Skip to main content
Unha pedra no zapato

Unha pedra no zapato

By Unha pedra no zapato
Unha pedra no zapato é algo incómodo que te obriga a parar e observar o interior do calzado para baleiralo. Pois do mesmo xeito, vou tratar temas que son as miñas “pedras no zapato” e expoñelos convidándovos á reflexión, á pausa e a viaxar cara o interior. Son Rosalía, artista e auto-indagadora, e este será un punto de encontro no que abrazarnos xenuinamente humanas e imperfectas. Conectemos aquí e agora en galego!
Currently playing episode

Repetimos?

Unha pedra no zapato

1x
Prendendo a fogueira
O 21 de xuño, o solsticio deu inicio ao verán para unha metade do planeta e ao inverno para a outra metade. Estamos ante o día máis longo e a noite máis curta para as moradoras do hemisferio norte. Unha noite tal coma esa, os nosos antepasados pagáns acendían fogueiras para honrar e coidar do Sol e axudarlle a renovar a súa enerxía e poder. En Galicia conservamos milleiros de costumes e cultos pagáns que se imbrican na nosa cotiandade aínda que diluídos e sincretizados debido aos acontecementos históricos que vivimos no pasado. O rito pagán de honrar ao Sol durante o solsticio pasou a cambiar de día e a tomar o nome de San Xoán porque o cristianismo utilizou a estratexia de asimilación das festas pagás para chegar a converterse na relixión monopolizadora da fe e, dese xeito, exercer o control sobre o pobo. Absorberon ditas celebracións pagás e fundíronas no seu relato bíblico para aniquilar calquera outro rastro de culto anterior á súa existencia.  Acendemos luminarias para saltalas en busca dunha limpeza e dunha protección. Queremos afastar o mal de ollo, os malos espíritos, conseguir boa sorte e desprendernos daquilo que necesitamos saldar dunha vez por todas. É un ritual de purificación, de fechamento, de punto final. En Galicia sáltanse as fogueiras un número impar de veces e bérrase "Meigas fóra!". Aquí é onde aparece outra das numerosas distorsións favorecidas polo cristianismo: identificar as meigas co mal. As meigas eran mulleres que abeiraban coñecemento e que estaban profundamente conectadas coa Natureza.  Os homes temían que as meigas ameazasen o status quo tan perfectamente deseñado á súa medida e privilexio pois era un perigo que elas sentasen precedente de que outra vida era posible para as  mulleres. O lume empregouse para dar calor, para cociñar alimentos, para purificar e como chama eterna para recoñecer e recordar a persoas e acontecementos notables así como en altares ancestrais para honrar a divindades e familiares falecidos. Pero o lume tamén se utilizou para asasinar mulleres durante dez séculos. Vou repetilo: dez séculos de queima sistemática de mulleres baixo a acusación de bruxería.
04:21
June 24, 2022
Camiño de luces e sombras
A vida é un camiño cuxo destino descoñecemos e esa incerteza déixanos expostas e vulnerables. Forxamos as nosas armaduras e coirazas por medo, para sentirnos protexidas e seguras así como construímos unha imaxe do que cremos que debemos ser para sentirnos aceptadas e amadas. É cos nosos pasos que o sendeiro se manifesta. A tan ansiada felicidade non está na pousada, tal e como xa nos dicía o fidalgo Don Quixote, senón no estar camiñando. Ao longo do camiño, a luz a a sombra acompáñannos. As nosas sombras proporciónanos un terreo fértil no que sementar e indagar cara dentro entrementres as nosas luces nos ofrecen oportunidades magníficas de colleita e desenvolvemento cara fóra. Hai quen vive ancorada nas súas sombras por non ser capaz de asumir a súa propia luz e hai quen vive queimándose ao estar perpetuamente na luz para negar a súa sombra. Xerar luz é xerar sombra, non podemos separar ambos sucesos.
06:34
June 17, 2022
Quen decide o meu éxito?
Estamos socializadas nunha cultura centrada na aparencia externa: ten que ser unha voz dende fóra a que nos valide para despois, nós, sentir que valemos así que, ter éxito, depende da valoración que nos dean as demais.  Imos perseguindo estándares de éxito construídos dende o marketing, a acción dos logaritmos e as dinámicas do Mercado co cal somos escravas desa imaxe do que é exitoso e consumimos bens e servizos para intentar transformarnos nela. A palabra “éxito” vén do latín exitus que literalmente significa “saída”. Se cadra, poderiamos deixar esa saída de nós mesmas e ir cara esa entrada en nós mesmas preguntándonos: - Que é o éxito para min? - A que lle dou valor? - Como conecto coa miña propia sensación de triunfo sen acudir a varas de medir alleas?
04:16
June 10, 2022
O fracaso como oportunidade
Fracasar é non acadar o resultado previsto ou desexado, que o escenario ideal que definimos cos nosos pensamentos non se materializa tal cal na nosa realidade. É dicir, deixamos que unha creación da nosa mente, unha idea pensada sobre como deberían acontecer as cousas, domine como nos sentimos e como interpretamos a nosa vida e a nós mesmas. O fracaso é visto como algo negativo  porque non aceptamos o que ocorre cando non se axusta ao que xulgamos que é “mellor” que pase. O oposto do fracaso é o éxito sendo este entendido como o feito de ter boa acollida unha cousa ou unha persoa e de gustar por aquilo que fai ou por unhas determinadas calidades; e tamén o feito de conseguir o recoñecemento das demais nunha actividade que se realiza. Sendo así, o fracaso implícame a min soa: son a única responsable. O éxito, porén, está fóra de min xa que é algo que me conceden as demais. Vivilo así é autoflaxelante e ponnos nunha posición de mártires.
04:34
June 03, 2022
Impostora
O síndrome da impostora é un estado de dúbida crónica sobre o teu potencial e capacidades, unha sensación de insuficiencia e de que o que conseguiches até agora foi produto da sorte e non das propias habilidades e a isto súmase unha ansiedade polo medo a que as demais persoas descubran que es unha impostora.  É unha forma de pensar moi paralizante que fai que nos percibamos como incompetentes e incapaces de asumir o éxito (sendo éxito algo diferente para cada persoa, claro). Acaba sendo unha autocrítica asasina que denota falta de confianza nunha mesma e pavor ao fracaso. Ante estes medos e carencias desenvolvemos estratexias compensatorias. Unha delas é traballar en exceso até esgotarnos para ser perfectas. Outra é procrastinar e autosabotarnos porque como nos sentimos incapaces de ter éxito pois facemos todo o posible para fracasar. E danos vergonza falar disto. Claro, non é doado espetarlle a alguén, por moi próxima que sexa esta persoa: “Sinto que estou enganando ao mundo, sinto que non vallo, sinto que non son abondo”. Como nos falaron e o que nos dixeron tivo consecuencias brutais sobre como nos percibimos a nós mesmas e sobre como nos presentamos ao mundo. A nena sempre vai estar buscando a aprobación das proxenitoras e das persoas adultas do seu sistema de crianza sexa familiar, social ou escolar así que calquera adulta que forma parte da súa vida impactan o sistema de crenzas e valores da pícara. A Doutora Valerie Young elaborou unha categoría de comportamentos relacionados co síndrome da impostora e definiu cinco grupos de persoas: a perfeccionista, a individualista, a experta, a xenia e a superwoman.  Que podemos facer para navegar os mares do síndrome da impostora?
