos, coma cada semana, na vosa plataforma dixital favorita!
01:19:53
March 17, 2022
S02E23 - Hixiene 🛀🚿
S02E23 - Hixiene 🛀🚿
O mundo está cada día máis porco e por ese motivo as Womansplainers decidimos que tiñamos que discutir sobre HIXIENE. Na compaña de Laura Veiga, creadora do proxecto multiplataforma Pingando, e co patrocinio de PuntoGal, traémosvos un novo episodio que cheira que arrecende.  Este é un episodio para racharmos tabús, como o imperativo da ducha cotiá, que pouca xente confesa omitir. É duchármonos decote o que nos distingue dos nosos veciños europeos con sona de menos limpos? Precisamos as adultas, nestes tempos de recibos estratosféricos de auga e de luz, unha ducha diaria? Son bos tanto xabrón e tanta auga para a nosa pel? A era da pandemia trouxo consigo novos hábitos de hixiene e de hixienización, coas súas inevitábeis fobias e neuroses. Cando e canto sentido ten a desinfección constante de superficies e de mans nos espazos públicos? Como cada semana, achegámonos ao tema do episodio desde unha perspectiva de xénero: É sabido que as mulleres estamos suxeitas a unhas expectativas de hixiene maiores que as dos homes e que, no noso caso, se fan pasar por hábitos hixiénicos costumes que apenas teñen valor estético. Asimesmo, véndennos como produtos de «hixiene feminina» artículos de drograría pensados para a regra e deseñados desde a óptica de que a menstruación é algo suxo, que debe ser ocultado e disimulado con eufemismos e perfumes. O pracer de se perfumar é outro dos paos que tocamos, porque a colonia pode intentar compensar unha hixiene deficiente ou atacar as pituitarias das veciñas cando a usamos a eito. Por último, non podedes deixar de acompañarnos na nosa oda e elexía ao bidé, símbolo dunha fenda xeracional e imaxe de postal da hixiene «por parroquias», a hixiene que mellor define o noso territorio!
01:13:47
March 10, 2022
S02E22 - Medos 😱
S02E22 - Medos 😱
O compositor brasileiro Lenine foi capaz de definir o medo «como um laço que se aperta em nós». A escuridade, ratos, cans grandes ou mesmo lugares fechados poden apertar moito máis ese lazo. Neste episodio cada unha das womansplainers soubo explicar os seus principais medos: algúns deles vixentes, outros superados e outros incribelmente herdados do proceso de hominización. Para desenredarmos ese lazo podemos comezar por considerar cantos deses medos son aprendidos e cantos deles teñen un viés de xénero. Evidentemente, a nosa experiencia vital como mulleres e a educación que recibimos é moi marcante, pero sabemos que hai quen teña medo de que non teñamos medo. É por isto que non podemos obviar a parte lucrativa deste asunto. O medo incrementa a venda de desinfectantes, alarmas, reixas… Estes elementos que se publicitan como protección son, as máis das veces, outro nó que aperta e afoga. Parece un paradoxo, mais este sentimento pode ter un lado positivo. O medo é capaz de activar mecanismos de defensa, fuxida e superación. Podemos até sentir pracer invocando o medo co visionado dun filme de terror. E de filmes algo sabemos. Este programa, que conta co patrocinio de PuntoGal, non esquece os consellos culturais de costume. Temos orientacións sobre literatura, cinema e música que nos producen esta emoción ou provocan unha reflexión sobre ela.
01:17:50
March 03, 2022
S02E21 - Entroido 👺
S02E21 - Entroido 👺
Chegou o momento da sátira, do humor e de botarlle un pequeno pulso ao poder establecido. Como non podía ser doutro xeito, no episodio desta semana co patrocinio de PuntoGal falamos do Entroido. Ás Womansplainers encántanos disfrazarnos. Aínda non sabemos de que nos vestiremos este ano, pero facemos unha recopilación dos nosos mellores disfraces de todos os tempos. Debatimos sobre como nestas datas segue a ser habitual atopar homes disfrazados de muller e disfraces pensados para mulleres que non deixan de ser hipersexualizadores. Por outra parte, os Entroidos tradicionais da Galiza existen máis alá do clásico "triángulo máxico". En moitas vilas galegas estanse a realizar importantes traballos de recuperación das celebracións populares desta festividade, sen sufriren a masificación e turistificación que se observa nas festas de entroido máis coñecidas a nivel estatal e internacional. Se algo caracteriza tamén esta época do ano é a abundante diversidade de pratos típicos da nosa gastronomía. Cales son os vosos favoritos? Para rematar recomendámosvos música, libros e viaxes relacionados coa temática entroideira que podedes desfrutar de xeito especial nestas datas.  Viva o Entroido!
58:48
February 24, 2022
S02E20 Síndrome da impostora 🎭
S02E20 Síndrome da impostora 🎭
Tripulación: Hai unha impostora entre nós. Serás ti, serei eu, será a nosa convidada Patricia Porto Paderne? Esta semana, as Womansplainers discutimos sobre a síndrome da impostora, mal chamada con frecuencia «síndrome do impostor». Este mal, que afectaba particularmente a mulleres en posicións de liderado ou con suceso profesional e académico, foi descrito nos anos 70 pola Dra. Pauline Clance, que o identificou coa experiencia psicolóxica de quen teme ser unha fraude intelectual e ser recoñecida como unha impostora. Falamos das nosas propias experiencias, de como e en que circunstancias nos foi infundida esa inseguridade e de persoeiros que teñen falado abertamente de padecela. Coñecedes tamén a síndrome de Dunning-Kruger, a outra cara da moeda da síndrome da impostora, que afecta principalmente aos homes? Por que a síndrome da impostora afecta desproporcionadamente ás mulleres? E como podemos librarnos dela? Será en verdade unha inseguridade que se cura co tempo? Ou será imprescindíbel deixar de rodearse de cretinos? Axudaravos escoitar este novo episodio das Womansplainers?  Unha semana máis en Luzes, co patrocinio de Puntogal.
01:14:41
February 17, 2022
S02E19 - Womaniversario: MATRIARCAS 🎂
S02E19 - Womaniversario: MATRIARCAS 🎂
As Womansplainers demos a nosa primeira volta ao Sol e estamos de parabéns. Quixemos facer un episodio que recollese a nosa esencia e contase coas mellores convidadas, para te agradecer a ti, a ti, todo este tempo connosco. Marilar Aleixandre, Marta Veiga Izaguirre e Antía Yáñez repiten participación e sopran as candeas para destriparmos un dos nosos mitos fundacionais: o matriarcado.  Antes de máis nada, comezamos cunha cuestión técnica nada fútil: cando afirmamos debemos achegar probas. Non son válidos neste episodio argumentos anecdóticos ou impresións. Sendo así, seis señoras e un señoro en vías de rehabilitación tiran de varios fíos neste coloquio. Falamos do que se pode entender hoxe por un matriarcado, a relación das mulleres co poder, coa riqueza e coa familia.  Se nos centramos no caso galego, vemos que este mito foi fortemente asociado a nós. Tentamos desvendar a utilidade desta idea dentro da construción nacional e como ela tamén serviu para desactivar certos avances na loita feminista. Estamos a confundir «matriarcado» con «asunción plena dos coidados»? Ten sentido reivindicar un matriarcado ou falarmos de Matria? A representación da «matriarca» na pintura, literatura, escultura, cinema e series é igualmente analizada neste programa que, como sabedes, conta co patrocinio de PuntoGal.  En resumo, fixemos unha festa, pero Estrabón non foi convidado.