09:10
May 27, 2022
As nosas Letras
O 17 de maio celebramos o Día das Letras Galegas. É importante conmemorar a nosa lingua e as persoas que a desenvolveron no ámbito literario. Escribir implica un estudo e unha investigación das que non somos conscientes como lectoras. Pensamos que cando unha persoa escribe poesía, unha novela ou un texto teatral é por certo don innato, mais calquera arte require dedicación para desenvolverse así que moitas grazas a todas esas persoas que cultivan a nosa lingua escrita para coroala con obras literarias. Así e todo, a lingua oral é a xénese. É dicir, sen as falantes non poderiamos chegar a ter unha representación escrita da nosa lingua. Ademais, se non hai persoas que falan un idioma, este extínguese. Cada unha de nós falantes temos un impacto enorme na vida da nosa lingua e creo que tampouco somos conscientes diso. Cada escolla que facemos, consciente ou inconscientemente, ten repercusións no noso idioma. Hai persoas que aducen que o galego só serve para Galicia e que por iso non paga a pena estudalo, coidalo nin falalo. Deixádeme dicirvos que se só imos falar un idioma polo número de falantes que ten e por razóns prácticas, económicas, laborais e de estratexia empresarial; entón só deberiamos falar inglés, mandarín e hindi. Falar a lingua materna vén dunha vontade comunicativa visceral e de conexión coa túa raíz, co teu clan. Non obedece á razón, senón ao corazón. Cantos máis idiomas falemos, mellor para nós pois cada lingua é unha maneira de ver o mundo, é o sentir dun pobo feito palabra, é unha chave para entrar nunha cultura diferente volvéndonos máis respectuosas e humildes. Quero aproveitar a celebración das nosas Letras para eloxiar tamén ás persoas da aldea pois durante moitos anos foron salvagarda do idioma galego antes de instituír unha gramática ou unha Real Academia. Hai que coidar do enxebre do noso acervo lingüístico, pero tamén hai que dar cabida a aquelas novas palabras que xorden porque senón o idioma queda afastado da realidade vital das falantes e estas pasan a utilizar palabras emprestadas ou roubadas a outros idiomas que si están recollendo ditas actualizacións.
06:28
May 20, 2022
Maternar
Maternar é coidar dende o amor e dende a capacidade de vencellarnos afectiva, emocional e enerxeticamente con aquilo que maternamos. Maternar non se relaciona unicamente con un bebé. Podemos maternar proxectos persoais e profesionais; relacións familiares, de amizade, de parella e de traballo; e incluso a nós mesmas. Todas temos clara a teoría sobre como se debería ser nai, sobre o que nos faltou na nosa crianza e sobre o que reprochamos á nosa propia nai. Pero esquecemos que unha mai non é un ser celestial, perfecto, elevado e con súper-poderes que vive exclusivamente por e para a crianza da prole. Temos unha imaxe idílica do que debería ser unha nai que non ten ningunha base no día a día da realidade humana. Acaba sendo un mito co que ameazar, xulgar e danar ás nais de carne e óso. Unha nai ten as súas problemáticas internas e externas, contextos e facetas, coma calquera persoa. Xa está ben de esperar que as nais sexan seres abnegados que renuncian a si mesmas para entregarse a servir ás demais. Xa está ben de esixirlle a unha nai que renuncie ao seu espazo persoal ou a divertirse fóra da maternidade. Xa está ben de maquillar a maternidade como a única experiencia posible para ser unha muller completa. Xa está ben de impoñer un único xeito de ser mai porque cada muller materna á súa maneira. Xa está ben de decidir o que deben facer as mulleres e convertelo en norma porque cada muller é unha persoa con unha vida particular e única da que se desprenden as súas eleccións. Na nosa sociedade, cando unha muller expresa que quere ser mai, non ten que dar ningunha explicación, ninguén lle pregunta por que. En cambio, se unha muller expresa a súa decisión de non  ser mai, esiximos saber o porqué desa “anomalía” ou dicímoslle con condescendencia “Iso dis agora, pero xa cambiarás”. É dicir, obrigámola a xustificarse ou negamos a súa decisión. Por que facemos isto? Tamén asociamos mai a crianza, pero hai mamás que non crían ás súas fillas por diversas razóns e son outras persoas as que acaban tendo conta da criatura, polo tanto crianza non é exclusivo dunha mai nin vai ligada sempre ao feito de parir. O sistema empúrranos a considerar a maternidade o camiño obrigado para ser considerada unha “muller plena”. O determinismo biolóxico úsase para incitar ás mulleres a parir e ser nais só porque o seu corpo é capaz de xestar. A “muller-nai” emerxe así como unha institución que, sexamos sinceras, é indispensable para a continuación do sistema de Mercado pois, que faría sen esas pequerrechas que serán futura man de obra e consumidoras da engrenaxe? En definitiva, o que quero transmitir é o agradecemento tanto para coa nosa nai como para con todas esas figuras maternas que participaron da nosa crianza e contribuíron ao noso crecemento e desenvolvemento. Nais arrepentidas de Orna Donath: unha mirada radical á maternidade e as súas falacias sociais.  Non nais de  María Fernández-Miranda: mulleres sen fillos contra os tópicos. https://carolinagonzalezma3.wixsite.com/doulasoymujer
07:55
May 13, 2022
Himno ao corpo
O corpo: recipiente de vísceras e fluídos, carne que nos expón vulnerables, instrumento de identidade, moeda de cambio, transporte que nos leva e nos trae, atadura ao mundano, fonte de pracer, encarnación da política, manifestación da vida, abeiro da morte, ... Como explicar a relación co propio corpo? Podemos pensar que é todo un descoñecido nos primeiros anos de vida, un obstáculo hormonal na adolescencia, unha ferramenta de produción na adultez e unha carga na vellez. Mais o corpo é un rexistro do vivido, un baúl cheo de experiencias. É un organismo que conta cunha linguaxe e memoria propias. A maior parte do tempo tratámolo como un impedimento, como un obxecto inerte e decidimos desconectarnos del porque nos resulta demasiado “animal”, demasiado preto da Natureza da que renegamos en prol da nosa superioridade racional. Pensar que a mente racional é superior ao corpo e á súa sabedoría vivencial supón pagar un prezo moi alto porque nos afasta da nosa propia carne. Somos un Todo no que corpo, mente e alma se abrazan inseparables. Mais o corpo é o envoltorio material que sofre os efectos do que pensamos e interpretamos coa mente e do que transcendemos coa alma. Prestemos atención a como alimentamos o noso corpo, como o movemos, como lle damos descanso, como o poñemos en acción, como lle manifestamos afecto e tamén respecto, como lle damos espazo para que nos fale, como o aceptamos tal cal é, como o curamos, como o danamos querendo ou sen querer, como o cubrimos e como o descubrimos.
04:35
May 06, 2022
Bailamos?
Bailarina, danzante, bailadora, bailadeira, danzarina. Todas estas palabras refírense a aquela persoa que é amiga de practicar danza. Visualizo ese cadro titulado A danza no que o pintor Henri Matisse preséntanos unha rítmica sucesión de corpos danzantes espidos sobre un fondo de intenso ceo azule de veludento verde chan que transmite a conexión coa natureza, coa sensación de liberación emocional e de hedonismo. Sen dúbida hai no momento danzario algo de purgante, de expresión sublime, de exorcismo, de diálogo e de encontro. A danza é máis que elaboradas secuencias de pasos e posicións técnicas ao son dunha música. Respiración e emoción son danza. Quietude e silencio tamén son danza. Todas as persoas levamos dentro unha pulsión dancística, o que non significa que esa danza interna encaixe cos códigos dos estilos de baile clasificados como tal. Ritmo, tempo, cadencia, niveis e calidades varias son apeiros da danza que permiten infinitas combinacións. O movemento ten algo marabilloso porque, alén de ceibarnos fisicamente, provoca un cambio enerxético no noso interior e no noso exterior. A danza proporciona esta incrible oportunidade de revirar o noso mundo para amosarnos que outra vibración é posible. Por iso, se nalgún momento da nosa vida nos sentimos estancadas ou atrapadas, non se me ocorre mellor menciña que a danza. Non fai falla receita médica nin pagar por ela, está ao alcance de calquera e os efectos son inmediatos. Hai emocións que non sabemos poñer en palabras e porén si podemos levar ao corpo danzante para seren expresadas e compartidas. Podes bailar en silencio ou con música, desprazándote ou quieta, ao aire libre ou dentro dunha sala, soa ou acompañada ... E sobre todo, podes deixar fluír calquera emoción que abeires. Podes rir, chorar, berrar, cantar, rezar, esbirrar, ... Non existe ningunha emoción ou acción que a danza non acolla no seu xeneroso colo. Como dicía a gran bailarina e coreógrafa Pina Bausch: “Bailemos, bailemos, bailemos, ... senón estamos perdidas!” Hoxe, 29 de abril, conmemoramos o Día internacional da Danza e, sendo bailarina, pois non podo deixar de celebralo cada día do ano.  Así que... bailamos?