01:22:39
February 10, 2022
S02E18 - Arte🎨🖼
S02E18 - Arte🎨🖼
No episodio desta semana acompáñanos a historiadora e crítica de arte Natalia Poncela para falarmos dun tema ligado á humanidade practicamente dende os inicios da súa existencia: a arte. A infancia e a creatividade son dous elementos unidos por natureza. Cando somos crianzas debuxamos, modelamos e construímos; mais non todas acabamos sendo artistas ao chegarmos á idade adulta. A presenza da educación plástica e visual na infancia adoita ser superficial e repetitiva, non pretende fomentar a creatividade, senón recrear modelos e parámetros que se avalían como correctos e desexables. Ademais, na primaria e na secundaria estas ensinanzas asúmense como secundarias e prescindibles.  Arredor do mundo das artes visuais contemporáneas existen moitas ideas preconcebidas e os museos especializados nesta área, a pesar de teren habitualmente entrada de balde e mesmo formación para crianzas, están baleiros con frecuencia. No episodio desta semana debatimos o por que desta cuestión e preguntámonos se son precisos máis espazos de divulgación adaptados ás novas plataformas de comunicación. Non sei se nós poderíamos considerarnos artistas do womansplaining, pero podedes facer as vosas valoracións despois de escoitar este novo episodio! Coa colaboración de PuntoGal.
01:08:07
February 03, 2022
S02E17 - Exercicio físico 💪
S02E17 - Exercicio físico 💪
As Womansplainers seguimos (máis ou menos) a máxima latina de mens sana in corpore sano. O exercicio físico e os deportes axudan a manter o corpo en boa forma e a mente despexada, pero non sempre é doado facelo. O primeiro contacto que adoitamos ter coa práctica deportiva acontece na materia de Educación Física ou nas actividades extraescolares, onde as profesoras acaban definindo a nosa relación co exercicio ou cos nosos propios corpos, como saben os centos de estudantes que pasaron anos atrás polas aulas dalgunha vella profesora da Sección Femenina. Chegadas á idade adulta, moitas mulleres vemos boicoteados os nosos intentos de facermos exercicio físico porque os lugares onde o facemos non son espazos seguros. Quen non recibiu comentarios ou achegamentos indesexados por ir correr pola rúa ou polo parque? Quen non coñece o mansplainers de ximnasio, ese espécime que sempre sabe mellor ca ti como usares esa máquina e canto peso debes levantar? Que outros obstáculos e traumas se interpoñen entre os nosos corpos e o deporte? Felizmente, as novas xeracións de mozas teñen máis referentes mediáticos, como Vero Boquete, Alexia Putelles ou Lidia Valentín, que abren os horizontes en disciplinas antes menos populares entre as nenas. Comezade a quecer eses músculos, que arrinca o womansplaining desta semana, coa colaboración de PuntoGal.
01:16:11
January 27, 2022
S02E16 - Tindersplaining🔥🔥
S02E16 - Tindersplaining🔥🔥
Unha das tramas sen pechar das Womansplainers era a participación de Ascárida no programa de Tindersplaining.  Tindersplaining II ten aínda moito para dar: algoritmos, autoestima, Raya ou primeiras impresións. A colección de matches que recibimos e o feito de ignorarmos quen e cantas persoas nos rexeitan crea unha falsa sensación de éxito. Esta ilusión de aceptación pode influír na nosa propiocepción. Falamos da nota que o Tinder pon a cada perfil e como funciona o seu algoritmo. Voltamos sobre o asunto dos filtros e confesamos cales foron os nosos criterios particulares fora da app. Esas condicións que pomos aproxímannos ao noso ideal ou afástannos dalguén, que sendo oposto ao que procuramos, tamén pode ser a persoa certa? Sexa como for, neste tipo de apps a primeira impresión parece ter moito valor. A facilidade para coñecer persoas pode vir da man do bodyshaming ou mesmo do ghosting. Imaxinade que encontrades o perfil dunha celebridade? Que faríades? Os ricos deixaron de chorar, porque naceu Raya, o “Tinder dos famosos”. Sharon Stone tamén sente e padece e ti non o sabías. Escoita o noso programa desta semana, agora coa colaboración de PuntoGal.