03:30
April 29, 2022
Pracer localizado
Pracer: sensación que unha cousa agradable ou que gusta moito produce no espírito ou nos sentidos. A definición parece clara, pero moitas veces o que nos custa é atopalo. Sería máis doado poder dicir: “Siri, busca pracer” e que nos dea a resposta, pero de momento non funciona así. Cada persoa experimenta o pracer de diferente maneira e ante diferentes estímulos. Ademais, dependendo do momento, da compañía ou da etapa vital o que nos resulta pracenteiro vai cambiando. Digamos que o pracer é algo así como un camaleón e un unicornio simultaneamente por iso nos custa dar con el. Onde está o pracer? Ao fondo á dereita coma os baños dos bares? Pois non! Hai moitos estudos e documentais que nos falan de que o centro xerador do pracer está localizado no cerebro. Isto pode parecer moi desconcertante xa que percibimos dende os neuroreceptores esparexidos polo corpo co cal temos a impresión de que experimentamos pracer dende o exterior. Mais onde se identifica e interpreta o pracer é no cerebro. Quen decide o que nos dá pracer é ese órgano esponxiforme que coloquialmente asociamos coa actividade intelectual e racional a pesar de que se ocupa de moitas cousas máis entre elas das nosas funcións vitais. A ver se resulta que o segredo do pracer sempre estivo agochado no faiado craneal e nós veña a buscar fóra? Sei que ao escoitar a palabra “pracer”, moitas de nós asociámola rapidamente ao sexo. Porén, os estímulos pracenteiros poden emanar de varias fontes como ben nos recordaba o precioso filme Amélie: afundir a man nun saco de legumes, partir o caramelo queimado da crème brulée coa culleriña e facer rebotar as pedras no canal Saint Martin. Pois iso, que o pracer pode vir de ulir a herba acabada de cortar, acariñar un gato, ducharse con auga quente, contemplar o solpor, recibir un cumprido, regalarlle algo a alguén, esmendrellarse con amigas, chorar, suar facendo exercicio físico, pintar, ... E se imos ao máis básico, satisfacer as nosas necesidades fisiolóxicas é moi pracenteiro: comer cando temos fame, beber cando temos sede, durmir cando temos sono, e poñéndonos escatolóxicas, cagar cando temos ganas. Hai moitas normas non escritas sobre aquilo que nos debe dar pracer e sobre como debemos expresalo, especialmente no caso das mulleres que durante tantos séculos fomos separadas do noso propio pracer. Sen dúbida, todas as persoas senten en certa medida unha represión do propio pracer por ser considerado tabú, sucio, egoísta, inapropiado, ... Socialmente rexeitamos a abundancia do pracer porque pensamos que debemos "merecelo" sacrificándonos, renunciando a cousas, sufrindo e pasándoo mal previamente. Primeiro debemos ser castigadas para despois ser compensadas con algo de pracer, anque sempre o sufrimento debe ser maior que o gozo. Aí está esa culpa que condiciona o pracer e en ocasións até pode extirpalo. Non nos sentimos merecedoras do pracer e asociámolo ao pecado da tradición xudeocristiá que funda a nosa cultura e sociedade. Agora ben, todo na vida non é pracenteiro, por suposto. Non estou dicindo que debamos ser escravas da busca do pracer. A proposta sería máis ben abrirnos a recibir sen reservas nin culpa os momentos pracenteiros que se nos presentan na Vida. - Podemos resignificar o pracer como algo mutable e aberto? - Podemos aceptar sen xulgar a peculiaridade e o xenuíno do pracer de cada quen empezando polo propio? - Podemos observar que se agocha detrás desa culpa que sentimos: un acto auto-masoquista que nos proporciona pracer ou a crenza de non ser suficiente? - Podemos explorar o pracenteiro das pequenas cousas e xestos para romper co monopolio que concedemos ao sexo sobre o pracer? - Podemos facer conscientemente partícipe ao cerebro na nosa experiencia do pracer? Unha vez máis, non teño as respostas, só teño as preguntas.
05:15
April 22, 2022
O valor de existir
A frecha sostense disposta e presente en contacto coa corda do arco e nese intre, incluso para sorpresa da tiradora, prodúcese a acción e a frecha dispárase. Será posible ese estado de non intencionalidade e de desprendemento no que simplemente existir xa outorga todo o valor? A trindade “ resultado = éxito = valor ” xeroume cantidades inxentes de sufrimento. O éxito é un xerundio, un “estar facendo” que non ten que ver co resultado, senón coa acción. Porén, moitas veces a acción trátase de “non-facer”. Confeso que “non-facer” resúltame moi difícil porque me pon diante un baleiro incómodo e zumegante de incerteza. Na maioría de ocasións dáme medo esa quietude e decido recorrer ao “facer, facer, facer...” buscando lograr algo exteriormente como automatismo anestesiante. Cando paso momentos de bloqueo e de profundo cuestionamento persoal e profesional, revélaseme que é xustamente nese baleiro ao que tanto temo que pode acontecer a vida e a acción xenuína. Se son completamente honesta, o que me asusta é soltar a ilusión de control coa que medrei e sobre a que construín uns piares que en realidade son espellismos incapaces de sosterme. A miña tan aclamada forza de vontade, a miña necesidade de sentir que me esforzo e a miña crenza de que o que eu non faga non se realizará, leváronme á acción dende un lugar externo. Buscar fóra converteu en insatisfactorio e infrutuoso o meu facer porque estaba desconectado de min mesma e afastado da miña “obra interior”. Así que o reto para min é desfrutar da acción que nace xenuinamente de dentro e non condicionar o meu valor a un facer ligado á produtividade. Que tal ir cara dentro e coñecer á buscadora en vez de impoñerme unha busca externa? É aí cando me observo disposta e presente como a frecha que conecta co seu valor polo simple feito de existir e non polo feito de acadar o centro da diana. Nada que demostrar; todo por vivir. Existo e aí radica o meu valor. Punto.
03:39
April 15, 2022
Repetimos?
Alá polo ano 2008, o xornalista, escritor e sociólogo Malcolm Gladwell formulou unha teoría de gran impacto: para ser moi boa en algo, debemos dedicarlle polo menos 10 000 horas. Entón, para ser experta hai que practicar repetidamente até que adquiramos a pericia que require. A repetición da práctica como clave para a destreza máis alá do talento ou don innatos. Até aquí poderiamos pensar que a repetición é algo que nos aporta beneficios e que decidimos de maneira voluntaria como medio para chegar á excelencia. Podemos identificar que hai un repetir como algo activo, por exemplo: volver dicir ou facer algo que xa se dixo ou fixo antes ou servir máis cantidade dunha comida despois de rematar a que se estaba comendo; pero tamén hai un repetir como algo pasivo, por exemplo: o sabor dunha comida ou alimento que volve á boca mediante eructos ou volver facer un exame ou un curso cando te suspenden, é dicir, que outras persoas ou factores obrígante a esa repetición. Mais, que hai das repeticións na nosa cotiandade? Chamámoslles hábitos e poden ser alimenticios, de hixiene, de consumo, de coidado propio, de exercicio físico, de ocio, ... Son esas pequenas cousas que repetimos diariamente e que, á fin de contas, configuran o noso xeito de vivir. Parecen insignificantes xestos e porén son os piares sobre os que construímos a nosa realidade. E que hai desas repeticións que levan anos formando parte de nós e que se asentaron inconscientemente diluídas no noso comportamento de xeito automático? Chamámoslles patróns e foron xestados na nosa infancia coa función de facernos sobrevivir no noso contexto familiar, social e cultural. O que ocorre con estas repeticións solidificadas en patróns é que normalmente non as detectamos ou, se as detectamos, comezamos a culpalas por todo o que nos ocorre e que non nos gusta. Eses patróns que hoxe maldicimos en realidade foron os botes salvavidas na marusía dos nosos primeiros anos. Pero, a día de hoxe, non nos están salvando a vida, senón atándoa a crenzas limitantes que teñen a súa orixe en acontecementos vividos cando eramos cativas indefensas. Agora xa somos adultas e podemos darlle á nosa nena interna esa protección e sensación de seguridade que precisa porque desenvolvemos outros recursos cos que lidar perante as adversidades. Non utilicemos os patróns como escusa para non mudar eses comportamentos  que nos impiden avanzar. Sempre hai opcións para facer as cousas de maneira diferente. Así que preguntémonos: - Estou repetindo para volverme unha experta ou estou repetindo pola comodidade da inercia automática do que é coñecido? - Repito porque quero, porque algo ou alguén me obriga ou porque creo que non podo evitalo?