01:01:29
January 20, 2022
S02E15 - Universidade (I) 🎓
S02E15 - Universidade (I) 🎓
As Womansplainers inauguramos novo ano coa mellor das noticias, porque a partir de agora contaremos coa colaboración de PuntoGal, o dominio galego en internet. E para abrir o 2022 opinando forte sobre a universidade veu falar connosco a Lucía Casal: cantante, psicopedagoga, docente e investigadora no Campus de Ourense da Universidade de Vigo na área de didáctica da expresión musical. Debatimos sobre a orientación que recibe o alumnado dos IES cando deciden ir á universidade. Dáselle outras alternativas formativas e laborais, ou o mundo universitario segue a ter un prestixio maior que outras opcións coma a FP? Por outra parte, a pandemia trouxo consigo grandes cambios para estudantado e profesorado durante o confinamento. Algunhas destas novidades semellan estar aquí para ficar e neste episodio descubrimos como se vive esta situación nas universidades. Finalmente, debatimos sobre a precariedade dentro desta institución. Nas redes sociais cada vez vemos máis testemuños de persoas que abandonan a investigación debido á inestabilidade laboral existente neste ámbito. Como é a carreira investigadora no noso país e onde se sente esa precariedade? 
01:19:24
January 13, 2022
S02E14 - Relacións non convencionais 🤹‍♀️💞
S02E14 - Relacións non convencionais 🤹‍♀️💞
Este primeiro ano de vida das Womansplainers chega á súa fin e despedímolo cun directo de Twitch, que agora podedes escoitar tamén en Anchor, Spotify, iVox e o martes en Cuac FM, na compaña da poeta e cantante Lucía Aldao. Preguntámonos, en primeiro lugar, que se considera aínda nos nosos días unha relación convencional e como mudou a percepción que temos dela desde os tempos en que o matrimonio canónico era a medida do normal. Cales son as familias convencionais nun país onde máis da metade das crianzas xa nacen fóra do matrimonio? Incluso as ficcións máis comerciais hai lustros que reflicten cada vez máis constelacións familiares, como parellas divorciadas, familias monoparentais, pais e nais LGBT+, parellas con fillos de anteriores relacións, etc. A pandemia e os sucesivos confinamentos e peches perimetrais tiveron e seguen a ter un impacto contundente e posibelmente duradeiro na nosa maneira de relacionarnos, non só coas nosas parellas, senón tamén coas nosas familias e amizades. Comezan a ser as relacións “a distancia”, propias tradicionalmente no noso país das persoas emigradas, parte integral da vida dunha mocidade que xa non pode compartir decote festas e apertas? Esa mesma mocidade experimenta máis que nunca na historia recente con novas formas de relacionamento: parellas abertas, relacións poliamorosas, anarquía relacional, swingers. Por que é tamén nesa propia mocidade onde xorden as reaccións máis virulentas contra estas alternativas á monogamia? É por iso que custa máis traballo saír dos armarios relacionais que dos da orientación sexual? Por último, aproveitamos coma sempre para vos recomendar algunhas lecturas e filmes con relacións non convencionais que nos gustan ou nos inspiran. Desexámosvos un 2022 cheo de relacións novas ou vellas, pero salvaxemente felices!
01:41:38
December 31, 2021
S02E13: Nadal 🎄
S02E13: Nadal 🎄
Chega o recendo a xenxibre, chocolate e acivro. Luces, música e filmes temáticos. Sorpresas no calendario de advento, entre elas un novo episodio do voso podcast de referencia.  Nesta semana festiva temos de novo colaboración de Marta Veiga Izaguirre, xornalista, profesora e opinadora en programas anteriores de enorme peso como Tetas ou Transportes. Sabemos que Marta adora o Nadal e o resto das Womansplainers fomos comentando como é a nosa relación con estas festas, coas súas vantaxes e inconvenientes, tendo en conta o desafío que supón vivilas outro ano máis en pandemia.
01:33:17
December 23, 2021
S02E12: Fe 🛐
S02E12: Fe 🛐
No episodio desta semana opinamos sobre fe e relixión, acompañadas pola xornalista e fotógrafa freelance Charo Lopes. A pesar de que a fe e as crenzas relixiosas poidan parecer cousa de tempos pasados, a realidade é que tan só un 16% da poboación mundial se define como non relixiosa. Semella que a espiritualidade e a relixión forman parte inherente do ser humano, xurdindo ao tempo que nos nosos antepasados nacía a capadidade de abstracción. Ao longo da historia, a relixión foi motor tanto da paz coma da guerra. Serviu como sistema opresor, pero tamén como vertebradora da realidade e de comunidades diversas. A día de hoxe, aínda que as relixións tradicionais perden adeptos entre as novas xeracións, seguen a ter un importante papel na nosa vida cotiá: na política, no xeito en que nos relacionamos, nos nosos valores e ata no noso sentimento de culpa. Por outra banda, debatimos tamén a que se debe o xurdimento de novas crenzas coma o horóscopo ou tarot. Pode relacionarse isto coa necesidade de desenvolver a espiritualidade dun xeito diferente ao que propoñen as relixións maioritarias? Precisamos crear comunidades e sentir que pertencemos a un grupo tamén nun plano espiritual? Para descubrir a resposta a esta e outras cuestións trascendentais, agardámoste neste episodio... Se Deus quere (ou non!).