03:56
April 08, 2022
Non son mandona, son a xefa
Cal prefires: mandona, autoritaria, mangoneadora ou mal fodida? Só polo feito de ser a que opina, a que disente, a que toma as decisións, a que dirixe, a xefa. Son ambiciosa e aprópiome das miñas paixóns, desexos, sabedoría, conviccións, liderado e compromiso coa vida. Abro camiño ao emprender, ao asumir retos e responsabilidades, ao expoñerme dende a miña vulnerabilidade, ao dirixir desde a escoita. É algo a celebrar e non a reprochar. Ao inicio da miña andadura adulta, insegura sobre min mesma e sobre as miñas opinións, sentíame afagada por ter sido admitida no mundo preeminentemente masculino do Pensamento e da Arte. Non me atrevía a facer ou dicir algo que puidese molestar. Parecíame que debía facerme perdoar pola miña pretensión creativa e que debía ocupar o lugar “privilexiado” que se me outorgaba como obxecto pasivo, bonito e sen reivindicacións inda á custa de perder a miña liberdade. Fomos criadas para pensar que é moi importante gustar ás demais persoas e iso exclúe amosar rabia, agresividade e disentir. En moitas ocasións aconselláronme “polo meu ben” ser menos sensible, egoísta, charlatana, impaciente, escandalosa, tallante, susceptible, independente, hedonista, perversa, sabichona,  esixente, colérica, intensa, provocadora, resabida, sexual, feminista, vingativa, irreverente, ... Hoxe toda esta lista de adxectivos paréceme marabillosa e até divertida xa que é con tremendo gozo que podo vivir todo o que son en cada segundo da miña vida. Doume de conta de que ser a “muller demasiado” é estar viva. Desfruto da aventura incerta que é asumir por min mesma a miña existencia dándome o meu propio lugar para ocupalo completamente. Arde o meu lume cardinal lunar alimentando a miña enerxía de decisión e impulso creativo de alta voltaxe neste novo ano astrolóxico que comeza. Muller: abrázate enteira, ámate enteira, brilla dende o interior e en paz contigo mesma. Sé a líder que estás chamada a ser e mantén viva a fogueira da túa propia voz. #nonsonmandonasonaxefa
04:04
April 01, 2022
Un lugar para contemplar
O 27 de marzo é o Día internacional do Teatro e, sendo actriz, pois non podo deixar de mencionalo nin de celebralo con moito agarimo cada día do ano. Na fala coloquial, cando dicimos que alguén é “teatreira” ou que está “facendo teatro” nunha situación, referímonos a que fai algo falso, que engana e trata de manipular ás demais. E isto évos ben curioso porque en cambio, ás actrices o que nos esixen durante a formación e durante a carreira profesional é, xustamente, que entreguemos a verdade en escena. A palabra Teatro vén do grego e significa literalmente "lugar para contemplar". Así pois, podemos dicir que o teatro é un ritual que dá paso a unha xuntanza de persoas co obxectivo común de contemplar. Os individuos escollen unirse en comunidade para observar na inconsciente busca da purificación catárquica e da éxtase bipolar entre a vontade de fuxir da propia vida contemplando a de outras e a vontade de encontrar a propia vida nas historias desas personaxes en escena. Creo que a Vida ten moito de gran teatro onde todas somos actrices e espectadoras ao mesmo tempo. Non pola falsidade do que amosamos, senón polos múltiples sentimentos, pensamentos e roles que adoptamos ao longo do día. Cada persoa abeira dentro de si moitas facetas que se desenvolven dependendo do contexto e do rol social, familiar ou laboral no que nos atopemos. Asemade, moitas veces queremos fuxir da nosa propia vida escoitando as laias doutra persoa e outras tantas veces queremos contar as nosas laias e sentir que a outra persoa empatiza connosco. Un comportamento dunha persoa non a define perennemente, hai moito máis que non estamos vendo. Tanto se alguén nos parece desprezable como se nos parece marabillosa, só estamos vendo unha pequena parte dese individuo dende o filtro subxectivo da nosa interpretación persoal, por suposto. Cando xulgamos que a outra persoa é imbécil, aproveitada, simpática, amorosa, amable, seria, extravertida ou malhumorada, facémolo dende o que sentimos na nosa interacción con dita persoa nese momento concreto; mais nas restantes vinte e catro horas do día, tanto nós como a outra persoa non nos mantemos iguais no noso sentir, pensar e actuar. Somos infinitas e cambiantes por iso o de coñecerse a unha mesma leva toda unha vida e nin sequera sabemos se daremos coñecido todos os nosos propios recunchos internos, pra' canto máis coñecer totalmente ás outras persoas ... Amigas, en definitiva: compaixón e paciencia para co que vemos en nós e para co que vemos nas demais. Ofrécesenos un espazo magnífico no que entregarnos á tarefa da espectadora na butaca e á tarefa da actriz no escenario. Aproveitemos que temos a Vida como fermoso “lugar para contemplar” ás outras persoas e a nós mesmas.
04:12
March 25, 2022
O momento dos inicios
O día 20 de marzo estaremos iniciando o ano novo. Algunhas diredes: “Un momento... Se o ano comeza o 1 de xaneiro, de que fala esta?”. Que aquí vivamos baixo os mandatos do calendario gregoriano, non impide que haxa outras verdades que teñen as súas raíces nunha sabedoría máis antiga e ancestral. Un ano solar dura exactamente 365 días, 5 horas, 48 minutos e 45.10 segundos. Cada vez que o Sol pasa polo primeiro punto de Aries, empeza o novo ano. Aries é unha constelación do Zodíaco e o Zodíaco é a franxa ideal da esfera celeste dentro da cal se moven as Luminarias e os Planetas. Aries ou tamén chamado Carneiro, representa esa gran forza e impulso de acción, a enerxía yang en todo o seu esplendor. O primeiro signo do zodíaco simboliza o Eu, a individualidade, abrir camiños onde ninguén desbravou antes, romper barreiras, liderar, ter a coraxe de loitar polo queremos, identificar a propia vontade, ser a guerreira. Todo un canto ao autocoñecemento e á acción. É por iso, que Carneiro personifica o impulso que nos expulsa da nosa zona de confort convidándonos a explorar novos terreos. Iniciando este ano astral, préndese a faísca que fai nacer a fogueira. Convértenos nunha frecha humana disposta a dar no centro da diana, pero cal é a diana á que desexamos apuntar? Este ímpeto dos inicios é marabilloso para investirnos en novos proxectos vitais ou profesionais, para atrevernos a dar eses pasos dos que sempre falamos pero que aínda non demos por medo ou por crernos insuficientes. A ilusión e determinación coa que comezamos algo é luminosa e poderosa, teñámolo presente. A astroloxía é para min un incrible instrumento de autodescuberta xa que nos remite aos arquetipos universais que son a esencia da Humanidade. Ao contrario do que moitas poidades pensar, a astroloxía non nos di o que nos vai pasar nin o que temos que facer. Fala das enerxías universais e aplica a máxima de "Como é Arriba, é Abaixo". Dende a Antigüidade foi usada como ferramenta de consulta e de lectura dos eventos celestes e das enerxías activas nese momento e iso é o que nos ofrece, pero como a usemos é totalmente decisión nosa. O Universo está parindo un novo ano e podemos aproveitar esta fermosa enerxía primaria para lanzarnos, así que deixo aquí unhas cantas preguntas para facérmonos aproveitando a tempada ariana:  - Que estudos me gustaría iniciar? - Que proxecto persoal ou profesional quero emprender? - Que actividades de ocio quero incorporar á miña vida?  - Que maneira de relacionarme ou que tipo de relacións persoais (de todo tipo, non só de parella) desexo empezar a desenvolver? - Que rutinas de coidado propio ou de exercicio físico me gustaría levar a cabo no meu día a día?  - Que novos pasatempos me gustaría probar?  Agora é o momento de iniciar aquilo que desexamos!!!