01:11:17
December 16, 2021
S02E11: Maternidade 🤰
S02E11: Maternidade 🤰
TW: Gravidez, parto, violencia obstétrica, morte perinatal, ideacións suicidas. Neste episodio, a xornalista (e nai) Sonia Díaz fai fronte común coa nosa mamá residente, Saboridinha para falarnos dos seus motivos para seren nais e comentar tamén outros que se repiten na sociedade. A Sonia explícanos o xeito en que o corpo da nai xestante deixa de pertencerlle a ela mesma, que se torna unha actriz secundaria, sometendo cada decisión sobre o seu corpo á opinión e ao xuízo de todo o que pasa e sufrindo unha infantilización permanente. Comentamos tamén a romantización da maternidade e escoitamos anécdotas sobre a gravidez, o parto e o puerperio de ambas as dúas nais. Non perdades este episodio feito con tanto AMOR DE NAI!
01:43:14
December 09, 2021
S02E10: Consumismo 🛍️
S02E10: Consumismo 🛍️
Compras, consumismo e capitalismo. Neste episodio fixemos exame de consciencia e até confesamos as nosas adquisicións máis inútiles. Concluímos que todas as nosas compras están arrodeadas de certa parafernalia que nos incita ao consumismo, a comprarmos produtos que poucas veces necesitamos, a que a nosa autoestima creza pola falsa sensación de exclusividade que nos dan as marcas. Estamos a romper os marcos do capitalismo con novas formas de consumo? Aquel tabú de usar pezas de roupa xa usadas está a esvaecer? falamos das tendas de segunda man, debatemos sobre a calidade dos produtos e os tamaños que ofrecen. Comentamos tamén a posibilidade recente de alugarmos a roupa por uns meses e así termos a opción de variar, tal e como as marcas exclusivas levan a facer sempre. Por outra parte, o mundo virtual parece que se presenta como unha alternativa para un consumo máis consciente. Existen apps de venda de produtos de segunda man, algunhas até focadas nas roupas, e hai outras de aproveitamento de alimentos de restaurantes e supermercados. Con todo, isto non deixa de ser unha espada de dous gumes se pensamos nos envíos de lugares afastados, na publicidade personalizada, na fast-fashion e na pegada de carbono. Achar o equilibrio non parece estar fácil. Comprométeste connosco a mudar os teus hábitos? Acepta o desafío e escóitanos.
01:20:04
December 02, 2021
S02E09: P👁️RN👁️
S02E09: P👁️RN👁️
Canto porno consumen as crianzas e adolescentes? Que visión do sexo e do corpo das mulleres ofrece a pornografía? Pode existir un porno feminista? Perpetuación de roles, clasificacións, etiquetas, amplificación de abusos sexuais: discutimos estes temas e outros máis con Hadriana Ordóñez, psicóloga e educadora sexual.
01:22:09
November 25, 2021
S02E08: carne 🥩
S02E08: carne 🥩
Cal é a relación entre os atributos da masculinidade clásica e o consumo de carne? Que vínculos existen entre o machismo anti-tofu e os rituais que rodean o churrasco? Por que os cuñados se converten inmediatamente en nutricionistas na presenza dunha persoa vegana? Martinha Almôndega, a nosa convidada, acompáñanos polas profundidades abisais do mundo carnívoro e ilumínanos tamén sobre as súas experiencias como muller vegana.