04:12
March 18, 2022
A muller Esfinxe
A Esfinxe foi designada como “monstro feminino”. A mitoloxía grega representouna como unha leoa alada con cabeza e peito de muller que propoñía enigmas irresolubles. Discípula das Musas na formulación de adiviñas, esta “cruel cantora”, dicían, mataba abrazando e asfixiando aos que non conseguían resolvelas. A mirada masculina converteuna en emblema da perversidade, a maquinación e a sexualidade devoradora. Deixando á parte tanto a obxectivización en forma de adorno de decoración grutal como a hipersexualización que deron os homes á súa enigmática aura, a Esfinxe é unha criatura esotérica de profunda sapiencia que salvagarda o coñecemento e o oculto de caer en mans interesadas e profanadoras. Gardiá do sagrado e protectora de santuarios, mausoleos e oráculos. Ogresa de rostro inescrutable, de profundos e sabios ollos que ven máis alá das aparencias. A sabedoría da Esfinxe radica en mirar de fronte e escoitar receptiva para, só se o considera necesario, facer as preguntas incómodas. Durante séculos, as Mulleres tivemos que baixar a mirada, mirar cara outro lado ou incluso pechar os ollos por medo, impotencia e resignación coa crenza de que non podiamos facer outra cousa. Hoxe vemos posibilidades que antes non eramos capaces nin de imaxinar. Soster a mirada aberta e directa moitas veces interprétase como algo ofensivo, descarado, provocador ou intimidante nunha muller causando naqueles que nos observan desconcerto e irritación. Coidando da nosa natureza salvaxe e cíclica, a nosa voz ouveadora e os nosos cambaleantes pasos descalzos, aí está a Esfinxe. Acaricia cos seus ollos o que ocorre, sabendo que ten o poder de dar un mortal abrazo se é preciso defenderse, pero coa vontade amable de recibir e non de atacar. Coa mirada aberta e receptiva podemos captar o esencial e iniciar unha conversa que abrace a complexidade e contradición inherentes a todo ser humano. Irmás, protexamos a sabedoría e o sagrado en nós como fai a Esfinxe: mirando de fronte aos sucesos e persoas que se nos presentan diante cada día do ano.
04:34
March 11, 2022
A guerra dentro de nós
A democracia actual ten as súas fallas a nivel de transparencia, de sistemas de representación, de sistemas de partidos, de financiamento, ...  Non hai nada perfecto, mais o que está claro é que cando votamos, estamos outorgando o poder de representarnos a esas persoas da lista. Quizais alguén pense que a política é unha estafa ou o reino da corrupción. Pero aínda que pensemos iso, o que vemos fóra reflicte o que hai dentro. Se aplicamos este aforismo, as persoas nos cargos políticos ás que criticamos e acusamos son un reflexo do que levamos dentro. Son un exemplo a gran escala do que nós tamén facemos a nivel doméstico e local. É duro e incómodo de asumir que se vemos corrupción fóra é que tamén está dentro de nós, se vemos guerra fóra é que tamén está dentro de nós. Nada agradable admitir isto, verdade? O conflito armado entre Rusia e Ucraína é agoniante. Persoalmente, sinto unha dor tremenda por todas esas persoas que están sendo bombardeadas. As guerras non son unha materia dos libros de Historia, son unha posibilidade moi real que escollemos esquecer mergullándonos na anestesia do consumismo. Agora falamos de Ucraína, pero cantos outros conflitos armados seguen activos no mundo e  desentendémonos porque non saen nas noticias? Que hai de Afganistán, Siria, Libia, Iemen, Palestina, o Sáhara, Etiopía, Colombia, Nicaragua, Haití, ... ? E que hai das refuxiadas e das migracións que xeran ditos conflitos? Os medios de comunicación teñen o poder de escoller a información que comparten. Pois nós temos a responsabilidade de pescudar pola nosa conta para informarnos do que está a ocorrer. Todas as flores foron semente e botaron raíces antes de rosear. Así que hai un pouso que vai fervendo a fogo lento e un día estoupa. A explosión é de súpeto, pero o seu contido é resultado das nosas accións como Humanidade. Preguntémonos que sucesos foron caldo de cultivo para esta situación que estala agora en Ucraína? Os seres humanos temos unha incrible capacidade para esquecer o que pasou e en parte grazas a iso  moitas veces podemos seguir adiante. Asemade, os seres humanos temos unha incrible capacidade de recordar selectivamente, o cal fai que tomemos moitas decisións en base a experiencias das nosas devanceiras e deste xeito construímos a nosa identidade e a nosa sensación de pertenza ao clan. Pensar que hai bandos e que nós estamos no “lado bo” é unha estratexia simplista para sentirnos mellor con nós mesmas. Temos unha Humanidade dividida polas interpretacións mentais que facemos. Como podemos pensar que o que sucede a milleiros de quilómetros non nos afecta? É hora de despertar e facernos conscientes de que estamos interconectadas e aquilo que lle acontece a unha das partes afecta ao Todo por igual. Calquera acontecemento é unha oportunidade para autoindagar e observarnos. Entón, preguntémonos que guerra interna teño en min que se reflicte en toda a súa crueza nesta guerra externa? Fagámonos conscientes e responsables do que levamos dentro en vez de proxectalo fóra inconscientemente. Pode que pensedes que é unha visión do asunto moi New Age, pero se a nivel individual non somos quen de facernos cargo das nosas “guerras internas”, seguiremos producindo guerras externas.
04:55
March 04, 2022
A vida é un carnaval
As máscaras e disfraces crean un espazo entre a persoa que os leva postos e os actos que leva a cabo. Póñovos tres exemplos: o filme de Kubrick titulado “Eyes wild shut”; o Ku Klux Klan; e os Masóns. O perigo ou vantaxe, segundo como se mire, do enmascaramento, é que agocha a identidade da persoa responsable de ditos actos. Porén, dende o 2020,  un presente pandémico creou un contexto no que, paradoxalmente, o que inquieta e dá medo resulta ser o rostro ao descuberto. Curioso, verdade? É que empeñámonos en demostrar o racionais, modernas, tecnolóxicas e avanzadas que somos como sociedade occidental, pero seguimos precisando purificarnos e liberarnos mediante o rito e a conexión coa natureza, o oculto, o reprimido e o irracional. Hai unha viaxe entre opostos moi intensa do noso péndulo vital: éxtase ou abstinencia, exhibirse ou ocultarse, ser ou aparentar. E non aceptamos ese movemento pendular porque xulgamos que só debemos pasar por certos estadios do abano de posibilidades e ignorar outros. A frase de RuPaul di así: “Todas as persoas nacemos núas e o resto é Drag”. Esta cita exemplifica á perfección que temos varias versións de nós mesmas en función da etapa vital na que estamos; e varias personaxes en función dos roles e contextos nos que nos atopamos. Somos moito máis do que amosamos. Somos moito máis do que agochamos. Somos tan inabarcables que non cabemos nunha soa imaxe porque o contínuum da experiencia humana é fluído e poliédrico. Non somos unha soa cara do polígono, somos calidoscopios en continuo movemento. E por máis que nos empeñemos en manter sociedades que persigan a rixidez e a estaticidade, só é un desesperado intento de darnos unha sensación de control que calma o noso sistema nervioso perante o descoñecido, cambiante e incerto da Vida.  Que viva a festa do Entroido porque consegue liberarnos dos pesos desas máscaras, disfraces e personaxes que levamos postas o resto do ano! Déixovos aquí unhas preguntas para facérmonos nestes días de troula carnavalesca: - Que necesidade nos leva a agocharnos tras disfraces e máscaras: a de ser outra persoa ou a de ser realmente quen somos? - Que permisos nos damos cando nos sentimos libres da imaxe que creamos de nós mesmas? - É o Entroido unha posibilidade de ser outra persoa ou de explorar partes de nós mesmas que mantemos reprimidas a diario?