01:28:16
November 18, 2021
S02E07: Natural🌿
S02E07: Natural🌿
No episodio desta semana das Womansplainers, con Marilar Aleixandre do noso lado, introducimos o tema do “natural” desde varias perspectivas. Caseiro, artesán, sen químicos... Durante anos a publicidade ten mostrado estas cartas como reclamo. Será que todo o non procesado é necesariamente bo? Teñen as mulleres reservados unha serie de deberes naturais? Existe unha maneira natural de criar? se así fose, estaríamos tamén a afirmar que debe haber un modo artificial de facelo. Nesta programa as Womansplainer explicamos cousas con toda naturalidade.
01:36:45
November 11, 2021
S02E06: Animais de estimación 🐶
S02E06: Animais de estimación 🐶
No estado español hai 13 millóns de mascotas. A maioría son cans, pero o máis sorprendente desta cifra é que supera o número de crianzas menores de 15 anos. Neste episodio acompáñanos Iris Gestoso, bióloga, vexetariana e a maquilladora máis riquiña do TikTok en galego. Coñecemos as razóns que levaron a Iris a decidir apostar polo vexetarianismo e tamén o seu punto de vista sobre o que implica convivir con animais de estimación. Aprendemos como algúns animais se converteron en compañeiros pola súa evolución da man dos seres humanos. Falamos das nosas mascotas, dos vínculos afectivos que se poden xerar cara a elas e tamén analizamos como pode afectarlles a humanización á que algunhas veces son sometidas. Por outra banda, debatemos acerca dos problemas de convivencia que poden xerar os animais nas cidades, tales como o ruído ou a acumulación de excrementos en zonas coma parques ou beirarrúas. 
01:23:18
November 04, 2021
S02E05 (II): Defuntas II. Aínda máis defuntas. 🎃
S02E05 (II): Defuntas II. Aínda máis defuntas. 🎃
Na segunda parte do episodio desta semana, falamos dos saberes máxicos de meigas e compoñedoras, de como actuaban con frecuencia en conivencia coa Igrexa ou de como "sacaban o aire". Tamén levamos as nosas ouvintes de viaxe polo país e por Europa para lles falar dos nosos cemiterios preferidos, aqueles con quen estamos unidas por experiencias persoais ou filias literarias. Por último, recomendámosvos poemas, novelas, ensaios, filmes, series e mesmo algunha excursión para aproveitardes ao máximo a atmosfera arrepiante dos días de Santos e Defuntos.
57:20
October 31, 2021
S02E05: Defuntas I. A maldición as bruxas 🧙🏻‍♀️
S02E05: Defuntas I. A maldición as bruxas 🧙🏻‍♀️
Na primeira parte do episodio dobre desta semana, as Womansplainers discutimos as tradicións e os nomes do Samaín e dos Días de Santos e Defuntos, de como chegaron a nós estas tradicións e como vemos a súa evolución na sociedade galega e a chegada das influencias anglosaxonas a estas festas. Este é un día para falarmos do divino e do humano, da nosa relación coa morte e coas mortes. Falamos de cabazos, de aparecidos e doutras cousas sinistras. Tamén discutimos forte sobre as bruxas, sobre a súa reivindicación como figuras reais por parte das feministas máis inclinadas ao misticismo e o contraste desta idea coa imaxe da bruxa como construción histórica da sociedade precapitalista nos escritos de Silvia Federici. Por último, achegámonos á nosa propia relixiosidade -á herdada e a novas formas de espiritualidade e superstición como o horóscopo, que están a gañar forza e popularidade entre as xeracións de mulleres máis novas.