04:46
February 25, 2022
Conversando con mamá
Este é un episodio diferente porque estarei acompañada. A nosa cómplice de hoxe chámase María, alias Marita. É unha muller marabillosa, todo un referente que, ademais, casualmente é a mai que me pariu. Convideina a conversar no espazo de Unha pedra no zapato porque a súa sabedoría é moi especial, misteriosa, profunda, ... e encantaríame que a comparta convosco. Así que aquí estamos difundindo polas ondas un pouco de Marita para o mundo.  Hoxe imos falar da señardade, ou o que é o mesmo: a soidade. A pesar das diferenzas xeracionais, de opinión ou de estilo de vida e do moito que inconscientemente xulgamos a aquelas que nos preceden; abrir un espazo para conversar coas nosas proxenitoras é sempre valioso. (Por se estades interesadas, o sabio do que falo no podcast chámase Sadhguru e podedes atopar vídeos seus moi facilmente en Internet.)
15:32
February 18, 2022
Amor descafeinado
Falemos do 14-F, un día tan comercial que converteu o amor en algo descafeinado, bonito para a foto e rápido para consumir. O caso é que aquí estamos buscando agasallos para demostrar o moito que amamos á nosa parella. Porque anque se diga que é o “Día do amor e a amizade”, o 14 de febreiro zumega parella-centrismo. A mensaxe detrás de todos eses anuncios e ofertas de San Valentín é que se non tes parella, estache faltando algo. Pois resulta que o Amor pode manifestarse en relacións que temos na nosa vida e que non son de parella; por non falar de que podemos amar unha actividade, unha afección, unha mascota, ... non só a unha persoa. Sería importante poñermos atención no consumo que facemos, non só durante o 14-F, senón durante todo o ano de películas, libros e series que falan dun “amor romántico” cuxas características imos interiorizando inconscientemente e que logo esiximos nas nosas relacións amorosas creando un non parar de expectativas irreais. Será que no século XXI seguimos recreando unha idea do amor en parella posta ao servizo do entretemento e ademais ao servizo do comercio? O amor en parella non ten que encaixar nos estereotipos das comedias románticas hollywoodianas que feden a heteronormatividade, monogamia e roles de xénero definidos polo patriarcado. Fagámonos responsables do noso amor e atopemos a nosa propia maneira de vivilo, ofrecelo e recibilo sen responder a estándares externos creados con fins comerciais e con intereses represivos e inhibidores da nosa autenticidade. Aproveitemos tamén para recordar que amarnos a nós mesmas é unha das múltiples formas de amor e, se ben o ser humano é un ser social, a relación con unha mesma é a base para o resto de relacións que teñamos coas demais. Que tal se celebramos o Amor en todas as súas formas e todos os días do ano?
05:10
February 11, 2022
Buscando gurú
Fai unhas semanas estaba vendo un documental sobre Anthony Robbins: un orador motivacional moi famoso de Estados Unidos. Pois no documental pódese ver a milleiros de asistentes dos seus congresos dando chimpos, berrando, cantando e repetindo consignas con este home no que buscan euforicamente unha solución para as súas vidas. Cando vin esa estampa pensei: “Que grupo de ovellas desesperadas porque alguén lles amañe a vida”. E descubrinme sendo moi cruel e soberbia. Primeiro xulguei a toda esa xente e despois decateime de que, dalgunha maneira, todas estamos devecendo por deixar nas mans de alguén as nosas vidas para que nos digan como vivila. Andamos a buscar o santo graal, o vélaro de ouro, a chave das noces para que nos digan como se vive. Unha parte de nós implora ser guiada por outras persoas para telo máis doado: que me digan cal é o camiño e eu sígoo! Por suposto que é cómodo que nos dean as cousas feitas, que nos dean unhas directrices mastigadas que só temos que engulir. Que alguén se faga cargo da nosa vida, vaia. Mais esas directrices que nos dan as idealizadas guías ás que seguimos, seguen sendo un molde alleo no que tratamos de encaixar para ter a sensación de que pertencemos a un grupo, de que nos validan e confirman que estamos vivindo “como é debido”. Sen dúbida hai un certo descanso no feito de seguir os dogmas que ditan outras persoas ás que enxalzamos porque así evitamos facer o traballo persoal. É máis doado que nos dean unhas pautas que definan cales son as etapas da vida, que hai que facer en cada unha delas e acatalo. Por unha banda é un descanso, si; pero pola outra é un abandonarse a si mesma e unha irresponsabilidade para connosco. Non hai atallo, non hai receitas máxicas nin gurús que saiban vivir a nosa vida mellor ca nós. Así que tampouco creamos que sabemos como deben vivir a vida as demais persoas. Respectemos e valoremos a nosa batalla vital así como a das demais e, sobre todo, non nos eliminemos da ecuación da nosa propia vida.
04:38
February 04, 2022
Sorpresas da Vida
A Vida sempre me sorprende. Envorca as miñas certezas como se fosen un barquiño de papel á deriva e non podo máis que quedarme bocaaberta. Sei que moitas persoas asocian sorpresa con algo agradable, pero en realidade unha sorpresa é algo que nos conmove, que nos suspende e marabilla pola súa rareza ou incomprensibilidade. Unha sorpresa é algo que estaba oculto e de súpeto emerxe con toda a súa forza. A Vida sorpréndeme deixándome claro que non estou preparada nin advertida para o que dispón, que toda previsión pola miña parte queda desmantelada pola súa gran creatividade e poder. Atónita e pasmada incluso espantada co que se presenta diante de min. É nese preciso momento cando podo ver claramente que non importa a cantos cursos, meditacións ou libros teña recorrido porque a Vida na súa sabedoría coñece moito mellor ca min mesma o que necesito experimentar; e así o fai acontecer. A pesar de todo o traballo interno que fago, sigo atopándome con situacións, noticias e persoas que me deixan nese estado de pasmo e admiración extremados no que a razón e o discurso  quedan paralizados logo da convulsión e o espasmo. Fago plans e organizo horarios con gran eficiencia e meticulosidade – como boa Virgo exaltada – porén a Vida déixame moi claro que, nun segundo e cun leve sopro da súa vontade, o meu castelo de naipes esboróase. Entón xorde a pregunta "E agora que?". Pois a tomar a agulla de marear de novo para encontrar o rumbo no medio do océano vital. As sorpresas da Vida desacóuganme, descolócanme e atórdanme, mais grazas a elas descubro partes de min que doutro xeito non exploraría; situacións, lugares e persoas que doutro xeito non encontraría. Os xiros da Vida fan que a existencia humana estea chea de incerteza, pero tamén de estímulo e resiliencia. Así que a pregunta pasa a ser "Entrégome a confiar na Vida?". O traballo da Vida, por dicilo dalgunha maneira, é catalizar a existencia, facer que existamos, que vivamos todo o que se está dando no momento presente. Pero o que ocorre no momento presente a maioría das veces non nos gusta nada e buscamos evitalo, negalo, eliminalo, ... E iso fainos moitísimo dano porque é un atentado contra a Vida en si e por extensión contra a nosa propia existencia.  [A canción da que vos falo ao comezo do episodio titúlase "Pedro Navaja" e é de Rubén Blades.]