01:03:55
October 28, 2021
S02E04: Tindersplaining 🔥
S02E04: Tindersplaining 🔥
TINDERSPLAINING, as Womansplainers explican o Tinder. Xornadas laborais interminábeis, emigración ou mesmo unha pandemia son factores que agravan a sensación de incomunicación e soidade. Cada vez é máis complicado encontrar novas amizades, por non falar de relacionamentos máis ou menos profundos. En 2020 o planeta decidiu ir a outro ritmo e o confinamento disparou o número de adhesións a apps de encontros: para moitas persoas coñecer alguén grazas a un algoritmo xa non era unha opción, convertíase na única vía. Neste programa abordamos o tema desde a curiosidade de quen nunca usou estas aplicacións e a experiencia persoal de algunhas de nós. Comezamos o episodio cos conceptos máis básicos sobre o Tinder: deslizar para a esquerda/dereita, facer un match, crear unha biografía con fotos e colocar preferencias ou comezar un chat. Unha vez feita esta guía para iniciantes, comentamos os motivos que se poden ter para instalalo. A evolución e abandono de certos prexuízos sobre termos encontros a través desta ferramenta é un tema de fondo, sen deixarmos de lado a certa indefensión que se pode ter cando falamos e nos encontramos diante dunha persoa até o momento case descoñecida. Será que unha foto e uns poucos datos poden realmente marcar toda diferenza? o xogo do que nos resulta atraente está tamén moi relacionado con como somos capaces de publicitar o noso atractivo para conseguirmos máis suceso no noso perfil. Agora que xa temos feita a descrición do capítulo, deslizade á dereita!
01:25:41
October 21, 2021
S02E03 - Colonización 🌎
S02E03 - Colonización 🌎
O día 12 de outubro celébrase no Estado Español o chamado Día da Hispanidade. Co gallo desta efeméride en que nós non temos nada que celebrar, cruzamos virtualmente o Atlántico para falarmos coa Karina Espinoza, historiadora costarriqueña que actualmente reside no México e é unha das neofalantes máis queridas da comunidade galituiteira. 
01:42:21
October 14, 2021
S02E02 - Cárceres ⛓️🧱
S02E02 - Cárceres ⛓️🧱
Neste episodio conversamos coa Iris Malvido, psicóloga penitenciaria.  Por que acaban as mulleres nos CÁRCERES? Que é un módulo de respecto? Que acontece coas drogradicións e as doenzas mentais nas prisións? Neste episodio haberá resposta para todas estas preguntas e máis
01:25:31
October 07, 2021
S02E01 - Beleza 💄
S02E01 - Beleza 💄
Coincidindo co Día Mundial do Podcasting, as Womansplainers subimos o primeiro episodio desta segunda tempada e estreámonos en luzes.gal No episodio estivemos a discutir coa escritora Antía Yáñez sobre BELEZA. Falamos con ela sobre os cánones con que medramos, desde a extrema delgadez das actrices das series dos 90 aos peitos enormes -e con frecuencia artificiais- de Baywatch e as presentadoras de televisión daquela época. Debatimos tamén co noso público do Twitch sobre se os rostros e os corpos que vemos no audiovisual actual son realmente cada vez máis diversos ou están pola contra cada vez máis homoxeneizados.
01:42:34
September 30, 2021
S01E19 - P1🍆R0🥒LAS
S01E19 - P1🍆R0🥒LAS
Para rematar a tempada contamos con Susana Reboreda (Decana da facultade de Xeografía e Historia da Univ. de Vigo) e Iria Veiga (psiquiatra e divulgadora científica) para falar de p1🍆r0🥒las.
01:45:13
June 28, 2021
S01E18 - Exposición en redes
S01E18 - Exposición en redes
Que nos acontece nas redes? Que amosamos de nós mesmes e por que? Que tipo de reaccións recibimos e como nos afectan?  Falamos de EXPOSICIÓN EN REDES con xente moza: Ner e Ione
01:37:59
June 17, 2021
S01E17 - Transportes🚍🚅
S01E17 - Transportes🚍🚅
Pasou xa o 4 pola parada? Un percorrido a pé, en bicicleta, autobús, taxi e tamén en coche pola Galicia apenovita e a do interior. Con paradas no acoso sexual e hijuelas e destino final na estación que diga a Marta Veiga Izaguirre. 
01:42:49
June 10, 2021
S01E16 - Alimentação🍏🍉
S01E16 - Alimentação🍏🍉
Como é a relação das galegas com a comida? Estamos gordas? Falamos de mudanças de hábitos alimentares, de sentir-nos julgadas pelo que comemos (ou não comemos). Neste programa não deixamos nenhum tema no prato com @Dietistarealist
01:26:03
June 03, 2021
S01E15 - Avellentamento
S01E15 - Avellentamento
Inexplicabelmente, as Womansplainers tamén nos facemos vellas, mais non tanto como os protagonistas de Friends. Neste episodio, falamos con Teresa Carro de Anaobregonismo, da palabra "señora", das guerra xeracional contra os Boomers, das mellores series con mulleres maduras e vellas, deixamos opinar a Ghanito e podedes oír a Amara roncar no colo da Saboridinha.
01:38:02
May 27, 2021
S01E14 - Oposicións
S01E14 - Oposicións
Cales son as vantaxes e desvantaxes deste sistema de acceso á función pública? Que opinamos das academias? Como coidar da nosa saúde mental durante a preparación? Ademais, tamén respondemos as preguntas que deixastes no consultorio opositor e desvelamos a fantasía dos carteiristas.
01:40:05
May 13, 2021
S01E13 - Mulleres e emprendemento
S01E13 - Mulleres e emprendemento
Que dificultades afrontan as mulleres emprendedoras? Agrávase esta situación no ámbito do rural? Como se concilia o emprendemento coa vida personal e familiar? As nosas convidadas Loaira e Noemi responden estas e outras cuestións no episodio de hoxe.
57:15
May 06, 2021
S01E12 - BRAGAS!
S01E12 - BRAGAS!
Este novo capítulo vai de bragas (e outros). Vós sodes máis de braga ou de tanga? Suxeitador si ou non? Estivo conversando connosco a Laura Veiga, xornalista e educadora menstrual en Pingando.gal
01:03:48
April 29, 2021
S01E11 - Mulleres e poder
S01E11 - Mulleres e poder
Que fallou na visita de Ursula von der Leyen a Erdogan? Por que hai quen chama presidente a unha presidenta? Que esperamos das nosas líderes?  Falamos de mulleres e poder coa politóloga e ex deputada Luca Chao.
56:02
April 22, 2021
S01E10 - Adiccións
S01E10 - Adiccións
A que son adictas as Womansplainers? Por que desenvolvemos unha adicción? Hai diferenzas de xénero nas adiccións? E como están a mudar estas nos últimos anos? Falamos de todo isto con Carmela @Biochemiss
01:05:24
April 15, 2021
S01E09 - Migracións
S01E09 - Migracións
Neste episódio ouvimos experiências de pessoas migrantes. Como afeta à nossa identidade a migração? Quanto da nossa personalidade é devido ao contacto e observação doutras culturas? Falamos de xenofobia, racismo e inclusão com Jenni e Bea.
01:14:42
April 08, 2021
S01E08 - Saúde mental
S01E08 - Saúde mental
No episodio 08 gravamos coa Súa Maxestade a Raiña Vermella, a nosa psiquiatra de confianza. O tema foi, naturalmente, a SAÚDE MENTAL.
01:13:57
April 01, 2021
S01E07 T·E·T·A·S
S01E07 T·E·T·A·S
Non finxas que non queres escoitar o programa despois de ler o título.
01:03:14
March 25, 2021
S01E06 Día do pai
S01E06 Día do pai
Antigos e novos modelos de paternidade, dobres estándares de esixencia entre pais e nais, exemplos de bos e malos pais na ficción, señoros que falan do parto da súa parella en primeira persoa e máis
53:11
March 18, 2021
S01E05 8 de marzo
S01E05 8 de marzo
Que significa o 8 de marzo para As Womansplainers? Como chegamos ao feminismo? Quen son as nosas mulleres de referencia na actualidade? Que lecturas, música e filmes nos empoderan?
01:01:06
March 08, 2021
S01E04 Consentimento
S01E04 Consentimento
Serven para algo as apps de consentimento? Edúcasenos ben sobre este tema? Qué opinamos sobre o anteproxecto da nova Lei de Liberdade Sexual? Pódese vender o consentimento? De todo isto falamos, esta semana coa visita da @seicach0ve.
55:55
March 04, 2021
S01E03 Coidados
S01E03 Coidados
Os coidados en tempos de pandemia.  Como están a afectar as circunstancias ás mulleres que coidan? E ao reparto dos coidados entre homes e mulleres? Falamos de todo isto e doutros asuntos acompañadas por Moraima.
51:10
February 25, 2021