05:01
January 28, 2022
Espellos e filtros
Fai varios séculos só a mirada das outras persoas podía devolvernos unha "imaxe" sobre quen somos. Agora calquera ten acceso a espellos, fotografías, vídeos, ... e neles podemos mirarnos, descubrirnos e recoñecernos. Porén, a mirada das demais parte da súa propia interpretación e subxectividade polo tanto a devolución que nos ofrecen resulta ter todo que ver coas observadoras e nada que ver connosco, as observadas. A pesar disto, seguimos poñendo nun pedestal a opinión externa e tentamos axustarnos a ela. Chegadas a este punto podemos pensar: entón atendamos só á nosa propia mirada e listo! Pero é que tamén está impregnada de subxectividade e polo tanto de distorsión sobre o que vemos de nós mesmas e das demais. E como vos quedades se vos digo que tamén a imaxe que nos devolven espellos e cámaras modifica a realidade? Pois si, porque depende do tipo de espello no que nos miramos ou do tipo de lente da cámara que nos retrata. Ao final, a percepción que temos, sexa baseada en espellos e cámaras ou na mirada das demais, non deixa de ser unha construción feita a través da interpretación mental. Sería ben relativizar a importancia que damos a como nos vemos externamente; xa que de todos modos, cada unha de nós ve o mundo e aos outros seres humanos dende o seu filtro persoal.  E non podo falar de filtros sen referirme aos que utilizamos nas redes sociais para proxectar unha imaxe máis sofisticada de nós que non deixa de ser unha maneira de afastarnos da nosa realidade. Con isto non estou a dicir que a mirada doutros seres humanos sexa superior ou inferior á do algoritmo ou á nosa propia; non. O que digo é que todas esas miradas son tendenciosas e terxiversan a realidade. Cada persoa coa que nos cruzamos é un espello porque nos reflicte unha parte de nós. Normalmente é unha faceta nosa que ignoramos ou negamos posuír. Pero nós escollemos o que queremos ver, literal e metaforicamente falando. Igual que facemos ao contemplar a nosa imaxe en espellos, fotos, vídeos ou ao escoller o filtro para publicar un selfie. Que tal se tomamos a oportunidade de observar que hai detrás dese filtro persoal que aplicamos á hora de mirar o mundo e a nós mesmas? Que tal escanearnos internamente en vez de fotografarnos externamente? Que tal voltear a mirada cara dentro en vez de deixala cara fóra?
04:17
January 21, 2022
Misión de vida
A misión de vida xorde na intersección entre o que se nos dá ben e o que a outra persoa necesita. É dicir, é aquilo que nos resulta doado facer, que nos encanta e que pode facilitarlles a vida a outros seres humanos dalgunha maneira. Trátase de algo concreto e tanxible e non de grandes proezas das que se deriva un recoñecemento público. Porque se pensamos que a misión de vida ten que ser algo heroico e iluminado tipo María Teresa de Calcuta ou Gandhi, probablemente a presión que supón imaxinar que ten que ser algo grandilocuente impedirá que descubramos a nosa misión de vida.  Compártovos algunhas preguntas para facérmonos e quen sabe, se cadra poden axudarnos a descubrir a nosa misión de vida: Que me agradecen a miúdo as demais persoas?  Se me quedase un ano de vida: que faría?  En que se me pasa o tempo voando? Que se me dá ben de maneira natural?  Estou rodeada de persoas que me apoian?  Se non tivese medo e non me importase o que a xente opina, que me gustaría facer?  Como me gustaría ser recordada?  Se soubese que vou ter éxito, que me atrevería a facer?  Como pode axudar e poñerse ao servizo da comunidade aquilo que me encanta e para o que teño facilidade?
04:09
January 14, 2022
Alta sensibilidade
Como ninguén lle dixo ao abellón que - segundo os expertos en aeronáutica do ano 1934 – o seu peso, forma e tamaño das súas ás facíano inadecuado para voar, simplemente seguiu voando. Tras setenta anos de investigación, a física de fluídos por fin achou como o facía: as súas ás trazan un óvalo e dóbranse cara diante e atrás xerando turbulencias microscópicas. O abellón desafiou os límites aparentes e as normas establecidas co seu xenuíno movemento de ás.  A diferenza do abellón, a min si me dixeron que a miña “hipersensibilidade” sería un problema que me dificultaría a vida e crino. Por iso, construín múltiples coirazas para ocultarme e cortei as miñas ás por consideralas inútiles para o voo. Agora, en cambio, deixeilles brotar para permitirme a miña propia maneira de voar. As miñas ás, como as do abellón, tamén crean turbulencias, pero no meu caso emocionais. Aféctanme intensamente os cambios no comportamento e as emocións das demais persoas tanto como as propias e por iso me sinto azorada con gran facilidade. Sobreactívome a maior parte do tempo con todo o que ocorre ao meu redor. A miña intuición é extremadamente activa e percibo unha paleta infinita de matices que me levan a saber cousas que non sei como explicar. Desexo conectar coas demais e á vez protexerme dos estímulos inherentes á socialización; necesito ter conversas profundas con outras persoas e á vez tempo á parte para repoñerme e reflexionar a soas. Entón descubro que as Persoas Altamente Sensibles temos a gran función social de continuar co noso peculiar “bater de ás” porque pon sobre a mesa todo aquilo que os demais seres humanos refusan sentir ao crer que así se protexen para sobrevivir ao “voo” da vida. Por se vos pode ser de axuda, recoméndovos un libro moi interesante chamado < O don da sensibilidade >> escrito por Elaine Aron.
08:17
January 07, 2022
Conversando coa avoa
Este é un episodio moi especial porque estarei acompañada. A nosa cómplice de hoxe chámase Amelia. É un ser humano incrible, un gran referente de muller que, ademais, é a miña avoa. Convideina a conversar no espazo de Unha pedra no zapato porque ela abeira unha gran sabedoría vital que me encantaría poder compartir convosco. Así que aquí estamos difundindo polas ondas un pouco de Amelia para o mundo. Hoxe imos falar do descubrimento do esencial na vida de cada quen e do compromiso que require ese treito entre o dito e feito. As persoas que tedes anciás no voso entorno, celebrádeo moito porque son verdadeiras bibliotecas da vida! Esteades de acordo ou non co que din, sempre se aprende moito escoitando ás persoas maiores.
13:35
December 31, 2021
O que nos come por dentro
Nestas datas de celebración nas que a comida ocupa un lugar central, gustaríame levar a nosa atención cara a maneira que temos de comer no día a día alén de eventos e de festas puntuais. Non pretendo amargarvos as lupandas e banquetes destes días, xentiña senón convidarvos a unha reflexión profunda sobre os ágapes que inxerimos. Hoxe gustaríame falar do trastorno alimenticio por enchedela. A pesar de que non teño probas científicas que avalen o que vou dicir, atrévome a afirmar que polo menos o 80% da poboación, e inclúome, sufrimos esta desorde alimenticia. Consiste nun consumo masivo de comida sen control dos impulsos nin da alimentación que conduce a un posterior estado de ansiedade, culpa ou remorsos polo que acabamos de inxerir e que pode levarnos a repetir a pancha configurando así un círculo vicioso infinito ou tamén pode derivar en condutas bulímicas de purga como son vómitos inducidos, xaxuar ou facer deporte de maneira excesiva. Hábitos alimentarios coma este son unha táctica que utilizamos para manexar emocións dolorosas e para sentirnos en control das nosas vidas. Por suposto que tamén son o resultado dunha colosal imposición da imaxe do corpo delgado como canon de beleza único e aceptable. Un canon que distorce a nosa percepción do propio corpo. Así que comamos con gusto e desfrutemos dos manxares, pero esteamos atentas mentres comemos. Non para castigarnos nin culparnos, tampouco para culpar ou castigar a outras, senón para ir ao máis profundo de nós e atrevernos a ver e a atender iso que nos esforzamos en tapar comendo. Este tipo de condutas alimentarias en realidade non ten que ver coa comida en si. Ten que ver co que nos come por dentro a nós.
03:26
December 24, 2021
O aguinaldo da presenza
Non sei vós, pero eu dende que comezou o mes de decembro non deixo de recibir mensaxes de texto e correos electrónicos de diferentes tendas e marcas “convidándome” a comprar produtos varios e recordándome o meu deber moral de ter mostras materiais de benquerenza. Regalos para lavar conciencias, para comprar afectos, para encher baleiros, para compensar ausencias ...  Nestas semanas de bombardeo incitador ao consumo faise moi difícil ser conscientes de que compramos, por que o compramos, para quen o compramos e se de feito é necesario mercar algo. Nada material pode compensar o tempo de calidade compartido coas persoas amadas. O agasallo nunca vai substituír a presenza. De que maneira atendemos ás persoas que amamos? De que maneira lemos o que nos escriben, escoitamos o que nos din ou observamos o que nos amosan? Que tipo de agasallos regalamos? Son estimulantes, nutritivos, aportan, incentivan á outra persoa ou simplemente libérannos dunha obriga social e enchen un espazo físico na casa de quen os recibe? A miña invitación para todas nós é que dediquemos consciencia e presenza ás persoas e ao mundo que nos rodean. Nestas datas, desexo que o aguinaldo da presenza sexa o máis ofrecido e o máis recibido!
03:27
December 17, 2021
Que vivan as repugnantiñas!
Sabedes a típica persoa que cando a camareira pregunta que tal estaba a comida só por cumprir, ela vai e dá súa opinión sincera? Aquela que ve o fío que che colga da manga e avísate como se fose unha cuestión de vida ou morte? Esa que emprende batallas por un tícket de supermercado mal cobrado ou a típica que provoca que se alonguen as reunións porque fai as preguntas e comentarios incómodos que todo o grupo pensa pero que ninguén se atreve a facer? Eses individuos que nos enfastían cos seus comentarios puntillosos nos momentos menos oportunos. Esa xente que se hai un pemento que pica, tócalle seguro. Que vai moito frío ou demasiada calor, que ten moito sal ou está eslamiado... Que repugnantiñas estas persoas, verdade? Hoxe quero homenaxear a estes seres humanos porque sacan á luz o que nos resistimos a ver e a recoñecer. Son lanternas certeiras que iluminan esa molestia que abeiramos, esa ferida que supura. Facémolas culpables do que sentimos nese instante, pero só nos están amosando a insuficiencia que xa levamos dentro. Porén, todas somos repugnantiñas nalgún momento e, cando o somos,  insconscientemente estamos buscando demostrar que valemos, que sabemos, que somos dignas de amor.
02:38
December 10, 2021
Resignificando a quietude e a espera
A rapidez e a acción son calidades que se premian e que se valoran moito socialmente. Eu sempre me tiven por unha persoa moi rápida e activa. Calquera que me coñeza probablemente poida confirmalo. Entón comecei a reflexionar sobre a posibilidade de que a rapidez e a acción non me definisen e pregunteime se eu podería ser tamén unha persoa que existe na quietude e na espera. Decidinme a experimentar ambas cousas para poder ser consciente das miñas crenzas e prexuízos ao respecto. E é difícil, porque cando estás programada para actuar con rapidez o máis incómodo é que che arrebaten a ilusión de control que xera o feito de actuar e a ilusión de avance que xera o feito de ir rápido. O interesante era que as miñas ideas sobre a quietude e a espera estaban moi asociadas á pasividade e polo eran tanto moi opostas á rapidez e á acción que supostamente me definen. Na vivencia descubrín que podo existir tamén na quietude e na espera e que estas son moi necesarias porque permiten que a vida aconteza sen estar predeseñada nin condicionada por expectativas. E ti? Anímaste a explorar os teus opostos?
03:03
December 03, 2021
A cadea da violencia
Cada vez que algunha persoa é violenta con alguén hai algo non atendido no seu interior. Cando somos violentas, hai algo que non estamos querendo ver de nós mesmas, algo do que non queremos facernos responsables e explotamos cara fora derramando toda a lava do noso volcán sobre a outra persoa. Temos esta especie de estratexia inconsciente de buscar aquel que consideramos o elo máis débil da cadea e cebámonos con el. E isto pasa tanto a pequena como a gran escala, dende a familia até as guerras. Escollemos aquel ser sobre o que sentimos que temos poder e vomitámoslle encima todo o noso fel. En vez de mirarnos a nós mesmas e observar toda esa violencia que cargamos, escollemos proxectala noutra persoa e aí empeza a cadea. Multiplicamos a violencia a cada momento. Cada situación de violencia que padecemos ou que infliximos a outras persoas amósanos a inmensa dor que acumulamos no noso interior e da que evitamos facernos cargo. O máis fácil é dicir que hai persoas malas que son violentas e crer que somos alleas a elas sen decatarnos de que son os nosos espellos. O duro é asumir que eu tamén son violenta. Se como humanidade estamos conectadas, non podo ser allea a esa persoa que recibe unha malleira nin tampouco á persoa que propina dita malleira. Non me refiro soamente á violencia física porque, inda que é a máis explícita, son igual de ferintes a violencia verbal e a psicolóxica. Durante demasiados séculos, as mulleres temos sido sacos de boxeo para a descarga dos homes que se creron con dereito a derramar sobre nós a súa violencia e o seu esperma, incapaces de considerarnos seres humanos e tratándonos como obxectos da súa propiedade ao servizo das súas apetencias e da reprodución da “súa” semente. Cando hai un sistema e unhas estruturas de poder que consolidan o privilexio dos uns sobre as outras, a violencia infíltrase na cultura e na educación configurando unha programación interna que nos fai normalizala e aceptala individual e colectivamente. Todo tipo de violencia exercida sobre calquera ser humano é un acto que atenta contra a humanidade enteira. Onte foi o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller pois eu creo que ese día son todos os días: #ninunhamenos
05:42
November 26, 2021
Adicción a mellorarse
Consigue ser a mellor versión de ti mesma. Este é o anzol de milleiros de cursos, talleres, conferencias, libros, charlas, podcasts, ... Sen dúbida é un bo gancho porque, no máis recóndito, todas as persoas cremos que somos defectuosas e que hai algo que temos que “arranxar” no noso interior. Entón buscamos solucións externas que nos “axuden” a ser “mellores” e a eliminar as nosas sombras porque nos parecen inadecuadas, incorrectas e negativas. Arraigamos a crenza de que non somos válidas nin suficientes e contribuímos ao comercio e o consumismo en nome do crecemento persoal. Nace así a “adicción a mellorarse”. Pensar que o melloramento persoal consiste en negar e evitar aquelas das nosas emocións que socialmente se consideran negativas e en buscar técnicas ou métodos para eliminalas lévanos a xulgarnos e rexeitarnos sen compaixón. Como pretendemos aceptar e respectar ás demais persoas se non o facemos con nós mesmas e os nosos estados? Esa urxencia por “mellorarme” levoume a caer na trampa de que podía seguir una receita infalible para conseguir ser a versión “Rosalía-5G”. Se non segues as instrucións recomendadas por eses cursos, talleres, conferencias, libros, charlas, podcasts, ... es unha mediocre porque non invistes en mellorarte; e se as segues pero non acadaches o resultado de ter “mellorado” es un fracaso. Estamos ante un dos círculos viciosos máis perversos e adictivos que existen porque nos conducen a ter como referentes imaxes de idealizada espiritualidade que non son reais e que se basean na negación de partes de nós mesmas para que sigamos consumindo supostos produtos de “mellora persoal”. Opino que deberiamos usar todas as marabillosasferramentas que se nos ofrecenpara tomar consciencia de que a experiencia humana non é algo a perfeccionar, senón un proceso que se experimenta ao longo de toda unha vida. Aquí e agora xa estamos sendo a nosa mellor versión por existir plenamente coas nosas luces e sombras.
05:21
November 19, 2021
Unha pedra no zapato (trailer)
Unha pedra no zapato é algo incómodo que te obriga a parar e observar o interior do calzado para baleiralo. Pois do mesmo xeito, vou tratar temas que son as miñas “pedras no zapato” e expoñelos convidándovos á reflexión, á pausa e a viaxar cara o interior. Son Rosalía, artista e auto-indagadora, e este será un punto de encontro no que abrazarnos xenuinamente humanas e imperfectas. Conectemos aquí e agora en galego!
00:60
November 19, 2021